Nun concello como o de Teo con preto de 80 xacementos megalíticos catalogados é máis que significativo que non exista ningún en condicións de ser visitado. A veciñanza teense e a cidadanía en xeral non pode valorar un legado herdado de xeración en xeración que é totalmente descoñecido a pesares de contar cun valor social e cultural incalculable. É evidente que isto non é xestionar o patrimonio dun municipio. Cada vez é maior esa fenda que racha a simbiose co medio e co sentimento de pertenza dunha comunidade á paisaxe que definiu o seu destino común.

Ese equilibrio rómpese porque os gobernantes e institucións que deberían velar pola preservación, conservación e valorización destes bens culturais non exercen o seu cometido. Existen leis e disposicións normativas neste ámbito mais non se aplican por razóns descoñecidas. Cal é o motivo que fai que as administracións incoen con certa celeridade expedientes de infraccións e reposicións urbanísticas a raíz dunha obra manifestamente ilegal pero non fagan nada cando se realizan a diario repoboacións forestais que arrasan co noso patrimonio?
Só nos últimos cinco anos un 7% destes túmulos de Teo foron alterados e danados, en distinto grado, pola acción da humanidade, que saibamos, ningún deles supuxo infraccións ós seus responsables por delitos flagrantes contra un patrimonio que é de todos.
Porén, o caso teense pódese extrapolar a todo o país. A realidade cotián é aínda peor do sinalado por certos colectivos e entidades sociais sensibilizados e preocupados pola situación actual na que priman os valores económicos a medio e curto prazo e un desenvolvemento urbanístico mal entendido, que esquece que esta riqueza cultural aproveitada de forma responsable e sostible é o mellor activo para contribuír á mellora das condicións de vida das persoas, tanto no aspecto material (aproveitamento económico – turístico) como no inmaterial (educación, desfrute, satisfacción, identidade colectiva)
Segundo a UNESCO “o patrimonio cultural e natural son fontes de vida e inspiración insubstituíbeis, (…) reflexo da identidade dun pobo”, máis pouco ou nada facemos ó respecto.
A agresión á mámoa do Agro dos Calvos (GA15082091) , Luou, Teo
Non hai moitos días notificamos a inminente plantación da mámoa do Agro da Cruz, elemento non catalogado. Por desgraza non logramos evitar a plantación sen control dos eucaliptos sobre a mámoa pola inoperancia e deleixo dos que teñen a responsabilidade legal de evitalo.
Hoxe lamentablemente temos que denunciar unha nova plantación noutra mámoa do concello teense. Mais neste ocasión os feitos son aínda máis graves pois a coñecida como “Mámoa do Agro dos Calvos” si é un elemento catalogado coa súa área de protección recollida no PXOM teense e Plan Básico Autonómica. Estes feitos veñen a demostrar, que case non existen diferenzas nas garantías de respecto dos bens culturais, figuren ou non catalogados.

A mámoa do Agro dos Calvos localízase no lugar de Paraxó na parroquia de Luou. Coordenadas UTM 535.086 – 4.739.171 . A descrición da súa ficha no Catálogo de Bens do PXOM de Teo elaborado pola empresa Arkaios é a seguinte:
“Túmulo megalítico de aproximadamente 18 metros de diámetro e 1,5 metros de altura. Presenta un furado de violación central duns 4 metros de diámetro e uns 40 cm de fondo.”

O subsolado e posterior plantación de eucalipto afectou parcialmente a mámoa. Isto cremos que se debe a que a mámoa localízase en dúas parcelas distintas, como pode observarse no plano do catastro, polo que posiblemente pertenza a dous propietarios distintos.

A agresión ao petróglifo da Revolta da Palla (GA15078179)
Outra nova agresión a un xacemento catalogado da comarca é a que rexistramos esta semana no petróglifo da Revolta da Palla, en Tras Igrexa, Santa María de Villestro, Compostela. Por desgraza, esta agresión non nos colleu por sorpresa xa que este xacemento forma parte dun grupo de paneis dos que consideramos, por diversos motivos, que a súa conservación está en grave perigo. Un feito do que levamos varios anos informando tanto ao Concello de Santiago como a Dirección Xeral de Patrimonio sen que teñamos coñecemento de teren feito nada para minimizar estes riscos ata o de agora. Son principalmente elementos localizados en franxas de seguridade de liñas eléctricas ou en camiños.
O xacemento localízase nun camiño tradicional en desuso e a carón da zona de servidume dunha liña eléctrica o que fai que nas limpezas periódicas desta franxa o petróglifo corra grave risco de ser danado pola maquinaria pesada que realiza esas tarefas. Deste xeito, o panel vese afectado por dous graves riscos, os derivados das limpezas e a continua erosión producida pola area rica en cuarzos que cobre boa parte do xacemento. Coordenadas UTM 532687 – 4747833.
Este ano confirmáronse os nosos medos e a rocha sufriu perda de parte da súa superficie ocasionado proablemente polo golpeo dos baixos dunha das máquinas empregadas nas tarefas de roza da franxa. Afectou a unha superficie próxima a un dos dous cervos identificados nesta estación, o de maior tamaño. Outro posible dano non analizable é o derivado da fricción das areas que cubren o panel producida polo paso de maquinaria rodada de gran peso. E isto acontece sobre un xacemento con gravados naturalistas e xeométricos de grande interese que non foi estudado en profundidade e cunha boa parte das súas superficies aínda tapadas polo movemento de terras derivadas da realización da liña eléctrica.
Unha nova mámoa na Pena Redonda. Castiñeiriño, Compostela
Tamén esta semana localizamos unha posible mámoa non catalogada no sitio da Pena Redonda, parroquia do Castiñeiriño, moi próxima ao núcleo urbano. A recente plantación de eucalipto que a cubre completamente desluciu a ledicia producida pola localización dunha nova mámoa. Coordenadas 29T 537201 4743860.

Descrición. Altura aproximada 1, 50 metros. Cono de violación apenas perceptible duns 5 metros de diámetro, cuberto por restos vexetais da limpeza recente. Nun terreo onde a pedra escasea na elevación da mámoa obsérvanse bastantes fragmentos de xisto e algúns seixos que puideran formar parte da coiraza.

Procedemos a comunicar estas novas tanto á Dirección Xeral de Patrimonio como aos respectivos Concellos.
[…] Recentemente localizamos outro novo túmulo, aínda non catalogado, na zona do Outeiro (xa na parroquia do Castiñeiro no termo municipal de Santiago), bastante alterado polas continuas repoboacións forestais e tamén ó pé do chamado Camiño dos Arrieiros e da Geira. Esta última descuberta permítenos aventurar a expansión da necrópole de Montouto ata esta área ó NE, unha zona aínda máis alterada pola actividade humana. […]
[…] camiño tradicional arrasado en Teo, 2 mámoas no concello de Teo repoboadas con eucaliptos, 1 mámoa tamén “eucaliptizada” no concello de Santiago, o […]