Novos motivos no Castriño de Conxo


Conxo rula 3A evidente mellora da visibilidade en datas recentes dos motivos insculturados do petróglifo do Castriño de Conxo debeuse producir ao noso entender principalmente como efecto, a curto ou medio prazo, da limpeza da alta e densa vexetación do xardín da veciña Finca Somoza. É este un valioso exemplo do delicado equilibrio no que se atopa a nosa arte rupestre, xacementos ao ar libre que resisten ao paso dos anos con silencio estoico expostos as inclemencias do noso clima e a presión antrópica nas súas máis diversas variedades, desde a explotación sostible do medio, as menos das veces, ata a explotación “extrema” do monte, como ocorre coas plantacións de especies alóctonas, os omnipresentes eucaliptais, xunto co uso de maquinaria pesada ou o seu aproveitamento lúdico dun xeito irresponsable con bicicletas ou vehículos a motor.

A limpeza da finca produciuse xa fai dous ou tres anos e o efecto inmediato que produciu foi un aumento da exposición aos ventos e á luz solar do afloramento rochoso. O borde inferior da laxe é o máis exposto na actualidade, en contraste coa súa situación anterior que se traducía nunha maior presenza de comunidades de liques e musgos na superficie. Unha maior aireación e maior exposición á luz solar provocou en moi poucos anos a desaparición de gran cantidade dos musgos e liques presentes.

Dada a sección en U moi aberta dos sucos característicos dos gravados prehistóricos desta estación a presenza destes musgos dificultaba moito a visualización dos motivos presentes, polo que a mingua desta vexetación colonizadora da superficie da rocha é o que fai posible que na actualidade se poidan apreciar detalles e novos motivos que pasaran desapercibidos nos anos 70 e 80, nas análises realizadas por A. de la Peña Santos ou M. J. Soto Barreiro.

Á suposta descuberta dun novo motivo por parte de Jose Barral, amante dos petróglifos xa coñecido por nós por ter sido o descubridor de varias estacións no veciño concello de Teo como o petróglifo de O Meau recentemente afectado por un incendio, únense outros novos motivos e tamén novos detalles de motivos xa descritos con anterioridade.

Espada e puñalNa visita nocturna realizada recentemente polo colectivo confirmamos a existencia da espada destacada por Jose. Trátase dunha espada de grandes dimensións coa mesma tipoloxía que outras desta laxe, con nervio central e dous laterais e  pequena empuñadura. A superficie na que foi gravada destaca pola súa verticalidade en contraposición á superficie superior inclinada pero con maior tendencia á horizontalidade. A esquerda desta puidemos observar a existencia dunha segunda arma de menores dimensións que podería corresponder con un puñal. Deixamos aos especialistas a determinación da súa tipoloxía. Sobre a punta da espada observamos a presenza de trazos, un posible mango decorado con pequenas liñas e unha posible folla de machado. Estes trazos semellan superpostos e a súa correcta descrición requirirá dun estudo mais pormenorizado e da súa observación baixo diferentes condicións lumínicas. Atópanse estes motivos situados no extremo esquerdo inferior da laxe.

No borde inferior, en posición central puidemos observar a presenza de unha nova alabarda de pequenas dimensións con representación de detalles na folla similares aos das alabardas xa coñecidas con anterioridade.Conxo rula 4 A disposición desta arma tamén é similar ao doutras armas da laxe, en paralelo a outra alabarda e ordenadas no mesmo sentido que a superficie da laxe cada unha delas aparece orientada en sentido contrario a outra á imaxe de dous pares de espadas/puñais presentes na laxe. Esta nova alabarda relaciónase no extremo do mango con un círculo ou cadrado con bordes redondeados e coviña central.

Non son estes os únicos novos motivos observados. Puidemos observar varios trazos conformando posibles puñais incompletos, outro círculo con coviña central e outros sucos, outro escaleriforme ou mango adornado con liñas horizontais,… Mais estes motivos requiren de un mellor estudo para poder facer unha descrición máis completa. O mesmo ocorre cos novos detalles observados nos escutiformes descritos con anterioridade como incompletos. Deixamos pendente a mellora da súa descrición ata que nós ou outros fagan unha análise mais pausada e completa a través doutros medios técnicos.

EscutiformeQuixemos con esta pequena entrada adiantar estes datos co obxecto de animar aos estudosos da nosa arte rupestre a facer unha revisión desta senlleira estación que sirva para acadar un máis completo coñecemento da mesma que poida axudar á súa, máis que merecida, posta en valor por parte das nosas administracións e así achegar a todos os públicos este excelente exemplo da nosa arte rupestre prehistórica nun concello como o de Santiago de Compostela, Patrimonio da Humanidade, que sempre lle deu as costas.

Para saber máis:

2 pensamentos sobre “Novos motivos no Castriño de Conxo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.