Achegámosvos unhas imaxes e vídeo dunha aliñación arqueoastronómica no solsticio de inverno entre os outeiros do Meau e o Outeiro do Ledo na área arqueolóxica do Monte Piquiño no Concello de Teo.

Dende o Petróglifo do Meau puidemos contemplar a saída do sol xusto por riba da peneda do petróglifo do Trono do Raíña situado na cima do outeiro do Ledo.
O sol semella despois ir lentamente ascendendo por riba do outeiro do Trono da Raíña. Á vez, no outro extremo, no outeiro do Meau, os raios de sol van acariñando e iluminado as dúas combinacións de círculos concéntricos dispostas nun panel inclinado que recibe a luz nunha proxección case diagonal
Trátase dun evento astronómico que só podemos observar nestas datas do ano e que foi localizado e está a ser investigado polo especialista da Rula neste campo, Antón Bouzas.
Vandalismo no petróglifo do Meau
A nota negativa das xornadas de observación foi o estado no que nos atopamos o petróglifo do Meau. Alguén procedeu a eliminar os musgos onde se sitúan os gravados puidendo provocar graves alteracións que poñen en risco a boa conservación dos gravados.

Fose feito de boa ou mala fe o que debe ser evidente para todo aquel que visite un petróglifo é que debemos evitar exercer calquera tipo de forza mecánica sobre a superficie onde se conservan os gravados que poida alterar definitivamente a pátina conformada ó longo do tempo.