Pescudando na áspera superficie dos perpiaños graníticos que conforman as rúas, prazas e recunchos da améndoa de Compostela, na procura de taboleiros de xogo de tempos do barroco, temos topado con gravados moi diversos: fragmentos reutilizados de lápidas sepulcrais renacentistas, de inscricións medievais e modernas, simples iniciais, siglas políticas do século XX, nomes, cruces e ata un calvario, este último na fachada do Museo Catedralicio.
Entre estas, a que presentamos a continuación espertou especialmente a nosa curiosidade. Localízase no adro da fachada da igrexa de San Martiño Pinario, no muro de peche deste, conformado pola ferradura da magnífica escalinata escavada de dobre rampla (realizada entre 1771 e 1773) atribuída ás trazas do arquitecto compostelán frai Manuel de los Mártires, un dos últimos grandes mestres barrocos que traballa na cidade.

O primeiro que chamou a nosa atención foi a boa execución do gravado, en comparación coa rudeza das siglas e iniciais localizadas nos próximos chanzos da escaleira (PCE). Neste caso as letras son homoxéneas en dimensións e tipo así como no grosor do seu suco.
E, a curiosidade foi en aumento cando conseguimos ler o texto. A boa feitura do gravado fixéranos pensar por un intre nun contido relixioso mais a realidade era ben distinta: “VIVA EL DONOSTIA FC”.
Quen podía ter feito este coidado graffiti, cando e como?
O propio contido do gravado veu na nosa axuda proporcionándonos os terminus post quem e ante quem. Reparando na rede na historia da Real Sociedad S.A.D., atopamos varios cambios de denominación ó longo dos anos, e entre elas a que nos interesa.
Durante o período da II República o clube pasou a chamarse Donostia Foot-ball Club. O novo réxime político establecido prohibiu cualquer tipo de simboloxía monárquica obrigando ó club a modificar o seu nome. Desde xuño de 1931 ata 1940 adoptou esta denominación, non volvendo a recuperar a actual ata finalizada a Guerra Civil.
Por outra banda a boa feitura do gravado e o tempo que precisaría o gravador para realizala levounos a pensar nunha persoa iniciada nos labores de cantaría, quizais un vasco pertencente a una cuadrilla que traballase na zona. Mais non dispoñemos de datos que acrediten ningunha intervención nas escaleiras e fachada da igrexa ata os labores de restauración levados a cabo baixo a dirección de Pons Sorolla xa nos anos 50.

Nada máis puidemos indagar en relación a esta inscrición, infructuosamente tratamos de contactar co club donostiarra, pero non quixemos deixar de amosar esta cando menos curiosa expresión de paixón futboleira da primeira metade do século pasado.
Bibliografía:
- Pita Galán, Paula. “Fray Manuel de los Mártires, maestro de obras de San Domingos de Bonaval”. (2017). Consorcio de Santiago/Universidade de Santiago. ISBN 9788416954490.
- Castro Fernández, Belén María. “Francisco Pons Sorolla: Arquitectura y restauración en Compostela (1945-1985). (2013). Consorcio de Santiago/Universidade de Santiago. ISBN 978-84-15876-13-7.