O inventario patrimonial do concello de Teo segue a medrar. Nesta ocasión damos nova dun ben especial e singular. Onte visitamos un dos escasos gravados prehistóricos localizados nun perpiaño reaproveitado como aparello construtivo dunha vivenda tradicional na aldea do Vilar de Arriba no núcleo de Vilares de Rúa de Francos da parroquia de Calo (número 69).

Trátase dunha combinación circular de tres aneis concéntricos, con restos dun cuarto case desaparecido, duns 35 cm de diámetro situado na parte superior do muro exterior da citada vivenda que segundo nos informou a veciñanza data da década de 1910. Salienta o feito que o perpiaño fora repicado agás na parte onde se sitúa o motivo insculturado que foi respectado e mantén a súa pátina orixinal.
Unha peza arqueolóxica nun bloque granítico que imaxinamos foi extraído polos antigos pedreiros nas canteiras dos montes da contorna da aldea na que hai outras importantes mostras de conxuntos con arte rupestre.
A pesar de ser un feito pouco habitual temos constancia dalgúns outros petróglifos exentos reutilizados. Lembramos pola súa proximidade, o petróglifo que figuraba na propia muralla do castro Lupario que hoxe podemos ollar na mostra expositiva do Museo do Pobo Galego.
Queremos agradecer a información achegada pola Concellaría de Deportes que nos facilitou os datos da súa localización e que mañá organizan unha visita guiada pola ruta do túnel do Faramello. Seguro que amosarán ós asistentes este enigmático e curioso gravado que xa constitúe un dos elementos máis interesantes desta ruta.
[…] mesmo tempo lembramos a existencia do gravado prehistórico localizado nunha pedra reaproveitada nunha casa no vilar de Arriba na veciña parroquia de Calo do que demos conta hai dous […]