Moitas grazas a Ana Lombao polo fermoso debuxo da cabeza.
Que o esquecemento é compañeiro inseparable do paso do tempo é ben sabido. Mais, neste eterno proceso de desmemoria, de cando en vez, algún modesto obxecto teima en permanecer entre nós, recordos de tempos pasados dos que descoñecemos moito máis do que sabemos.
O valor destes obxectos reside na excepcionalidade que supón o feito de que teñan chegado ata nós, pero tamén no seu necesario e ineludíbel estudo que os contextualicen cultural e cronoloxicamente.

Soubemos dun destes obxectos a través do noso amigo Luís del Río, a quen a súa vez informara Anxo Núñez veciño e concelleiro polo BNG no Concello de Outes, unha interesante cabeza de pedra granítica.
O seu estado de conservación é, en liñas xerais, bo. Unha greta recuberta con cemento rodea todo o pescozo. Semella que a cabeza estaba fracturada en dúas partes e, en data descoñecida, foron unidas.
A súa localización é o primeiro dos moitos enigmas que agocha. Non sabemos os anos que leva unida con cemento a un banco na fachada dunha casa no lugar de Piñeiro, en fronte da igrexa parroquial de San Xoán de Sabardes, onde permanece oculta á vista de todos.
Así, pode verse facilmente a través da aplicación Google Street View.
En Sabardes fundou un mosteiro dona Anusco a principios do século XII. No ano 1182 este foi cedido polos seus propietarios a Orde de Santiago. A mediados do século XIV figura rexido por un prior, o que fai supor que, na primeira metade do século XIII, se converteu en priorado do mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares, o que se confirma no ano 1380. Considérase que a súa vida remata na primeira metade do século XV coa aparición de foros sobre os seus bens anexionados aos de San Paio.
Pese a estar a vista de todos, a cabeza, ata o momento, ten pasado desapercibida para os especialistas. Unha vez a analizamos e nos decatamos do seu indubidábel interese puxémonos como obriga facer todo o posible por chamar a atención dos expertos e, como non, das administracións con competencias na conservación do patrimonio común.
Controlamos o noso atrevemento inicial de facer un estudo formal comparativo da peza. Os nosos limitados coñecementos na materia levounos a actuar con cautela e recompilar a opinión de investigadores especializados.
Informamos e consultamos a Dirección Xeral de Patrimonio aos que agradecemos os consellos. Tamén ao Concello de Outes, nas persoas do seu técnico de Cultura Santi e do seu alcalde Manuel González López, así como ao investigador local Xoán Xosé Mariño, presidente da Asociación Cultural Terra de Outes, e a un gran coñecedor da zona Elixio Vieites, aos que desde aquí agradecemos a amabilidade coa que nos atenderon.
Fixemos moitas consultas. Preguntamos, directa ou indirectamente, a diversos estudosos e a especialistas como Puri Soto, Manuel Santos Estévez, Xulio Carballo Arceo ou Francisco Calo Lourido que amosaron interese e aportaron interesantes observacións así como tamén certas reservas, principalmente no momento de facer unha proposta de adscrición cronolóxica.

Estes diálogos, propostas e consultas deron os seus froitos. Así, soubemos que, a instancias do concello, o arqueólogo Manuel Lestón contactara cos propietarios e está a investigar a procedencia da cabeza. Tamén, co obxecto de contextualizala o mellor posible, propuxo ao concello a realización de probas que permitan identificar a orixe da pedra coa que foi feita.
Cremos que non pode quedar en mellores mans esta cabeza da que esperamos saber algún día a súa orixe e desexamos que se conserve no lugar e condicións máis idóneas.
O exvoto mariñeiro a Virxe do Carme do Freixo
O interior da igrexa parroquial alberga numerosos elementos de gran valor artístico polo que aproveitamos as nosas visitas ao lugar para coñecela.
A nosa atención concentrouse nun humilde exvoto mariñeiro en forma de navío, conservado aos pés da imaxe da Virxe do Carme e que hai uns anos deu a coñecer Xoán Mariño xunto ao noso socio Xosé Luis Blanco. A través do cura párroco Benito Ínsua souberon que a ofrenda foi feita por Luis Ageitos, mariñeiro veciño de Catasueiro a mediados do século pasado.

Trátase dunha embarcación de madeira duns 35 cm de longo que estaría a representar un balandro, co nome de Nsa. Sra. do Mar escrito na popa. Ao noso socio Xosé recórdalle moito ao buque Delfina Barcia construído no ano 1943 no estaleiro Laxeiro do Freixo.
Biografía:
- Pérez Rodríguez, F.J. “Mosteiros de Galicia na Idade Media”, 2008. Deputación de Ourense. Páx 49-50.
- Mariño, X.X. “Patrimonio histórico artístico de Outes”, 1998, Santiago de Compostela, Tórculo.
[…] e situada por un veciño sobre un banco na vía pública na fachada da súa propia vivenda. Este é o descubrimento que o Colectivo a Rula fixo nas pasados meses en Sabardes, Outes, e que se deu a coñecer a comezos deste mes de […]
[…] como a súa cronoloxía, mais cun icónico rostro e unha aparente antigüidade. Este é o achado que o Colectivo A Rula descubriu fai xa uns meses situada sobre un banco nunha fachada en Sabardes, Outes, e que se deu a coñecer nos pasados […]