Arte rupestre da Costa da Morte. Novos petróglifos na Ameixenda, Cee. Os petróglifos da Laxe da Fontefría e da Pedra Raposa


Presentamos dúas estacións de arte rupestre recentemente localizadas polos veciños da parroquia da Ameixenda na Braña de Banle, concello de Cee, así como outros elementos de interese do noso pasado.

Se algo bo ten producido a febre eólica que asola o país é que moitos galegos están a descubrir o valor dos bens máis próximos aos seus fogares, do patrimonio cultural que teñen máis cerca. E, como consecuencia, tamén están a asumir a evidencia de que estes bens precisan ser protexidos e valorizados, defendidos fronte a multitude de ameazas, como a agresión que supón a “industrialización colonial” do territorio para a produción de enerxía eólica. É polo que, movidos por esta necesidade, moitas comunidades están a organizarse para pescudar os elementos patrimoniais e naturais da súa contorna máis inmediata.

Este é o caso dos veciños da parroquia da Ameixenda, no concello coruñés de Cee, Luis Carro e Javier Carballo, que indagaron nas lendas do Apóstolo nas terras da súa parroquia, Santiago da Ameixenda, e nos lugares e elementos xeográficos mencionados nelas. Movidos polo novo plan de repotenciación do Parque eólico de Paxareiras IID, que circunda a Ameixenda e a separa do concello de Dumbría, decidiron explorar máis a fondo ese monte. Unha vez localizaron algúns destes elementos da lenda puxéronse en contacto co nós para amosarnos as súas descubertas. Achegámonos ata o lugar en varias ocasións, acompañados nunha delas polo amigo Fernando Alonso Romero, ao que lle agradecemos as súas sempre sabias observacións e consellos.

A lenda de Santiago de Ameixenda

O punto de partida para as súas pescudas foron os recordos de infancia da existencia dunha “pegada do cabalo de Santiago” nalgunha peneda dos montes parroquiais e, unha publicación do ano 1999, realizada por unha veciña da parroquia Xoaquina Outes Marcote, titulada “Lenda de Santiago da Ameixenda”. Esta é unha pequena publicación na que a autora, xa anciá, recolle en verso a lenda que lle contara un vello veciño cando ela era nena (no ano 1935), co propósito de evitar así que sexa esquecida no futuro.

Imaxe do Santiago de Ameixenda. Foto: Adiante Galicia

É unha lenda complexa, con multitude de engadidos e modificacións producidas ao longo dos anos, froito da longa transmisión oral que parece ter experimentado. Fagamos, en primeiro lugar, un pequeno resumo desta para pasar, a continuación, a prestar atención a eses elementos concretos que os veciños da Ameixenda quixeron amosarnos.

A lenda recolle varios lapsos de tempo diferentes, o primeiro cando, en vida, o Apóstolo percorreu o occidente para converter aos pagáns e, ante a negativa dos mouros, organiza un exército para enfrontarse a eles. Na súa campaña de conquista chega ata a Costa da Morte pero, antes de entrar en Fisterra, os mouros que alí vivían emprenderon a fuga en embarcacións. O apóstolo emprende a súa persecución dándolles caza no Caniso, antigo nome da Ameixenda. Para entrar no lugar roza ca súa espada as silvas creando a Portela do Caniso e, enfróntase a eles derrotándoos na “batalla do Petón do Campo”. Outros datos de interese que recolle o texto son unha referencia indirecta á pegada do cabalo apostólico, xa que no Petón deu o cabalo do apóstolo un brinco chegando ata o medio do Campo. Por outra banda, despois da batalla os cabalos do seu exército beben nas augas do Fumes do Cal.

Despois da batalla, o Apóstolo seguiu a súa “peregrinaxe” por España regresando en vida á Costa da Morte pouco antes de regresar a súa terra. Remata a lenda narrando a chegada a Fisterra dos discípulos co corpo do Apóstolo xa morto e, relata parte da coñecida translatio e posterior descuberta do seu corpo en Compostela.

Con esta reducida información os nosos amigos iniciaron o traballo de campo, no que localizaron varias laxes con elementos de interese ás que realizamos un primeiro estudo.

Na contorna dos elementos que imos describir localízanse 4 bens catalogados. Ao noroeste, a mámoa de Pedra Alta (GA15023021), á que non lle afectan os aeroxeneradores e, ao leste, outras tres que xa están afectadas polo parque eólico alí instalado, mámoas de Campo Valado I e II (GA15023017 e GA15023022) e mámoa do Alto de Montemaior (GA15023016), téndose levantado varios aeroxeneradores enriba dos túmulos. A mámoa de Pedra Alta atópase no curuto dun outeiro desde o que se pode visualizar toda a ría de Corcubión.

Os gardiáns da Braña de Banle

A Laxe da Fontefría

Localízase nun lugar dominante dunha extensa chaira, aos pés do Alto do Monte Maior, onde se atopa o parque eólico que agora queren repotenciar. Unha comunidade de non máis de 30 cabalos encárgase, a diario, de facer de cortalumes naturais rozando o terreo. Isto dálle unha aparencia diferente a esta paisaxe de turbeiras, polo que cando a visitas semella que estás a realizar unha viaxe no tempo ata un afastado intre da nosa prehistoria. A chaira coñécese como a Braña de Banle. Coordenadas (42.937712, -9.148841).

Laxe da Fontefría. Panel 1 durante unha das nosas visitas

A laxe non é difícil de divisar xa que case é a única da chaira, aínda que debemos ter en conta as mudanzas que a paisaxe ten sufrido ao longo do tempo, xa que no pasado foi unha zona de moita canteira. Atópase a 40 metros ao norte dun manancial natural de auga, a Fontefría, que máis adiante se une co Rego Caveiro para acabar confluíndo no Rego Fumes do Cal, que atravesa a Ameixenda, e, no que di a lenda que beberon os cabalos dos cristiáns.

Laxe da Fontefría. Vista xeral

Ten unhas dimensións de 18 metros en dirección Norte/Sur, e 11 metros Leste/Oeste. Presenta varias zonas afectadas pola actividade extractiva dos canteiros, aínda que a súa superficie conserva certa pátina.

Laxe da Fontefría. Disposición dos motivos

Localizamos tres superficies con posibles gravados

Panel 1

É una pequena superficie estreita e alongada situada a rentes do chan, ao carón da superficie de maiores dimensións. Pasáralle desapercibida aos dous veciños ceenses debido aos toxos que medraban sobre ela, ocultándoa na súa totalidade. Nela localizamos os gravados de maior interese.

Laxe da Fontefría. Panel 1. Fotografía con iluminación artificial do motivo barquiforme. Autor: Javier Carballo

Na súa superficie conserva unha cruz grega feita cun suco con perfil en V de arestas vivas, que evidencia a súa feitura con útil metálico e, polo tanto, a súa cronoloxía histórica. Inmediatos ao suroeste da cruz observamos varios sucos de características moi diferentes.

Son pouco perceptibles en condicións de luz normais, debido á forte erosión que presentan. Son sucos con perfil en U moi aberta e pouca profundidade, características que evidencian a súa antigüidade e a técnica de elaboración con instrumentos líticos. O suco ten unha anchura duns 2.5-3 cm, e 3-4 mm de profundidade nas zonas máis marcadas.

Laxe da Fontefría. Panel 1. Reconstrucción fotogramétrica

No momento da descuberta semellaba o casco dun barco, pero preferimos ser cautos e esperar aos resultados dos nosos traballos. Logo de analizar os resultados da reconstrución fotogramétrica e a fotografía con luz artificial puidemos identificar a figura barquiforme, de feitura moi esquemática, pero no que podemos identificar algúns dos elementos que a conforman, como son un casco curvo, un só mastro e unha vela. Oriéntase cara o cabo de Fisterra, ainda que a posible proa estaría mirando cara o nordés. O lado dereito da figura está incompleto, posiblemente debido a erosión, o que fai dubidar sobre se o deseño orixinal incluíse outra vela simétrica a do lado oposto ou non.

Laxe da Fontefría. Panel 1. Fotografía con iluminación artificial do conxunto de coviñas. Autor: Javier Carballo

No lado contrario da cruz consérvase un conxunto compacto de forma triangular de pequenas coviñas que están parcialmente rodeadas por un suco.

Análise xeoastronómica do panel 1

Na actualidade, desde a laxe, non se ve o cabo de Fisterra debido a uns piñeiros que o tapan. Porén, no modelo dixital do terreo destaca a coincidencia do ocaso do lunasticio menor sur a 243,4º de azimut e -0,1º de elevación, quedando 1 grado á esquerda do cumio do Monte do Facho (241 m,s,n,m). Por outra banda, queda descartado o ocaso do solsticio de inverno por producirse a uns 237,5º, en liña coa punta do Cabo, de xeito que dende o petróglifo esta posición queda a -1,2º de elevación, quedando por tanto baixo o horizonte do mar (posicións astronómicas estimadas para 3000 anos atrás).

Así é que, de tratarse efectivamente da representación dun barco prehistórico, estas coincidencias non serían froito da casualidad, senón que resultarían análogas ao caso da Quenlla dos Carballos. Neste santuario rupestre recentemente descuberto no concello de A Estrada apareceron varios petróglifos da Idade do Bronce, entre eles unha representación dun barco prehistórico, acompañado dunha inscrición romana adicada á deusa da Lúa. Neste lugar acontece tamén outra aliñación xeoastronómica, concretamente co monte do Pico Sacro, nun azimut que aquí coincide co orto do lunasticio maior norte.

Por outra banda, existe outro aliñamento coas coñecidas Pedras Santas abaladoiras do Cabo de Fisterra, onde a tradición local conta que descansou a Virxe, situadas 0,8º á dereita do mesmo cumio, coincidindo exactamente nesta vista co ocaso solar da festividade do Imbolc a 245,2º de azimut e 0º de elevación.

Solsticio de inverno desde as Pedras Santas en Fisterra co Centolo ao fondo

O Imbolc é unha das catro festividades de media estación do calendario celta, 40 días despois do solsticio de inverno. Ocorre, ademais, que desde estas Pedras Santas abaladoiras no día do solsticio de inverno o reflexo do sol durante o solpor conecta un camiño sobre as augas atlánticas co famoso ‘centolo’ de Fisterra, unha illa que, como outras moitas, xoga un papel importante no paso ao Máis Alá das almas dos mortos:

O equivalente galaico de Brigid, a deusa festexada no Imbolc, é Navia, a principal deidade feminina do panteón autóctono, que nón só estaba asociada ás augas de lagos, regatos e fontes, senón tamén o estaba coa Lúa, como testemuña a Ara da imaxe que se acompaña.

ARA-NAVIA-San Martín de Monte de Meda- Guntín – Museo Provincial de Lugo

Neste sentido, se o gravado da Laxe da Fontefría representa un barco prehistórico resultaría coherente que a representación deste medio de transporte mariño se atope no medio dunha braña a 40 metros dunha fonte, onde nacen regatos, nunha ubicación aliñada co Lunasticio Menor sobre o inicio da caída do Monte Facho e no Imbolc coas Pedras Santas de Fisterra (lugar onde repousou a Virxe), a súa vez aliñadas co Centolo de Fisterra mediante o reflexo do sol no día do solsticio de inverno.

En calquera caso e á, marxe do posible barco, non pode negarse a conexión deste emprazamento con Fisterra e o seu dominio visual sobre a ría de Corcubión e Cee.

Panel 2

É unha superficie pouco destacada sobre o terreo situada ao carón do panel 1, á súa esquerda desde o punto de vista do observador.

Aparecen gravados varios sucos rectos que forman unha figura rectangular irregular incompleta. Os sucos presentan características moi semellantes aos do barquiforme do panel 1, de sección en forma de U, anchos e pouco profundos.

Laxe da Fontefría. Panel 2. Fotogrametría

Analizamos unha última superficie na que observamos unha figura con forma similar á dunha gota de auga. Polas súas características descartamos que se trate dun gravado de orixe antrópica e, entendemos que se trata dun elemento de orixe natural.

Laxe da Fontefría. Panel 3. Fotogrametría do “motivo”

Buscando motivos similares nos petróglifos galegos non atopamos nada parecido con esas proporcións pero, procurando pegadas de cabalo, a de Babieca, o do Cid, no municipio de Salmerón, en Guadalajara, a Peña Herraduras ten unha feitura e proporcións similares á esta da Ameixenda. Isto pode ser unha evidencia que esta fose a verdadeira pisada do cabalo de Santiago que tanto se repite na tradición oral dos veciños non é a da Pedra da Raposa senón a da Laxe da Fontefría.

(Fotografía: https://www.villadesalmeron.es/index.php/2017/03/25/pena-herradura-o-las-huellas-del-caballo-del-cid/)

Laxe da Fontefría. Vista xeral

A Pedra Raposa

Son dous bolos rochosos illados que, polas súas dimensións, tamén destacan na paisaxe e, que distan da primeira laxe 375 metros. Érguense do chan uns 2 metros aproximadamente, nun terreo xa en lixeira pendente cara o mar. Coordenadas (42.934678, -9.150809).

Pedra Raposa. Distribución dos motivos

O bolo 1 ten aparencia de cuncha de sapoconcho, gardando debaixo súa unha cova que sirve de refuxio para diferentes animais. Na súa superficie localízase o que Luís identificou como a pegada do cabalo de Santiago, que non atopamos razón algunha para pensar que sexa de orixe antrópica, polo menos con esa forma e feitura deliberadas. Pola contra si cadra perfectamente cun proceso de ‘exfoliación’. As súas dimensións son de 40×22 cm.

Claro que isto é compatible con que no imaxinario popular un elemento natural sexa identificado coa pegada do cabalo de Santiago.

Pedra Raposa. A suposta pegada de Santiago

De feito, podemos destacar que neste mesmo bolo granítico, e na mesma faciana, aparecen feituras similares de menor tamaño, dando unha pista e, dalgún xeito, avalando a teoría explicada da súa orixe.

O bolo 2 atópase fracturado e aproveitado parcialmente polos canteiros. Conserva unha coviña en posición central. Porén, presenta unha morfoloxía peculiar. A súa feitura é compatible coa orixe antrópica, pois é proporcionada, suave e redondeada, destacando que non hai máis cazoletas nin depresións arredor. Ten 11.5 cm de diámetro e 3.1 cm de profundidade. A cazoleta atópase no centro dunha prominencia que podemos comparar coa morfoloxía dunha cadeira de montar a cabalo.

Pedra Raposa. Bolo 2. Fotogrametría da coviña

A súa posición fai que no caso de verter un líquido dentro, este escorrese polos dous lados do penedo, que presenta caídas naturais cara o norte e sur, aproximadamente. Se nos fixamos no esbozo, o bolo conta cunha parte (Leste) máis ou menos chan (horizontal), coma unha especie de mesa a 2 metros de altura.

Os muros de dobre fiada da Braña de Banle

Na visita na que nos acompañou Fernando Alonso Romero, fíxonos prestar atención a unhas estruturas lineais pouco destacadas sobre o terreo, similares aos que xa estudara Fernando en compaña de Antón Bouzas no seu artigo “Los cercados del macizo del Corzán. Negreira, A Coruña”, no que adscribían cronoloxicamente os cercados á época megalítica.

Trátase de muros de pedra de dobre fiada e escasa altura merecentes dun futuro estudo en profundidade.

A modo de conclusión

Rexurden en Cee evidencias de que o territorio foi ocupado e explotado xeración tras xeración ata os nosos días, pero cuxa historia foi esquecida co devagar do tempo. Son as pedras dos muros de dobre fiada, as mámoas e os gravados rupestres da Ameixenda as que se encargaron de conservar e revivir os incesantes solpores e danzas da lúa sobre o Fin da Terra, sobre Fisterra e, a pegada do cabalo de Santiago mais a embarcación dos mouros fuxidos da lenda do Apóstolo na Ameixenda,…

Por outra banda, un novo motivo barquiforme súmase a un grupo moi minoritario pero que está a aumentar nos últimos tempos, con este exemplar, o da Quenlla dos Carballos, os que está a publicar nas redes Antonio Costa ou os localizados en estacións do norte de Portugal e, que abren unha nova vía de investigación moi interesante.

Procedemos, como é costume, a comunicar estes elementos á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa valoración e catalogación.

Bibliografía

2 pensamentos sobre “Arte rupestre da Costa da Morte. Novos petróglifos na Ameixenda, Cee. Os petróglifos da Laxe da Fontefría e da Pedra Raposa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.