Unha inscrición altomedieval inédita na igrexa de Santa María de Dodro


Na vertente dereita do río Ulla, cerca da súa desembocadura, o concello de Dodro atesoura valiosos espazos naturais e un rico patrimonio cultural, do que, en parte, xa nos ocupamos con anterioridade e, que está a recibir pouco a pouco a atención que merece nestesúltimos anos, o cal alédanos moito. A pesar dos numerosos vestixios de tempos pasados conservados no seu territorio o coñecemento que na actualidade temos sobre o seu pasado é aínda bastante limitado.

A chegada ao goberno municipal do actual concelleiro de cultura Xoán Xosé Vicente Franco espertou unha maior atención cara a dignificación e valorización deste patrimonio dodrés e comezou un frutífera colaboración co Colectivo A Rula que agardemos teña continuidade no futuro. 

Froito desta cooperación presentamos un elemento que pode aportar un pouco de luz ao coñecemento da súa historia, unha epigrafía medieval conservada na igrexa parroquial de Santa María de Dodro. A súa recente descuberta foi casual, en relación cos labores de adecentamento do templo que está a desenvolver o seu xove párroco Francisco Lampón nos últimos tempos. Agradecemos a Xoán Xosé Vicente Franco a información remitida e as xestións realizadas para facer posible a nosa visita, así como ao párroco a súa amabilidade e dispoñibilidade.

Comecemos facendo un pequeno resumo da información documental máis antiga relativa a esta parroquia de Santa María de Dodro que extraemos principalmente da completa obra de Manuel Lorenzo Baleirón sobre a toponimia de Dodro e Laíño pero tamén doutros traballos publicados sobre o tema.

Igrexa de Santa María de Dodro

A igrexa de Santa María de Dodro

A actual igrexa de Santa María de Dodro é un templo de feitura barroca levantado na primeira metade do século XVIII seguindo as trazas do mestre compostelán Simón Rodríguez e, que conserva no seu interior interesantes elementos que a dotan dunha beleza singular.

Bóveda decorada con forma de vieira

Destacan as bóvedas decoradas con forma de vieira, con semellanzas ca vieira que decora a esquina entre a fachada de Praterías e a fachada do Tesouro da catedral compostelá. E o retablo maior tamén obra de Simón Rodríguez, un modelo que o autor perfeccionará no retablo maior da Igrexa da Compañía da cidade de Santiago. Outro elemento de interese é a pía bautismal recentemente trasladada ao interior do templo e na que foron bautizados os fillos xemelgos de Rosalía de Castro, Ovidio e Gala.

Detalle do retablo maior da igrexa

O primeiro documento coñecido no que se fai referencia a Dodro é un documento datado no ano 1114 e asinado polo arcebispo Xelmírez no que Aldara Guteridiz lle doa ao mosteiro compostelán de San Martiño Pinario a cuarta parte da igrexa de Santa María de Daodro, doazón que confirma no ano 1118 a raíña dona Urraca e o seu fillo Afonso VII.

Debuxo do alzado da torre do templo. 1868. Arquivo parroquial

Mais algúns autores falan doutras posibles referencias anteriores no tempo:

A máis antiga sería a que propón Manuel Lorenzo Baleirón na súa Toponimia de Dodro e de Laíño na que expón a hipótese da identificación de “Deyr Sontebria”, mencionada nas fontes árabes da expedición de Almanzor por Galicia, co mosteiro de Santa María de Dodro:

…hipótese de que quizais a expedición de Almanzor que arrasou Iria e Compostela no ano 997 non cruzara o río Ulla en Pontecesures, como sempre se pensou, senón en Catoira, pasando despois polas aldeas de Dodro. As traduccións do texto árabe Al Bayan al Mugrib, a fonte orixinaria, explican que despois de atravesaren o Uyla, “chegaron a planicies moi ben cultivadas e abundantemente abastecidas, entre outras as de Unba, de Qaryita e DeyrSontebria. Chegaron así á ría de Ilya” (Sánchez Albornoz e outros). Iria está a un paso de Cesures e nun espazo tan reducido non terían sentido esas tres poboacións sobre as que non temos outra noticia histórica. Para salvar esa incongruencia hai quen entendeu (Fernández Rodríguez, 1967) que o referido río era o Umia, por máis que o nome parece aludir claramente ó Ulla. Non sería necesaria esa interpretación forzada se as amplas e feraces chairas das que se fala na crónica árabe foran estas ribeiras do Ulla, as da marxe dereita, onde se asentan lugares coma A Vacariza, que figura na Crónica de Santa María de Iria (acaso a Qaryita do códice, Karachita para outros traductores?), Bexo, Imo ou Laíño, sobre os que aportamos documentación desde o século XII. Deyr Sontebria, que adoita traducirse coma Mosteiro de Santa María viría a ser o Mosteiro de Santa María de Dodro, pois non hai outra freguesía con esa advocación despois de pasado o río, antes de chegar a Iria. De seren certas as novas que vimos de expoñer, cobrarían entón sentido as lendas que permaneceron vivas durante séculos na memoria das xentes de Bexo sobre as andanzas do muslime Almanzor polos penedais do Castro e o mosteiro de Dodro Vello que Méndez Ferrín imaxinou na súa mesta cosmogonía pasaría a ser fito senlleiro da nosa historia.

Unha segunda posible referencia a Dodro é, segundo Miguel Romaní e Pablo S. Otero, a recollida nun documento do ano 1098:

“in villa Lestober, territorio iriense sedis, sub aula Sancti Iagobi Apostoli, concurrentem ad Sancta Maria Virginis”

Esta mención aparece nun dos tres pergameos irienses do mosteiro de Oseira que se conservan no Arquivo Histórico Nacional e que recolle unha venda na vila de Lestrobe como “concurrentem ad Sancta Maria Virginis”, é dicir lindando coa parroquia de Santa María que os autores do estudo identifican como a de Santa María de Dodro.

Pía bautismal da igrexa

Outra mención é a que sinala Manuel Lucas Álvarez recollida nun documento conservado en San Martiño Pinario no que a infanta dona Urraca, filla de Afonso VI, doa a igrexa de Santa María de Dodro a Pedro Vimaraz, administrador da Igrexa de Santiago, e para a que propón a data de 1109.

Un último dato de interese é o que recolle Eugenio Carré Aldao na súa Geografía General del Reino de Galicia na que indica que Santa María de Dodro foi noutros tempos abadía con dereitos, extremo que recolle de Madoz, e que non ten sido confirmado ata o de agora de xeito concluínte.

A inscrición

A inscrición localizada recentemente na igrexa de Santa María de Dodro sitúase no lenzo interno da fachada occidental do templo, nun perpiaño de grandes dimensións situado na parte baixa da parede, a rentes do chan. O perpiaño ten forma pentagonal tres lados rectos e o superior é de forma piramidal pouco resaltada, o que nos fai pensar na posibilidade de que esta peza sexa un tímpano procedente da fábrica orixinaria reaproveitado como material construtivo na edificación actual. Esta parte superior semella incompleta, extremo non comprobable na actualidade debido a que o encintado das xuntas oculta o límite superior do perpiaño.

Inscrición. Fotografía con iluminación artificial

Na súa superficie conserva unha epigrafía elaborada en letra visigótica con influencia uncial e reminiscencias mozárabes de difícil lectura, na que se combinan maiúsculas, unciais e minúsculas agrandadas con numerosas abreviaturas. Para a transcrición contamos coa xenerosa axuda do investigador estradense Juan Andrés Fernández Castro, a de José María de Francisco Olmos, profesor de Ciencias e Técnicas Historiográficas da Universidade Complutense de Madrid, a de María Encarnación Martín López, profesora de Ciencias e Técnicas Historiográficas da Universidade de León, especialista en epigrafía medieval e directora do Instituto de Estudios Medievales da ULE e ao arqueólogo José Suárez Otero, aos que agradecemos os seus consellos e a súa xenerosidade polos datos achegados.

A súa parte central é a mellor conservada presentando os caracteres das seccións laterais unha forte erosión que dificulta a súa lectura. Non somos especialistas en epigrafía medieval, mais coa axuda de valiosos colaboradores tentamos unha proposta inicial de transcrición do texto. O seu precario estado de conservación impediunos acadar unha completa comprensión do escrito.

A lectura proposta é a seguinte:

..ERA : IA : CA: LXA: VII : K (ALENDAS) : GSTAS (AUGUSTAS)

MILE : CRESCONIVS FILII : LEOVEGILDI V

..O…..E…S…DOXS : PERFS EPO

A primeira liña indica a data, ERA ICLX VII Kalendas Augustas, ou sexa ERA 1140, 26 de xullo do ano 1102.

Os poucos datos que obtivemos da súa lectura son, non obstante, de gran interese. En primeiro lugar, o campo epigráfico comeza coa datación, probablemente en referencia á fundación do tempo.  

Por outra banda a personaxe de Cresconius leva aparellado o cualificativo de “fillo de” o que parece estar a indicar o seu avoengo. O nome de Cresconio é bastante común neses tempos documentándose varios persoeiros con ese nome no entorno de Compostela, como Cresconio Muniz, esposo de Ermesinda Froilaz, da poderosa casa de Traba, activo neses primeiros anos do século XII, ou Pedro Cresconio arcediago de Nendos e cóengo da igrexa compostelá neses anos.

A última liña é a que presenta maior erosión e, por tanto, maior dificultade para acadar unha transcrición completa. Na parte central destaca a fórmula DOXS (Dominus Christi) (o X podería ser interpretado como unha superposición de V sobre A. Martín López) e semella que remata coa abreviatura EPO (EPISCOPUS) que evocaría, por tanto, á sede episcopal.

A pesar dos baleiros na transcrición cremos de interese a hipótese na que se relaciona a inscrición co posible acto fundacional do templo, sen descartar que poida ter relación coa conmemoración dunha reforma posterior.

Imaxe da nosa visita ao templo

Queda nas mans dos especialistas na materia o estudo en profundidade desta inscrición que aquí presentamos, testemuña directa da orixe da parroquia e do templo e de gran interese para o coñecemento xeral da historia de Dodro.

A lápida funeraria reaproveitada

Na nosa visita ao templo aproveitamos para fotografar outro elemento medieval reaproveitado na construción barroca. Trátase dun fragmento de inscrición que pensamos formase parte dunha lauda sepulcral de época medieval. Sitúase na soleira interior dunha porta que comunica a tribuna superior coas escaleiras de acceso á torre campanario.

Situación da lápida funeraria reaproveitada

O estado de conservación da inscrición é moi deficitario presentando un forte desgaste que dificulta enormemente a súa lectura. Os caracteres ordéanse en dúas ringleiras separadas e enmarcadas por dobles liñas rectas. Espera o seu estudo en profundidade a unha ocasión futura.

Imaxe da lápida con iluminación artificial

Bibliografía

Caamaño Martínez, Jesús Mª, “El barroco compostelano de Santa María de Dodro”, Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología: BSAA, 1958, N.24, páxs. 63-71.

Andrade Cernadas, J.M., “Fuentes documentales para el estudio del rey García de Galicia”, Minium, 1997, páxs. 41-50.

Carré Aldao, Eugenio, “Geografía General del Reino de Galicia”, tomo 2, páxs. 789-791

Galicia Diplomática. “Arquivo destruído do Real mosteiro de San Martiño Pinario.” Galicia Diplomática nº 11. Ano 2. 1883

Lucas Álvarez, Manuel. “El monasterio de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela en la Edad Media.” Ediciós do Castro, 2003.

Lorenzo Baleirón, Manuel. “Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga”. Concello de Dodro. 2011.

Romaní Martínez, M. e Otero Piñeyro Maseda, Pablo S. “Pergaminos irienses en los fondos de Oseira y Melón del AHN (siglos XI-XII). Estudio y edición”. Gallaecia, nº 26. Páxs. 347-363. 2007.

2 pensamentos sobre “Unha inscrición altomedieval inédita na igrexa de Santa María de Dodro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.