Un gravado inédito en Lampai, Teo


Presentamos un interesante gravado localizado recentemente polo Colectivo no lugar de Mosteiro, no concello de Teo. Trátase dun pequeno panel insculturado na superficie exterior dun perpiaño reaproveitado nunha vivenda situada en fronte á igrexa parroquial de Santa María de Lampai.

Portada románica da actual igrexa de Lampai, Teo

A finais do pasado mes de xuño, nunha das visitas por esta parroquia do sur de Teo, localizamos este curioso deseño con varios motivos xeométricos. Sitúase na xamba da porta principal dunha casa tradicional situada xusto en fronte á igrexa parroquial de Lampai. Os gravados atópanse nun perpiaño de granito de formas irregulares cun tamaño de 46x40x17 cm que foi reempregado como material construtivo nunha edificación tradicional de planta rectangular e cuberta de tella a dúas augas recentemente restaurada e incluída no inventario de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal (ref. B30).

Pensamos que esta pedra pode proceder do desaparecido mosteiro de “Sante Marie de Lampadio”, que na Idade Media existiu ó carón do actual templo parroquial, un edificio románico documentado dende o século XII (1185). Esta hipótese vese reforzada en boa medida polo feito de que na mesma vivenda e en construcións próximas podemos ollar outras pezas reaproveitadas posiblemente coa mesma orixe.

Imaxe do gravado con iluminación artificial

Integran este petróglifo de grande plasticidade dúas combinacións circulares con rebordo de coviñas. No lateral dereito, sitúase a mellor conservada, de 28 centímetros de diámetro que posúe 3 aneis concéntricos e coviña central, o último deles formado por coviñas. A segunda combinación, acaroada ó lado esquerdo da anterior nun plano máis baixo, conserva só a metade inferior da composición. Posúe un deseño e tamaño similar á anterior, posiblemente formada por un dobre anel con coviña central e rebordo de coviñas moi erosionado que parece unirse co rebordo de coviñas da outra combinación. Existen posibles restos doutros motivos que non podemos describir polo mal estado de conservación dos gravados.

Reconstrución fotogramétrica do gravado

O forte desgaste produto da erosión que presenta o conxunto dificulta a proposta dunha adscrición cultural e cronoloxica, pois pola temática e características dos sucos podería tratarse dun gravado da Idade do Bronce, mais non podemos desbotar o feito de que se trate dun deseño xeométrico románico procedente do antigo mosteiro medieval, hoxe desaparecido.

Na propio templo existen gravados semellantes como os aneis e combinacións circulares das basas decoradas do arco triunfal. Porén estes deseños presentan sucos moito máis finos e regulares. Non é descartable que os gravados prehistóricos da contorna do mosteiro foran fonte de inspiración ós mestres canteiros do románico.

Elementos medievais na parroquia de Lampai

Ao mesmo tempo lembramos a existencia do gravado prehistórico localizado nunha pedra reaproveitada nunha casa no vilar de Arriba na veciña parroquia de Calo do que demos conta hai dous anos.

Incorporamos este novo gravado ó corpus de arte rupestre da comarca de Santiago que segue a medrar en cantidade e calidade con novos motivos reempregados en construcións de tipoloxía popular situados en zonas de grande valor histórico, paisaxístico e cultural como acontece nesta parroquia no linde das comarcas de Compostela e do Sar.

Bibliografía

Documentación de Arquivo

Tumbo de Toxosoutos. Archivo Histórico Nacional. Tombo,f. 92 r. Transc. Salvado Martínez, B. doc. núm. 31, pp. 202-203.

Unha idea sobre “Un gravado inédito en Lampai, Teo

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.