O petróglifo do Rozado Grande. Un novo xacemento rupestre no Val do Dubra.


Tan só uns meses despois de que publicásemos o petróglifo de Gavís, a primeira estación rupestre do concello do Val do Dubra coñecida, o seu catálogo municipal volve a incrementarse cunha nova descuberta.

Ao norte do lugar de Bugalleira, na parroquia de Santa Mariña de San Román, os membros da Asociación Vento Libre de San Román veñen de localizar un novo xacemento de arte rupestre prehistórica nun territorio sobre o que, lamentablemente, continúa a ameaza da ambición eólica sen medida, que avanza co beneplácito e apoio de boa parte dos nosos gobernantes.

Panel 1

Realizamos unha primeira descrición de urxencia destes petróglifos co obxecto de garantir o seu coñecemento e, así tratar de evitar que sexan danados durante os futuros traballos de execución dun dos innumerables novos parques eólicos proxectados no noso país, o parque eólico de Vilartoxo.

Os elementos patrimoniais catalogados máis próximos á nova descuberta son, ao sur, as dúas mámoas do Monte da Medorra (GA15007003 e GA15007004), ao surleste o xacemento (necrópole) romano de Bugalleiras (GA1500707007) e as dúas mámoas da necrópole das Bugalleiras (GA15088020 e GA15088029), así como se sitúa a, apenas, 500 metros dun límite de dous concellos e tres parroquias, Santa Baia de Lañas, Santa María de Troitosende, ambas no concello da Baña e a de Santa Mariña de San Román no do Val do Dubra, no lugar coñecido como Pedra do Lagarteiro.

Tamén, a pouca distancia, localízanse dous bens recentemente documentados, o petróglifo de Gavís (GA15088043) e as mámoas de Fondo do Val 1 e Fondo do Val 2.

Panel 3

O petróglifo do Rozado Grande

O afloramento rochoso no que se conservan os gravados sitúase nun terreo de chans pouco desenvolvidos disposto en lixeira pendente que cae en dirección nordés. Na actualidade, foi obxecto dunha recente plantación do omnipresente eucalito. Coordenadas no sistema WGS84 N 42 58.039, W 8 40.878.

Panel 2, vista lateral

Adaptado á pendente, o afloramento apenas destaca sobre o terreo. Trátase dunha rocha metamórfica de textura foliada con numerosas bandas de cristais de cuarzos e con pequenas seccións con superficies graníticas de gran fino. Presenta evidencias de extraccións de cantaría, posiblemente das minoritarias seccións graníticas.

Panel 3. Fotografía con iluminación artificial

Son visibles 3 superficies con gravados. Nos tres paneis, a primeira vista, os motivos presentes redúcense aos máis simples, as coviñas.

Fotografía aérea da estación con indicación dos paneis con gravados

O panel 1 é o situado a maior altitude. Ten unhas dimensións de 5,6 metros de longo por 2,60 metros de largo. É o panel que máis destaca sobre o terreo.

Panel 1. Iluminación con luz artificial

Na sección máis aplanada da súa superficie sitúanse dúas cazoletas, a maior de 25 cm de diámetro e 26 cm de profundidade e, a menor de 19 cm de diámetro e 12 cm de profundidade. Posiblemente sexan de orixe natural pero, dadas as súas formas e profundidades, coidamos teñen sido antropizadas para, posiblemente, seren empregadas como morteiros.

Frotogrametría do panel 1

O panel 2 é de superficies moi irregulares. Conserva no seu extremo superior esquerdo 3 coviñas. Ten 3,50 metros de longo por 0,98 metros de largo.

Panel 2. Fotografía con iluminación artificial

Miden 13 cm de diámetro e 6 cm de profundidade a de maiores dimensións, e 8 e 7 cm de diámetro e 2 e 1 cm de profundidade as de menor tamaño.

No extremo oposto do panel, nunha superficie inclinada, observamos restos de posibles sucos de formas lineais que non forman nengunha figura recoñecible.

Fotogrametría do panel 2

O panel 3 é o situado a menor altitude. Mide 3,82 metros de longo por 2,50 metros de largo. Conserva na súa superficie varias coviñas así como unha agrupación de coviñas de menores dimensións, e outras coviñas espalladas pola superficie rochosa sen orde aparente. As tres coviñas de maior tamaño teñen uns diámetros de 14, 10 e 7 cm e unhas profundidades de 7 e 3 cm.

Fotogrametría do panel 3

A técnica fotogramétrica non resultou moi reveladora nesta ocasión, ao contrario do que aconteceu ca fotografía con luz rasante artificial nas que se percibe un anel ao redor dunha das coviñas, así como restos dunha posible combinación de cando menos dous círculos concéntricos de grandes dimensións ocupando a zona central do panel.

Panel 2

A modo de conclusión

A estación de Rozado Grande é a terceira estación rupestre que coñecemos do concello de Val do Dubra e xa por iso un ben cun valor singular, máis, tamén, pese a ser, aparentemente, unha estación sinxela, unha observación detida revela a súa singularidade.

En primeiro lugar, o soporte escollido para gravar non semella o máis adecuado. A rocha escollida é similar á do próximo petróglifo de Gavís e debeu ser produto dun cambio obrigatorio para os gravadores, dada a falta de afloramentos graníticos na zona.

A profundidade das dúas cazoletas do panel 1 é outra das singularidades deste petróglifo. A posible utilidade destas como morteiros é unha interesante “hipótese” de partida, que, de ser certa, os poría en contacto cos muíños rupestres documentados máis ao sur.

A presenza de combinacións circulares amplía o catálogo de Arte Atlántica da Comarca de Santiago, ao mesmo tempo que os seus límites territoriais.

Procedemos a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio a nova estación así como a solicitarlle a súa valoración e catalogación que permita garantir a súa conservación. Animamos a continuar coa súa labor aos membros da Asociación Vento Libre de San Román e agradecemos que tivesen confiado en nós para facer este primeiro achegamento ao petróglifo dubrés do Rozado Grande.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.