Novos taboleiros de xogo na Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela


Damos conta dos últimos catro taboleiros de xogo do “pai, fillo, nai” que documentamos no exterior do edificio da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela e, que ven a completar os que publicamos con anterioridade.

Introdución

5 anos pasaron desde a publicación da nosa primeira aproximación aos taboleiros de xogo da Compostela barroca, e, 3 máis das primeiras descubertas dos irmáns Sande recollidas na prensa local e, neste tempo, esta concentración de taboleiros de xogo única en Europa continúa a atraer o interese e a curiosidade de multitude de persoas, así como tamén dos medios de comunicación.

Un dos novos taboleiros localizados na Facultade de Historia

E que a excepcionalidade do conxunto únese a fascinación que produce a resiliencia fronte ao esquecemento que as veces teñen as pequenas cousas, dos feitos habitualmente esquecidos polas crónicas. Estes sinxelos gravados no granito gardan a memoria de milleiros de momentos de lecer, e durante séculos permitiron aos picheleiros evadirse, aínda que só fose momentaneamente, das dificultades e preocupacións do seu día a día.

O interese polos nosos taboleiros ten traspasado fronteiras e, recentemente, o prestixioso diario inglés “The Guardian” publicou unha nova sobre eles nas súas páxinas. Pese ao evidente interese que producen, as nosas administracións, encargadas de velar por eles, non teñen impulsado ata o momento ningunha iniciativa encamiñada a súa catalogación, conservación e/ou difusión.

O pasado 27 de xullo o grupo municipal do BNG levou ao pleno do Concello de Compostela unha pregunta que tiña como obxecto coñecer as medidas que o goberno tiña tomadas a prol da divulgación e conservación dos taboleiros de xogos conservados na cidade. Desde aquí agradecemos aos membros do grupo municipal que fixesen súas as nosas demandas.

Fotogrametría dun dos taboleiros

Tamén nos agradou parte da resposta dada pola concelleira Mercedes Rosón, aquela na que indicou que están a traballar na elaboración, xunto co Consorcio da cidade, dun libro que recolla e divulgue estes e outros elementos de interese espallados polas pedras do pavimento das rúas da cidade.

Mais non nos agradou a súa resposta en relación as tarefas que están a desenvolver para a boa conservación destes elementos, xa que delegar a responsabilidade no Consorcio pode ser de utilidade para os taboleiros conservados nas lousas pero non para os conservados nos bancos corridos, cruceiros, pontes, fontes e outras superficies pétreas, sen esquecer que, na actualidade, a case totalidade deles seguen a presentar un moi deficiente estado de conservación.

Claustro da Facultade de Historia

A evidencia máis clara desta afirmación está nos feitos. A día de hoxe as deficiencias sinaladas na nosa primeira publicación (2018) seguen presentes: taboleiros cementados, papeleiras tapando os elementos, elementos instalados enriba dos taboleiros, vexetación nos encintados, etc.

Taboleiros da bancada sur da praza do Obradoiro trala última limpeza (2022)

E por iso é que seguimos pensando que é necesario e urxente catalogar estes taboleiros para un mellor coñecemento por parte dos moitos axentes que actúan na cidade e así evitar accións nocivas para a súa conservación, como a recente limpeza realizada con auga a presión da bancada que pecha a praza do Obradoiro no seu lado sur, que ten alterado irremediablemente os xa de por si erosionados taboleiros conservados nela, e realizada na primeira metade deste mesmo ano, ou o cementado do taboleiro do cruceiro de Conxo, realizado recentemente no conxunto de obras de reurbanización da praza.

Bancada sur da praza do Obradoiro trala limpeza con auga a presión.

Cremos que estas intervencións foron ocasións perdidas para comezar a xestionar de xeito racional a conservación destes taboleiros, e incluso da posibilidade de ensaiar formas de protexelos e, ao mesmo tempo, amosalos e promocionalos, intervencións que non cremos sexan moi complexas nin custosas.

Taboleiro de xogo no Castelo de Commarque (Les Eyzies / Francia). Unha sinxela forma de valorizalos e ao tempo protexelos

Os novos taboleiros de xogo localizados na Facultade de Historia

Pero deixemos aos xestores a xestión e vaiamos co que nos trouxo aquí, a localización de catro taboleiros máis no exterior do edificio da actual Facultade de Historia da Universidade compostelá, que se unen aos 11 anteriormente rexistrados.

O neoclásico edificio da universidade foi levantado no último cuarto do século XVIII e rematado nos primeiros anos do século XIX (1806). Construído nun dilatado período de tempo adquire a súa fisionomía actual no ano 1844, no que se reforma a escalinata da fachada principal. A expulsión dos xesuítas no ano 1767 por parte de Carlos III veu ca orde de destinar todos os bens da orde á ensinanza. Así, a universidade compostelá obtivo dos xesuítas a súa Biblioteca, Igrexa e Casa de Exercitantes, ademais do solar onde se construiría o futuro colexio.

O edificio tivo un proxecto inicial da man de Domingo Lois Monteagudo que non se chegou a construír, pero que serviu de inspiración ao proxecto de Miguel Ferro Caaveiro que foi o finalmente executado. As datas de construción dos diferentes elementos son de interese para o estudo dos taboleiros. Comeza a obra no lado norte (1776-1781), seguindo pola fachada oriental (1783-1789). A construción da fachada occidental dilatarase no tempo entre os anos 1797 e 1806 ca intervención do arquitecto Melchor de Prado.

Localizamos tres novos taboleiros na soleira da esquina surleste do edificio, en parte das fachadas sur e oriental. A este espazo, na actualidade, só se pode acceder desde o interior, pois unha cancela impide o paso polo leste e no lado sur a cabeceira da Igrexa da Compañía e a fachada norte do edificio da actual Facultade de Filosofía (Casa de Exercitantes) pechan un pequeno espazo axardinado.

O estado de conservación dos taboleiros é deficiente xa que a superficie da soleira ten abondosos depósitos de terra e vexetación que impiden unha boa visualización. A diferenza doutros exemplares do edificio esta soleira non ten unha canalización metálica por enriba.

O taboleiro da esquina nordeste

Na esquina nororiental do edificio, próximo a unha das actuais entradas de acceso, localizamos un último taboleiro de tres en raia, que polo forte desgaste que presenta pasou desapercibido nas anteriores procuras.

Completa o conxunto chegando a un total de 15 taboleiros conservados no exterior deste senlleiro edificio da améndoa compostelá.

Animamos a Universidade compostelá a conservalos e divulgalos co cariño que cremos merecen.

Bibliografía

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.