Os petróglifos do Monte Lomba en Iria Flavia. Os primeiros gravados prehistóricos do concello de Padrón


Que a nosa arte rupestre prehistórica é unha das manifestacións culturais máis singulares da nosa prehistoria é unha afirmación que non precisa discusión. A pesares disto o impulso do seu coñecemento ten recaído, habitualmente, nas mans de vontades particulares, de investigadores individuais ou colectivos que traballaron e traballan sen apenas apoio público, sen a axuda das administracións. Esta pasividade pública ten producido moitas consecuencias adversas, como o é que, a día de hoxe, non teñamos ningunha institución pública que se ocupe do estudo e a promoción do coñecemento desta valiosa herdanza identitaria que son os petróglifos galegos, a máis singular manifestación cultural da nosa prehistoria.

O labor decidido en prol do estudo da nosa arte rupestre desenvolvido por institucións públicas como o Museo de Pontevedra ou o Museo Quiñones de León de Vigo son cousas dun xa lonxe pasado. Tampouco as universidades teñen proporcionado a continuidade necesaria para o seu estudo e promoción e, como resultado disto, entre outras moitas consecuencias negativas, carecemos dos instrumentos básicos para avanzar no seu coñecemento, como é un inventario das estacións e motivos, completo, homoxéneo e contrastado, que recolla o traballo froito dos esforzos de moitos investigadores ao longo dos anos e que está a ser desaproveitado, cando non directamente esquecido.

Monte Lomba 2. Fotografía con iluminación nocturna

Como xa comentamos noutras ocasións, Xoán Guitián é un destes investigadores ao que lle debemos o coñecemento dun bo número de estacións rupestres. Os seus traballos na península do Barbanza e na comarca de Compostela son ben coñecidos e accesibles, xa que están recollidos en publicacións propias, elaboradas en colaboración co seu fillo Jorge, ou en equipo nas publicacións do grupo da USC dirixido por Ramón Fábregas. Mais, aínda atesoura coñecementos rupestres menos coñecidos, aínda non publicados.

Do seu traballo partiu esta procura. Cunhas coordenadas aproximadas e unhas boas indicacións partimos cara a Padrón na busca dun círculo con coviñas nun panel que Xoán e o seu fillo atoparan hai máis de 20 anos.

Monte Lomba 2

“En Padrón tomamos a estrada que conduce a Pontevea por Herbón e Carcacía. En Herbón, ó pasar un grupo de vivendas sociais, deixamos o coche e collemos un camiño á esquerda, mesmo debaixo da autoestrada A-P9. Seguimos o camiño ascendente no seu tramo paralelo á autoestrada durante uns 400 metros. Neste punto teremos á nosa dereita unha ladeira con numerosas rochas graníticas. No conxunto de rochas máis grande e destacado da ladeira atópase o gravado sobre un panel de granito escurecido inclinado cara o sur”.

Non foi doado dar co gravado. O estado de abandono do monte e a gran cantidade de pedra existente no lugar dificultou a nosa busca. Despois case unha hora na súa procura localizamos un primeiro panel con varios motivos gravados, pero que diferían dos descritos por Xoán. Unha hora máis tarde atopamos un segundo panel que tampouco coincidía coa súa descrición. Ao pouco tempo demos cun terceiro panel, este si, con similitudes coa referencia de Xoán. En visitas posteriores localizamos outras dúas pequenas superficies gravadas. De todos elas damos conta a continuación.

Monte Lomba 1

Os petróglifos do monte Lomba

As superficies gravadas localízanse no tramo baixo da ladeira sur-sur leste do monte Lomba / monte Castrelo, que protexe polo norte a poboación de Herbón e, a Iria Flavia polo leste. O monte Castrelo, na parroquia de Santa María de Iria Flavia, é unha modesta elevación que acada os 174 metros de altitude.

Na súa cima localízase un recinto fortificado coñecido como Castro do Castelo. Ben de interese cultural catalogado co código GA15065004 non ten sido estudado cientificamente ata o momento. A superficie protexida polo recinto ten un diámetro de 110 metros no seu eixo norte-sur e uns 35 metros no leste-oeste, e está delimitado por un parapeto e un foxo. A ficha do catálogo dálle unha cronoloxía xenérica da Idade do Ferro e/ou medieval.

A poucos metros ao norte consérvase a mámoa do Castrelo (GA15065019), un enterramento neolítico de boas dimensións.

A un quilómetro en dirección noroeste localízanse as ruínas do Castelo da Rocha Branca (GA15065002), luxosa residencia de verán do arcebispo compostelán.

Cara o norte, o terreo segue a ascender ata chegar aos 439 metros de altitude do Outeiro da Meda co seu cumio coroado de antenas, que é un miradoiro natural cunha ampla panorámica da contorna. Desde alí divísase o val de Padrón, o curso do Ulla e a súa desembocadura, a península do Barbanza, a illa de Arousa e o Pico Sacro.

Os petróglifos concéntranse no tramo inferior da pedregosa aba que descende cara a chaira aluvial que conforma o río Sar. Multitude de pequenas rochas de granito fino espalladas por toda a ladeira presentan numerosas evidencias de actividades extractivas, proba do intenso traballo dos canteiros no pasado.

A toponimia advirte da importancia do lugar como zona de paso. O último tramo da pendente, inmediata aos terreos máis chans dedicados a hortas, recibe a clarificadora denominación de O Porteliño. A localización da nosa arte rupestre prehistórica en lugares desde o que se controlan visualmente zonas naturais de paso/tránsito xa foi observado noutros moitos conxuntos rupestres do país, como nos exemplos recollidos no xa clásico estudo de Ramón Fábregas sobre o conxunto rupestre do Monte Penide.

Porteliño 1

Esta primeira estación localízase no último tramo da ladeira sur do monte Lomba, no límite entre as parroquias de Santa María de Iria Flavia e Santa María de Herbón, nun afloramento granítico pouco destacado nun pequeno outeiro a uns 30 metros do camiño que discorre en dirección Leste – Oeste ao pé do monte. Trátase dunha superficie regular inclinada situada a rentes do chan, orientada ao sur.

Porteliño 1. Vista xeral do panel

Ten unhas dimensións de 4 metros de longo por 3 metros de ancho. Encadrado entre diáclases obsérvase un conxunto de motivos formado por ata seis círculos simples, un círculo cunha cruz inscrita no seu interior, unha agrupación de coviñas e varias formas indeterminadas. Os círculos teñen un diámetro aproximado de 18 cm.

A maioría dos motivos son pouco visibles polo desgaste que presentan. Semella que a técnica empregada para a súa realización é a do piqueteado, sen que pareza que se procedese a continuación ao habitual proceso de abrasión posterior tan característico dos nosos petróglifos, o que fai pensar para este panel na posibilidade dunha cronoloxía diferente a das restantes estacións. Cómpre recordar que nos anos 50 do século pasado Sobrino Lorenzo Ruza estudou estas “rodas solares” ou “decoracións con forma de roda” (cruces inscritas en círculos) facendo unha análise comparativa con motivos similares presentes por toda a costa atlántica, na arte escandinava, irlandesa, Saboyana, xermánica e na africana. Este autor dálles unha cronoloxía posterior a das combinacións circulares máis comúns, o que explicaría que “se sitúen periféricamente y siempre en una situación más secundaria” (SOBRINO LORENZO:1956). Son para este autor a representación duns singulares elementos mobles atopados en diferentes lugares da Europa atlántica, unhas pequenas laminas circulares de ouro decoradas con círculos concéntricos, considerados como elementos de prestixio.

Neste caso concreto non desbotamos que se traten de gravados realizados en períodos históricos coa finalidade de renovar os acordos de límites parroquiais e/ou propiedades, toda vez que a situación da laxe coincide cos actuais límites entre dúas parroquias.

Porteliño 1. Fotogrametría

Porteliño 2

Nunha laxe inclinada situada a rentes do chan, a escasos metros ao noroeste da estación de Porteliño 1, consérvase un conxunto de 4×4 coviñas aliñadas entre si, o que lle da ao conxunto o aspecto dun taboleiro de xogo. Localízase na zona máis elevada do panel, no seu extremo norte. As coviñas son profundas e dun diámetro considerable.

Presentan bordos de arestas vivas que fan pensar nunha antigüidade relativa e lévanos a desbotar, a priori, unha cronoloxía prehistórica para eles.

Porteliño 2. Fotogrametría

Chanciña

A uns 20 metros ao norte de Porteliño 1 localízase unha laxe que se eleva case un metro sobre o terreo, sendo a máis destacada da súa contorna inmediata. Na superficie horizontal máis elevada conserva, en posición central, un só motivo formado por coviña central e dous círculos concéntricos de feitura irregular.

Monte Lomba 1

Laxe de medianas dimensións situada a un cento de metros do petróglifo do Porteliño, en dirección noroeste, na parte media da pendente da ladeira sur do monte Lomba. Ten unhas dimensións de 390 cm de ancho por 350 cm de longo e 150 cm de alto no seu extremo inferior. Presenta unha superficie horizontal regular, a escollida polo gravador.

Monte Lomba 1. Fotografía con luz natural

O motivo conservado é unha complexa combinación circular de 35 cm de diámetro, composta por un pequeno círculo no centro da composición. Este está parcialmente dividido en dúas metades por un suco que se prolonga recto polo exterior do círculo. Un círculo alongado incompleto con microcoviñas no interior rodea este suco parcialmente. Rodea todo este conxunto dous círculos concéntricos incompletos.

Monte Lomba 1. Fotogrametría

Monte Lomba 2

Sitúase a uns 10 metros ao norte da estación de Monte Lomba 1. É unha rocha de morfoloxía similar a anterior cunha superficie superior un tanto máis irregular. Mide 265 cm de longo por 155 cm de ancho Nesa superficie superior, nunha estreita zona intermedia inclinada consérvase unha forma rectangular de esquinas redondeadas con un total de 15 coviñas no seu interior. Ten un diámetro de 25 cm Por debaixo deste motivo, nunha superficie máis horizontal obsérvase unha coviña illada de 10 cm de diámetro e 2 cm de profundidade.

Monte Lomba 2. Fotografía con luz natural

Chama a atención a inclinación do lugar escollido para gravar o motivo principal, dispoñendo na mesma laxe de superficies horizontais inmediatas a elixida, quizais a escolla foi procurando unha determinada orientación. Se observamos o horizonte visible desde a laxe os elementos xeográficos máis destacados son o Monte Xesteiras nun primeiro plano e o Castrove e Xiabre nun segundo plano.

Monte Lomba 2. Fotogrametría

Interpretación xeoastronómica

Analizando a ubicación paisaxística dos petróglifos Monte da Lomba 1 e 2, apenas separados 16 metros entre si, detéctase a existencia de dous aliñamentos xeoastronómicos, un a 8 km coa cima secundaria do Monte Xesteiras (657 m.s.n.m., entre os concellos da Estrada e Cuntis) e outro  a menos de 300 metros co pequeno Outeiro do Monte en Iria. Nestes rumbos, o primeiro a 139,0º de azimuth e 4º de elevación e o segundo a 241,0º de azimuth e 1,6º de elevación coinciden dúas posicións extremas do ciclo da Lúa, no último o ocaso do lunasticio menor sur e no primeiro o orto do lunasticio maior sur, que apenas desvía a súa posición menos de medio grao, facendo que a Lúa vai saír xusto á esquerda do cumio secundario do Xesteiras.

Non pode asegurarse con certeza se istes eventos, que acontecen durante o ciclo de lunasticios de 18,61 anos (alternándose na metade e os extremos deste ciclo), respondan a unha intencionalidade deliberada na ubicación destes gravados por parte dos seus autores orixinais. A ausencia, ou o descoñecemento da existencia de rexistro arqueolóxico ou etnográfico nestas dúas cimas impiden confirmalo, xa que non constitúen os principais fitos paisaxísticos do horizonte visual dos gravados.

Nesta cuestión unicamente podería argüirse a comprobación de eventos astronómicos semellantes sobre o mesmo Monte Xesteiras, cando se contempla dende o relativamente próximo Petróglifo da Pedra das Serpes dos Vilares (Valga), onde acontece o orto do lunasticio maior sur sobre a cima principal do Xesteiras (a 139,5º de azimuth e 5,2º de elevación) e o orto do lunasticio menor sur (a 121,7º e 4,6º) sobre a secundaria, a mesma dos aquí estudados petróglifos do Monte Lomba.

Este caso das Serpes dos Vilares si que resulta esclarecedor por si mesmo, pois no seu emprazamento prodúcese ademais outros aliñamentos como é o ocaso do solsticio de inverno sobre o Monte Fontebecha, de reveladora toponimia e, onde aparece ademais outro topónimo de “Fonte Santa”. Deste xeito, estes e outros aliñamentos tamén presentes na Pedra dos Vilares reúnen un exemplo patente de cando estas coincidencias resultan atribuíbles ao resultado dunha eleción premeditada, indicando e existencia dunhas crenzas e celebracións relacionadas coa monitorización e ritualización dun calendario prehistórico.

Outro dato que confirma a importancia do monte Xesteiras é a redundancia na súa cima principal (716 m.s.n.m ) dun aliñamento co Castro e Capela de Santa Mariña de Castrovite (A Estrada), onde coincide o ocaso do Samain (40 días despois do equinoccio de outono), exactamente a 248,1º de azimuth e 0,8º de elevación. A validación da ubicación de Castrovite derívase tamén do ocaso do lunasticio maior norte sobre o cumio do Pico Sacro (monte que domina o seu horizonte visual) a 308,4º de azimuth e 0,5º de elevación (BOUZAS SIERRA A., 2022).

A modo de conclusión

Con este conxunto de gravados estréase o catálogo de petróglifos prehistóricos do concello de Padrón, enchendo un baleiro para o que non había moita explicación. Ata o de agora, tódalas estacións rupestres coñecidas no concello tiñan unha cronoloxía histórica. Son:

As penedas do Santiaguiño do Monte, con cruciformes, podomorfos e inscricións.

Monte San Gregorio. Unha peneda na Finca de Cadaví na que se conserva un cruciforme. Este elemento non está catalogado.

Cruz no alto do Castelo Redondo. Non catalogada.

Inscrición na aba do Castelo Redondo. Non catalogada.

Os gravados do Muíño de Arriba. Trátase de gravados realizados nas xambas do muíño.

Os marcos medievais da vila de Pedrouso (Queiruga, Pedrouso e Pena das Cruces).

Amplíase o coñecemento da distribución da nosa arte rupestre prehistórica coa descuberta destes paneis no territorio do concello de Padrón. Procedemos a notificar á Dirección Xeral de Patrimonio a súa valoración e catalogación como é o noso costume.

Monte Lomba 1. Fotografía con iluminación artificial

Bibliografía

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.