O incendio desta pasada fin de semana que comezou en Herbón (Padrón) e chegou a Teo deixou unha ferida na paisaxe de máis de 350 ha. segundo informan os medios oficiais. O lume desenvolveuse desde o venres 12 de xuño non quedando controlado ata o luns 15. Grazas ao despregamento dos medios e equipos de extinción as aldeas da contorna non sufriron danos. Salvagardar vidas e vivendas é sempre o prioritario, polo que cómpre parabenizar ós equipos despregados.
Porén, o lume afecta á paisaxe, á vexetación, á fauna e ós bens patrimoniais que acubillan os montes.
Neste caso, danou ó Monte Piquiño, unha das áreas arqueolóxicas máis importantes da comarca, situada entre as parroquias teenses de Lampai, Luou e Rarís. Nesta área protexida de 40 ha figuran catalogadas na actualidade 33 mámoas e 11 petróglifos e transcorre a Ruta homologada dos Petróglifos de Teo (PRG-238). Ademais, trátase dunha área de especial atención e protección incluída no Plan Director de Compostela Rupestre, que propón crear un parque arqueolóxico na zona. Por este motivo, a Deputación da Coruña estivo a rozar e limpar 15 mámoas entre o ano pasado e este ano para iniciar así a posta en valor desta necrópole ó carón da ruta dos petróglifos xa sinalizada polo Concello no ano 2018.
Lamentablemente, aproximadamente un terzo desta zona de alto nivel patrimonial e paisaxístico quedou afectada polo lume. E, o que é peor, algunhas das mámoas foron danadas gravemente, non polo lume, senón polas devasas que realizaron os brigadistas xusto polo medio da área arqueolóxica. Tamén afectou ó petróglifo do Fondao, mais semella que o anel de protección e o mantemento da ruta por parte do Concello de Teo, evitou danos nesta estación rupestre.
O Colectivo A Rula advirte á veciñanza que non transite pola área afectada, xa que existen zonas con riscos potenciais ata que o espazo sexa reacondicionado e se garanta a seguridade a todas as persoas usuarias. Recoméndase encarecidamente evitar esta ruta mentres se manteñan as condicións actuais. Os sinais e balizas da ruta están queimados e mesmo o camiño desapareceu baixo as devasas realizadas.
En principio, semella inexplicable que contando cos medios actuais e mais toda a información relevante sobre o patrimonio xeorreferenciada, os traballos de extinción causen estes danos significativos ós elementos presentes lonxe dos núcleos de poboación. Non obstante, antes de atribuír ou eximir responsabilidades a calquera das parte implicadas, haberá que avaliar os danos e circunstancias do acontecido.
Xa haberá tempo de tentar reparar os danos no patrimonio arqueolóxico na medida do posible, restaurar o lugar e establecer os plans e protocolos que eviten no futuro estas lamentables circunstancias. Arestora é prioritario que as administracións que teñen a obriga de coidar do noso patrimonio envíen ós técnicos necesarios para avaliar o estado actual. Os responsables están informados (Concello, Deputación e Xunta de Galicia).
Galería de imaxes da zona afectada polo lume






A devasa aberta no medio da necrópole megalitica e marcas do paso da maquinaria sobre a Mámoa 15.



Sinais da Ruta dos Petróglifos de Teo (PRG-238)
