A Devesa Real de Coto e os seus marcos


Os Plantíos Reais e a localización da Devesa de Coto

Dentro dos lindes do lugar de Coto, na parroquia teense de Santa María de Bamonde, sitúase unha ampla parcela de monte rodeada por un muro e varias gabias que a delimitan. Este predio limita polo norte cos montes de Reboredo e a Camposa, polo leste co monte do Castelo, ao oeste co Agro do Coto e ao sur co chamado monte dos Pobres.

Localización da antiga “Dehesa Real” de Coto coa situación dos dous marcos que se conservan “in situ”

Foi o mestre, historiador e veciño do lugar, Guillermo González Raviña quen na súa publicación (1) sobre a  historia da parroquia de Santa María de Bamonde deu a coñecer este antigo acoutamento real, ao que lle dedica un epígrafe especial, identificando esta zona de monte coa antiga “Dehesa Real de Coto”. Nel analiza polo miúdo a historia desta ”Dehesa” que durante o século XVIII estivo baixo a xurisdición da Mariña, representada polo intendente do Departamento de Ferrol.

Segundo o citado autor, dende principios do século XVIII, este plantío, de algo máis de 3 hectáreas de superficie, permaneceu acoutado e baixo unha administración especial (2). A Mariña mercaba, a precio tasado previamente, madeira para a construción naval, da venta das árbores unha terceira parte destinábase a repoboación e outra parte beneficiaba economicamente á propia veciñanza.

Esta política forestal dos Borbóns, iniciada en 1716 por Felipe V, encamiñouse ao fomento da plantación e conservación de carballos e piñeiros en montes comúns e baldíos, incluso en terreos privados de xeito forzoso (3), e tiña como obxectivo o subministro de madeira en beneficio da Mariña.

Este feito explica a Real Ordenanza “para a conservación e aumento dos montes da Mariña”, ditada por Fernando VI o 31 de xaneiro de 1748 (4), que confiaba aos intendentes da Mariña o coidado destes montes próximos ao mar e aos ríos navegables situados a menos de 25 leguas da costa (uns 138 km). Documéntanse en Galicia ata 729 Dehesas e Coutos Reais (301 só na provincia de Santiago), ao marxe dos montes comúns das vilas e freguesías situadas naquelas xurisdicións con doada saída ao mar, como acontece na de Vea, pola súa proximidade e fácil acceso ao río Ulla.

Pazo de Astaríz. Vista xeral.
Pazo de Astaríz. Vista xeral.

Ao leste da “Dehesa” discorre un importante camiño histórico, o chamado “Camiño do Francés”, quizais en alusión ao paso das tropas napoleónicas logo de cruzar o Ulla en 1809 en retirada dende a Ponte Ledesma onde sufriron numerosas baixas. Este antigo Camiño Real foi substituído pola actual pista (5) que comunica os lugares de Campos na parroquia de Teo e de Lamas en Bamonde. Algúns autores tamén sinalan a posible relación deste camiño coa antiga Vía XIX do antigo Itinerario de Antonino (6).  Vía que tamén fai de linde co chamado Monte da Condesa, antigas posesións dos Marqueses de Astariz (7), cuxo pazo localízase ao oeste, na aldea de Noceda. Na actualidade atópase en ruínas pero segue a ser un dos edificios barrocos máis sobranceiros do concello teense. O seu deseño evidencia a súa influencia compostelá e o sitúa na liña dos grandes pazos da beira do Ulla do Concello de Vedra.

Cómpre subliñar tamén a presenza na zona de dous interesantes microtopónimos, “Castelo de Coto” e “Castelo de Paizás”, posibles referencias a algún tipo de fortificación para a defensa desta antiga vía durante a Idade Media. Esta zona tamén é a estrema das parroquias de Santa María de Bamonde e Santo André de Illobre dende o Medievo, actualmente pertencentes aos concellos de Teo e Vedra respectivamente.

De feito, aínda se conservan ocultos entre os toxos e matogueiras os fitos de pedra que deslindan ambos concellos, colocados a finais dos anos vinte. Posteriormente, no ano 1939, o topógrafo Joaquín Pastor Sánchez, do Servizo Topográfico Nacional, acompañado de varios concelleiros teenses, fixaron oficialmente esta liña divisoria que sinalaron con estes fitos, que levan gravados as iniciais de ambos concellos (T e V) e figuran descritos polo miúdo na acta (8) do 24 de agosto de 1940 do “Instituto Geográfico y Catastral”.

No percorrido que realizamos co profesor González Raviña puidemos ver e marcar co gps varios destes “mojones”, moitos deles pequenos fitos de cuarzo, que milagrosamente chegaron ata os nosos días sen gozar de ningún tipo de protección.

Mámoa de Paizás

A uns metros desta fronteira municipal, no lado de Vedra, atópase a mámoa de Paizás. É este un túmulo de bo tamaño moi afectado pola colocación dun poste do tendido eléctrico sobre o cono de violación da mámoa. Lembremos que estes monumentos funerarios en moitas ocasións adoitan servir de linde entre parroquias do noso país.

A relevancia da Devesa Real de Coto

A “Dehesa Real” de Coto era, por tanto, unha das moitas “Dehesas” e Coutos Reais da antiga provincia de Santiago. Non obstante, dous feitos fan relevante este antigo plantío nos nosos días.

Por unha banda, os historiadores Guillermo González Raviña e Eugenio Estévez Cepeda lograron documentar esta antiga Dehesa a través do Catastro de Ensenada e dun documento notarial no que figura o nomeamento dun mordomo pedáneo encargado do seu coidado.

No Catastro figura esta Dehesa Real cunha superficie de 54 ferrados e un “vivero de SM” de 4 ferrados, na aldea de Coto lindando con monte común.

No documento de 1746 (9) do nomeamento de Gregorio Sobredo (veciño da aldea de Lamas na mesma parroquia de Bamonde) como mordomo pedáneo figuran as súas obrigas en relación co mantemento e conservación desta Dehesa, cuestións de carácter técnico como a plantación de novas árbores, evitar a corta de madeira, o peche dos terreos, arranxo dos camiños, pontes e fontes, pero tamén asuntos máis mundanos e de orde civil. Estes mordomos eran nomeados polo xuíz da xurisdición de Vea, á que pertencía a parroquia de Bamonde. O mordomo representaba a freguesía, especialmente á hora de distribuír as cotas dos soldados recrutados por quintas e levas, así como nos impostos que lle correspondían á parroquia e no tocante á reparación de pequenas obras públicas, auxilio da xustiza, mantemento da orde pública, etc.

Muro lindeiro da Devesa

Aínda máis excepcional é o feito da delimitación da “dehesa” a través dun muro lindeiro, gabias exteriores e varios marcos ou pedrafitas chantadas nos extremos da parcela, das que se conservan catro, dúas delas aínda no seu emprazamento orixinal. Estos marcos figuran ao carón do muro que rodea a parcela. O muro non se conserva na súa totalidade debido a que moitos propietarios o derrubaron parcialmente para facilitar o acceso ás súas fincas. Non obstante, consérvanse treitos dos seus lenzos dun metro de alto e ata 70 cm de ancho.

Na zona do val do Ulla só temos referencia doutros “Plantíos Reais” que conservan os seus marcos lindeiros no concello da Estrada. Segundo recolle o ilustre Manuel Reimóndez, na súa obra “A Estrada Rural”, existen dous plantíos reais na Estrada que aínda conservan algún dos seus marcos,

“pedras importantes son as das chamadas Carballeiras do Rei, ou sexa Plantío Real con Devesa de Viveiro”.

Trátase do marco da Carballeira do Rei, en Pardellas na parroquia de Loimil preto da N-525, e dos marcos da Carballeira do Rei, do lugar de Baltar na parroquia de Santa María de Ribeira,

“nela atópanse marcos con R e un deles coa data 1796 que levou para a súa casa a familia Otero desta parroquia, donos do monte”.

Os tres marcos da Devesa Real

No extremo sureste do plantío sitúase un marco, duns 70 cm de alto por 30 de ancho, cun gran “R” que identificamos como sinal da “Dehesa Real”. A letra está gravada no lado do marco que daba cara o camiño que bordea polo sur a parcela. Este marco sinalaba o linde nordeste da Devesa. Arestora atópase en perigo por unha importante fractura na súa base.

Marco da Dehesa Real no extremo sureste

O segundo marco figura no linde noreste da Devesa, é moi semellante o anterior. Ten un tamaño de 85 x 25 cm, está pegado ao muro lindeiro e tamén ten a letra “R”  gravada na zona central, no lateral do marco orientado cara o camiño. 

Marco da Dehesa Real no extremo noreste

Outras dúas pedrafitas atópanse descontextualizadas no interior de propiedades privadas da veciñanza da aldea de Coto. A primeira delas fica deitada nunha parcela na aldea de Coto fóra da súa posición orixinal. É algo máis grande cas anteriores (sobre un metro de altura) e tamén conserva o “R”. Segundo os datos achegados pola veciñanza este delimitaba a zona noroeste do couto.

Marco da Dehesa Real no linde noroeste

O último dos marcos localizados está no interior dunha vivenda, tamén na aldea do Coto, e foi reutilizado como elemento constructivo nunha lareira.

Os marcos, que permanecían inéditos, foron inventariados a comezos do ano 2017 aproveitando o traballo realizado en colaboración coa empresa de arqueoloxía “Horizonte Norte” e financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, polo que xa figuran no Plan Básico Autonómico da Xunta  e só resta a súa inclusión na relación de bens patrimoniais do Concello de Teo.

Na actualidade, aínda fican neste monte bos exemplares de piñeiros e carballos adultos pero nada comparable coa situación deste antigo plantío, como sinala o propio Guillermo González Raviña na súa obra:

“este terreno a monte, desde los años cincuenta del siglo pasado, en que lo conocemos, era un vergel de producción de pinares y otros árboles. En su parte alta y casi lindando con el paraje de “La Camposa”, tenía un buen manantial de agua que regaba un prado de su interior, hoy sólo queda de aquello el agua que entre derrumbes, fluye escasamente. La finca desde principios del siglo XX (alrededor de 1912), perteneció al cantero del Coto, José Fernández Guldrís, que se la compro a los herederos de Dª Joaquina Otaño, viuda de D. Miguel Sobrino. En 1752 era propiedad del Conde D. Francisco Calderón”.

Agradecementos

Rematamos esta entrada agradecendo a Guillermo González Raviña que nos teña achegado esta e outras historias da súa pequena aldea natal, por exercer de extraordinario guía polos montes de Coto, e, en xeral, por todo o labor que leva realizando nestes últimos anos na recuperación da historia e memoria da súa parroquia. Agardamos que este pequeno apuntamento contribúa a recoñecer o seu valioso traballo e sirva para animalo a continuar con novos proxectos.

Notas

(1) González Raviña, Guillermo & Estévez Cepeda, Eugenio: “Baamonde, Vaamonde: Historia, Genealogía y Relatos”. Bamonde, 2013. Unha obra que ilustra o bo traballo de combinar o baleirado de fontes tradicionais nos arquivos coa historia oral e a memoria colectiva para rexistrar o pasado desta pequena parroquia teense.

(2) A propia palabra “dehesa” procede do latín “defensa”, un terreo acoutado ou defendido, cercado para delimitar una zona de montes, pastos ou outros usos.

(3) Os propietarios aceptaban as imposicións da xurisdición da Mariña relativas ao aumento e conservación do plantío e obtiñan a cambio o aproveitamento de leña e monte baixo, landras e pasto para o gando así como un real de vellón por cada cúbico de madeira de carballo cortado.

(4) Esta ordenanza completouse coa Instrucción do 18/05/1971 sobre a conservación e aumento dos montes da Marina. Novísima Recopilación, T.III, libros IV e VII, páxs. 543-546.

(5) Camiño de Viño Grande a Campos por Bamonde. 1963. AMT 663

(6) Vía que comunicaba Braga e Lugo e pasaba ao pé do Pico Sacro. Unha vía que procedente de Cuntis entraba nas terras teenses pola Pons Vellegia (Pontevea).

(7) D. Jacobo Llorente de Araujo obtivo o título de Marqués de Astariz en 1752.

(8) “Acta de la operación practicada para reconocer la línea de término y señalar los mojones comunes a los términos municipales de Teo y de Vedra”. AMT. Fondos dixitais. Colección doazóns 2013.

(9) Documento notarial de nomeamento do “mayordomo pedáneo” da Dehesa Real de Coto do ano 1746. Arquivo privado da familia de Claudio Casal, veciño de Lamas

Bibliografía

  • ARTIGA REGO, A. “Montes públicos y desamortización en Galicia. En: Revista Agricultura y Sociedad”. ISSN 0211-8394, Núm. 57 (outubro – decembro 1990), páxs. 157-199.
  • BALBOA LÓPEZ, X.L. “O monte en Galicia, 1855-1925: intervencionismo administrativo e privatización campesina”. En: R. Villares (Ed.) “Donos de seu. Estudios de historia agraria de Galicia”. Santiago, 1988
  • BALBOA LÓPEZ, X.L.“O monte en Galicia”, Edicións Xerais, Vigo, 1990.
  • GONZÁLEZ RAVIÑA, GUILLERMO & ESTÉVEZ CEPEDA, EUGENIO. “Baamonde, Vaamonde: Historia, Genealogía y Relatos”. Bamonde, 2013.
  • “Inventario, catalogación e proposta de delimitación planimétrica dos petróglifos inéditos na comarca de Compostela”, realizado pola empresa Horizonte Norte entre novembro e decembro de 2016 baixo a dirección do arqueólogo Mario César Vila co financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
  • REIMÓNDEZ PORTELA, M. “A Estrada Rural”. Diputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra. (2ª ed. 2007).

Apéndice gráfico e documental

Documento notarial de nomeamento do “mayordomo pedáneo” da Dehesa Real de Coto do ano 1746. Arquivo privado da familia de Claudio Casal, veciño de Lamas.
Plano do deslinde de Teo e Vedra na zona do Camiño Francés. Ano 1939, realizado polo topógrafo D. Joaquín Pastor Sánchez do Servizo Topográfico Nacional. Arquivo Municipal de Teo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.