Arte rupestre en Catoira, de Sobrino Lorenzo Ruza ós nosos días


O pasado domingo 3 de abril, 67 anos despois da visita de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, seguimos os seus pasos nunha pequena ruta familiar organizada pola ANPA As Lombas de Catoira e Cristina Conde Escaloni.

Segundo recollen os datos da súa axenda persoal e apuntamentos diversos o arqueólogo pontevedrés comezou aquela xornada primaveral de 1955 cun paseo pola zona marítimo fluvial da Balastrera, na compaña do propietario da papelaría “El Sol”, na procura de cunchas e minerais. Sobrino Lorenzo era moi afeccionado á malacoloxía e a mineraloxía, unha actividade de lecer que herdou do seu pai. Posteriormente, localizaba e documentaba as dúas mámoas da necrópole do Monte das Mámoas na parroquia de Santa Baia, e mesmo alegrábase de que unha delas, a pesar de que fora saqueada como é habitual, conservaba parte da súa cámara megalítica.

Mámoa número 1 do monte das Mámoas

Malia as continuas repoboacións forestais da zona nas últimas décadas ambas mámoas aínda se conservan en aparente bo estado e eses esteos que ollou Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza na mámoa 1 fican na mesma posición.

Por outra banda, grazas á recuperación do arquivo persoal de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, contamos con diversos apuntamentos manuscritos, debuxos e fotografías que nos proporcionaron importantes datos sobre o proceso de rexistro dos cinco petróglifos estudados polo citado arqueólogo e que ata hai apenas 15 anos eran os únicos coñecidos nesta vila pontevedresa, famosa polas súas Torres de Oeste, chave e selo de Galiza, como sinalan as antigas crónicas.

Sobrino Lorenzo Ruza no monte das Mámoas

Precisamente, estes 5 petróglifos: petróglifo de Aragunde, petróglifo de Pinar do Rei ou As Lombas, petróglifos de Outeiro de Barral (2) e petróglifo da Torre de Oeste, son, xunto as citadas torres, os seis Bens de Interese Cultural do concello que figuran na lista consultable na Web da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Bens culturais que entraron na relación actual grazas ó seu previo recoñecemento como monumentos históricos – artísticos mediante o Decreto 3741/1974, do 20 de decembro, (BOE núm. 59 do 10 de marzo de 1975) do Ministerio de Educación y Ciencia, xunto con preto de duascentas laxes con gravados prehistóricos coñecidas nese intre na provincia de Pontevedra. O número actual de petróglifos coñecidos na provincia multiplicouse por dez.

A Tallariña por RSLR

Debido ó seu prematuro pasamento, Sobrino Lorenzo – Ruza só tivo tempo para publicar un breve apuntamento sobre os citados gravados no “Noticiario Arqueológico Hispánico” (1956 – 1961, p. 263), que foi esencial para a súa incorporación nas adicións arqueolóxicas á “Carta Arqueológica de Pontevedra”, que realizaron os seus colegas do Museo de Pontevedra, J. Filgueira Valverde & A. García Alén. En décadas posteriores estes petróglifos de Catoira foron recollidos nas publicacións doutros estudosos como Ángel del Castillo, Antonio de la Peña Santos ou José Manuel Vázquez Varela.

Na actualidade, o número de petróglifos catalogados no concello ascende a 15. Despois dos 5 petróglifos estudados por Sobrino Lorenzo localizáronse os da Pedra das Tixolas na parroquia de Abalo e, froito dos traballos de prospección en 2008 despois dos incendios de 2006, os arqueólogos Mª Carmen Álvarez García e Manuel Lestón Gómez, da empresa Arkaios S.L., rexistraron outros nove nas ladeiras do Xiabre, entre eles os conxuntos rupestres de maior plasticidade e singularidade. Destacan polo grande repertorio e tamaño dos gravados, o petróglifo das Lagoas 1, o petróglifo da Redondiña, o Petróglifo da Busta e o Petróglifo dos Campiños, este último o único con gravados de tipoloxía naturalista. Recentemente, na visita realizada a estes conxuntos, localizamos novos motivos non recollidos nas fichas da Dirección Xeral de Patrimonio e dos que falaremos en futuras achegas.

Enlace maps

Relación dos Petróglifos de Catoira:

NOME PARROQUIA -LUGARCLAVE IDENT
Petróglifo das Lagoas 1 S. Miguel de Catoira – AragundeGA 36010018
Petróglifo das Lagoas 2 S. Miguel de Catoira – AragundeGA 36010019
Petróglifo da Busta Dimo – CoaxeGA36010017
Petróglifo dos Campiños Abalo – BustoGA36010023
Petróglifo de Morosos Abalo – FreixeiroGA36010020
Petróglifo do Muíño dos Portugueses Dimo – PortocanlesGA36010016
Petróglifo da Redondiña Abalo – O BustoGA36010024
Petróglifo de Riba do Pinal Abalo – FreixeiroGA36010022
Petróglifo da Xesteira Abalo –  FreixeiroGA36010021
Petróglifo das Tixolas Abalo – O Souto da VilaGA36010004
Petróglifo do Outeiro do Barral (2) S. Miguel de Catoira – BarralGA36010003
Petróglifo do Pinar do Rei / As Lombas S. Miguel de Catoira – O ProgresoGA36010012
Petróglifo Torres de Oeste S. Baia de Oeste – O RegueiroGA36100006
Petróglifo Taleiriña / Tallariña / Telleiriña S. Miguel de Catoira – AragundeGA36010002

Os petróglifos de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza

O petróglifo da Tallariña de Aragunde

A visita ós gravados comezou en Aragunde onde María Luisa Riveiro permitiunos acceder a súa propiedade e contemplar nunha das paredes laterais da súa vivenda os gravados que 67 anos antes documentara Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza. O seu pai, Jesús Riveiro, indicou ó arqueólogo a procedencia da pedra cos gravados dunha finca situada a “uns 200 ou 300 metros” da casa. O metódico arqueólogo anotou os datos achegados e realizou as correspondentes medicións e debuxos do gravado para proceder ó seu rexistro.

Fotogrametría da inscrición do muro oriental que rodea a vivenda

Na actualidade, a casa experimentou moitas reformas mais aínda conserva o gravado na mesma localización e unha inscrición na portada de acceso que lembra o seu antigo propietario “Jesús Riveiro”. No muro oriental que bordea a casa está, reempregado como material construtivo, un perpiaño irregular que puido formar parte do lintel da entrada á antiga casa, posúe gravados unha cruz con peaña e a data “1953”.

A Tallariña na actualidade

O gravado, que podemos ollar dende a eira que da acceso ó interior da vivenda, atópase bastante erosionado polo que só nas horas centrais do día e en xornadas solleiras podemos visualizar correctamente as gravuras na parte inferior do muro do inmoble, sitúanse nun panel vertical. Un curioso deseño formado por dúas combinacións de círculos concéntricos con coviñas no interior, integrados nunha composición maior en forma de “8” con sucos exteriores ó redor que inclúen os diferentes motivos. No exterior da composición figuran varias coviñas illadas. Un motivo que lembra outras figuras localizadas no petróglifo das Lombas 1 tamén no lugar de Aragunde.

Unha vez máis queremos agradecer a María Luísa a súa amabilidade, simpatía e acollida. No seu día, permitiunos publicar no Libro “Memoria e Legado dos Petróglifos” os documentos do Arquivo de Sobrino Lorenzo sobre o referido petróglifo e arestora visitalo.

Fotogrametría do gravado de Aragunde

Os petróglifos de Barral

No Outeiro do Barral, consérvanse ata cinco laxes con gravados de coviñas e cazoletas que tamén visitou, fotografou e documentou R. Sobrino Lorenzo. Son gravados moi sinxelos distribuídos sen orde aparente nos diferentes paneis insculturados. Só localizamos nunha das penedas un pequeno anel que semella de época histórica pola feitura do suco en V.

Trátase dunha zona bastante alterada pola actividade dos canteiros e situada a pouco máis de 100 m dos restos da Torre de Barral cuxos cimentos oculta a vexetación á entrada da aldea. Diversas fontes falan dunha segunda estación situada a uns 30 metros ó nordés, a rentes do camiño que segue cara Aragunde. Esta segunda estación, que figura tamén referida no Plan Básico Autonómico, consta unicamente dunha inscrición, segundo recolle unha ficha do catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio asinada por Caramés e Moreira. Porén, na actualidade, non logramos localizar a citada inscrición epigráfica que os catalogadores transcribiron deste xeito:  …AVSS (T)DV(NoM) II II

Lugar no que se localizan as ruinas da Torre de Barral

Esta estación xunto coa Pedra das Tixolas en Abalo son as únicas sinalizadas, aínda que sería interesante un novo proxecto de valorización que incluira unha escavación e consolidación da Torre de Barral e tentar a recuperación da segunda estación que permanece en paradoiro descoñecido.

Petróglifo das Lombas / Pinar do Rei

No lugar do Progreso, a 150 metros ó leste do Campo de Fútbol das Lombas, tal como recollen os escritos de Sobrino Lorenzo, atópanse o petróglifo catalogado co nome de Pinar do Rei. É posible que o topónimo do sitio faga referencia a unha antiga parcela dedicada á produción de madeira como acontece con outros lugares nomeados Pinal ou Pinar do Rei, Carballeira Real ou Devesa Real, terreos acoutados para abastecer de madeira á marina de Ferrol no século XVIII. O transporte desta madeira ata Ferrol realizábase vía fluvial ata o mar e dende alí ata o porto ferrolá.

Panel 1 do petróglifo das Lombas por RSLR

O arqueólogo pontevedrés rexistrou con meticulosidade as dúas estacións rupestres que forman este conxunto. Os seus debuxos a lapis e posterior acabado en tinta e as diferentes fotografías realizadas deixan constancia das dimensións de cada motivo, a disposición dos gravados nos diferentes paneis e a distancia entre eles. Por desgraza, só logramos atopar a primeira estación formada por unha combinación de dobre anel con oito coviñas no interior e cova central da que parte un suco radial que ten acaroados varios aneis con coviña central. Ó seu carón figuran outro círculo simple e un anel que bordea un pequeno grupo de catro coviñas.

Petróglifo das Lombas. Panel 1, na actualidade

O segundo panel estaría, segundo sinala Sobrino Lorenzo, a uns 7 metros, formado por unha espiral e varias cazoletas e coviñas.

Consideramos esencial a limpeza de toda a contorna e o establecemento dunha franxa de protección axeitada que garanta a preservación dos gravados. De igual xeito, sería tamén preciso unha pequena escavación no entorno inmediato da peneda insculturada que posibilitara a localización do segundo grupo de gravados que sospeitamos fica soterrado ou tapado pola vexetación. Os restos da actividade dos canteiros, evidente en toda a zona, son antigos. O arqueólogo deixa constancia dos cascallos que rodeaban ambos grupos de gravados en 1955, polo que temos moitas esperanzas de poder atopar esa espiral.

Petróglifo das Torres de Oeste

A nosa ruta finalizou ó carón das dúas últimas torres que aínda conserva o antigo “Castellum Honesti” da Historia Compostelana. A só 50 m ó E da capela figuran dúas pequenas laxes con motivos xeométricos. A laxe principal ten unhas 30 coviñas de pequenas dimensións, a maioría agrupadas na zona central e máis prominente da rocha. Como sinalan Antonio de la Peña Santos e A. García Alén no catálogo dos “Grabados rupestres de la Provincia de Pontevedra”, editado en 1980 pola Fundación Barrie de la Maza, en Santa Baia de Oeste hai “tres grupos de petróglifos según referencia verbal de su hallador Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza”. Petróglifo incluído previamente nas adicións á “Carta Arqueológica de Pontevedra” (Filgueira Valverde & García Alén, 1956).

Os achados descubertos na contorna das Torres de Oeste testemuñan que este lugar foi un punto de paso de grande relevancia dende o Bronce Final. O petróglifo é unha mostra máis da presenza humana neste sitio dende a Prehistoria.

Petróglifo das Torres de Oeste

Malia estar catalogados e incluídos na lista de BICs non contan con ningún tipo de sinalización nin se adoptan as medidas oportunas cada vez que se procede á limpeza do seu entorno. É una mágoa que centos de visitantes e turistas que cada ano pasan por este emblemático lugar descoñezan a existencia destes gravados. A súa posta en valor contribuiría a enriquecer o conxunto xeral das Torres de Oeste e a Capela de Santiago. Tampouco existe ningunha alusión ós gravados no recentemente inaugurado CACTO que só nun dos paneis fala do petróglifo das Tixolas situado en Abalo.

Fin de ruta xogando ó Muíño

A nosa xeira remataba ó carón da musealización que o arqueólogo Francisco Hervés dirixiu no ano 2014 dunhas estruturas descubertas previamente durante as campañas de escavación realizadas por Juan Naveiro no ano 1989. Procedeuse a recolocar dúas pilastras que consideraban que sostiñan una estrutura de madeira, unha especie de pequena pontella que comunicaba a beira cunha especie de zona portuaria. Porén, entre estas pezas procedentes da antiga intervención había tamén un perpiaño que recolocaron na base das pilastras sobre o xeotéxtil que protexía a zona escavada e que facilitaría retomar os traballos en sucesivas campañas. Non repararon que o perpiaño conservaba un gravado dun alquerque de 9, semellante a moitos outros taboleiros de xogo localizados en castelos e mosteiros medievais en Galiza, na Península e en moitos países europeos e do Mediterráneo. Coñecido dende os tempos de Grecia, atribúeselle ós comerciantes fenicios a súa difusión polo Mediterráneo (Hidalgo Cuñarro, 2009). Emprégase durante todo o Medievo, posiblemente polo influxo dos musulmáns (alquerque / el-quirkat, significa xogo) instalados na península.

Alquerque do 9 nas Torres de Oeste

É coñecido por varios nomes: Muíño en España, Moinho en Portugal, Mil ou Morris no Reino Unido, Merelles en Francia, Mülhe en Alemania, Molle en Noruega, ou o xenérico “alquerque de 9” para diferencialo das outras variantes, o alquerque de 3 e de 12.

Un deseño formado por tres cadrados ou rectángulos concéntricos subdivididos por medio de liñas que marcan as diferentes zonas de colocación das pezas. As regras de xogo aparecen recollidas no famoso libro dos xogos (ou Xogos diversos de Xadrez, dados e táboas) encargado por Alfonso X O Sabio a mediados do S. XIII. O actual xogo das damas é unha variante do Alquerque e nace como resultado de xogar ó muíño sobre un taboleiro de xadrez.

Amosamos ós participantes da ruta o alquerque e posteriormente entregamos un pequeno taboleiro en papel coas 9 fichas necesarias para que puideran experimentar e xogar unhas partidiñas deste entretido xogo de estratexia ou igual que o fixeron os soldados que gornecían a fortificación do Oeste no medievo.

Esperamos que o perpiaño gravado co alquerque sexa catalogado e protexido. É un elemento que non se atopa na súa posición orixinal polo que o máis axeitado sería trasladalo ó CACTO (Centro de Activación Cultural Torres de Oeste) para a súa axeitada mostra mediante unha iluminación axeitada que permita a súa visualización acompañado dun pequeno cartel explicativo.

Lamentablemente está moi erosionado e non é doado de ollar, se cadra por iso pasou desapercibido ata a actualidade.

Conclusións

Catoira, a pesar de ser un concello pequeno en extensión, conta con un grande repertorio iconográfico de gravados rupestres. Os sinalados petróglifos dos Campiños, As Lagoas 1, Busta, Redondiña na aba do Xiabre son conxuntos excepcionais con motivos singulares e de grande porte, ben conservados e, por tanto, de boa visualización moi axeitados para a súa posta en valor. Sería prioritario establecer franxas de protección para evitar os danos polos lumes forestais que periodicamente afectaron e afectan esta zona e no futuro deseñar unha pequena ruta para podelos contemplar comodamente co atractivo engadido das vistas á ría.  

Porén, os gravados visitados nesta primeira xeira catoirense, ogallá haxa máis, constitúen referencias chaves na historia dos estudos do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre, froito do traballo e divulgación dun dos grandes investigadores da arte rupestre, “o home que máis sabía dos petróglifos” como cualificaba Carlos Alonso del Real a Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza.

Petróglifo das Lagoas 1

Agardemos que esa “inxección” de 300.000 dos fondos Next Generation para Bens de Interese Cultural, prometida pola Xunta para as Torres de Oeste tamén teña en conta unha pequena partida para estas primeiras mostras artísticas ó carón da antiga fortaleza das Terras de Compostela, cómpre lembrarlles que os petróglifos tamén son BICs.

Na actualidade a divulgación dos petróglifos de Catoira é froito do traballo puntual do tecido asociativo e veciñal. É significativa tamén a difusión deste patrimonio a través de webs ou plataformas na rede como megaliticia ou baixoulla.gal que realizan un grande labor para dar a coñecer á cidadanía en xeral e a veciñanza en particular estes destacados elementos patrimoniais. Malia todo, xa é hora de que as institucións públicas competentes da súa xestión emprendan o proceso de valorización destes elementos culturais e aposten con decisión pola súa transformación en recursos turísticos de calidade que dinamicen e enriquezan a oferta cultural deste municipio.

Imaxe de grupo d@s participantes na ruta

Rematar agradecendo novamente á ANPA As Lombas o convite e animalos a seguir con este tipo de iniciativas para formar á rapazada, son o futuro deste concello e deste país.

Finalizar cun último agradecemento especial á persoa que coordinou todo esta xeira e que leva meses tratando de darlle luz ó patrimonio na sombra de Catoira, a nosa amiga Cristina “A Vikinga”.

Bibliografía

Colectivo A Rula: “Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza. Memoria e Legado dos Petróglifos”. Compostela, 2020

Unha idea sobre “Arte rupestre en Catoira, de Sobrino Lorenzo Ruza ós nosos días

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.