Visita arqueolóxica ao val de Figueiras e aos montes de Parabeche. Novos xacementos arqueolóxicos localizados en Compostela. O petróglifo do Rego do Porto Marelo 2, os petróglifos 1 e 2 do Sixto de Fóra e a mámoa do Agro de Parabeche


Tódalas derrotas son psicolóxicas agás a derradeira

O rego do Porto Marelo é un afluente do río Sar que decorre polo extremo occidental do val de Figueiras en dirección norte/sur, paralelo ao rego de Figueiras, ata o lugar da Barcia onde desemboca no afluente do Ulla. O seu recorrido é de apenas 3 quilómetros desde o seu nacemento nas pronunciadas pendentes da Cova ata mesturarse co Sar. No seu curso medio flúe encaixado no terreo e, alí nun pequeno outeiro situado na súa marxe oeste a altura do castro de Marmancou localízase un afloramento granítico que conserva a primeira das estacións rupestres das que nos ocupamos nesta ocasión.

O regato non é un descoñecido para nós xa que no ano 2018 publicamos un artigo sobre o petróglifo do rego do Porto Marelo 1, unha estación de coviñas localizada no curso alto do rego, tamén na súa marxe oeste e nunha localización similar á desta nova estación. Nel tamén dabamos conta das descubertas do petróglifo do Campo 2 e dos novos paneis da estación do Campo 1, todos eles próximos entre si e situados no val.

Petróglifo do Rego de Porto Marelo 2. Vista xeral con iluminación artificial

A pesares da nosa publicación, da notificación pertinente realizada no seu momento á Dirección Xeral de Patrimonio e das diferentes catalogacións realizadas ao abeiro do proxecto do Parque Compostela Rupestre, estes bens culturais seguen sen estar incluídos no Visor do Plan Básico Autonómico (PBA), ferramenta que ten a consideración de fundamental, de ser o punto de partida para poder garantir o seu coñecemento e a súa óptima conservación.

En visitas posteriores á localización desta estación 2 do Rego do Porto Marelo localizamos un novo petróglifo situado a uns 300 metros de esta en dirección nordés, o petróglifo do Sixto de Fóra 1 e, tamén a mámoa do Agro de Parabeche que localizamos próxima a encrucillada de camiños na que se sitúa o cruceiro de Parabeche. Por último, localizamos, a uns 80 metros ao norte do petróglifo do Sixto de Fóra 1, unha última estación con gravados rupestres, Sixto de Fóra 2.

Plano de localización dos novos xacementos localizados

O elemento patrimonial catalogado máis próximo a esta nova estación do Rego do Porto Marelo 2 é o fermoso e esquecido castro de Figueiras / Codeseda / Marmancou (GA15078040), situado a uns 250 metros en dirección leste, e o petróglifo de Codeseda (GA15078026), petróglifo de coviñas situado no castro, que leva uns anos inaccesible a causa da abondosa vexetación existente na zona.

En dirección noroeste sitúanse os petróglifos do Cruceiro de Parabeche (GA15078129) (dúas pequenas rochas con dous grupos de dúas e tres coviñas cada unha), a mámoa do Cruceiro de Parabeche (GA15078128) e o petróglifo do rego de Porto Marelo 1 (sen catalogar), a uns 750 e 850 metros respectivamente. Curiosamente non está recollido no visor do PBA o cruceiro (GA15078-2) que da nome a zona e que se conserva entre a vexetación. Tamén compre indicar outra gralla do Visor, xa que tanto a mámoa como o petróglifo do Cruceiro de Parabeche aparecen no PBA co nome errado de “Carabecho“.

Ao oeste sitúanse a mámoa da Estivada (GA15078133) a 750 metros e, o petróglifo de Tras Igrexa (GA15078028) a 1 km.

A 1 km ao suroeste localízase o petróglifo da Revolta da Palla (GA15078179), unha interesante estación que conserva motivos xeométricos e zoomorfos e que, na actualidade, un dos seus paneis está parcialmente cuberto por areas cuarzosas que son arrastradas polas escorras canalizadas cara o afloramento polo inmediato camiño. Ao noso parecer o forte poder erosivo destas areas ricas en cuarzos poñen en grave perigo a boa conservación desta estación polo que coidamos que as administracións competentes deberían tomar medidas correctivas canto antes.

Petróglifo da Revolta da Palla. Zona na actualidade (marzo de 2025) soterrada polas escorras

O petróglifo do Rego de Porto Marelo 2

O afloramento rochoso que conserva os gravados ocupa o cumio dun pequeno outeiro que domina o cambio de pendente do terreo que descende de forma pronunciada cara o rego. Polo contrario, o outeiro apenas destaca visualmente desde o lado oposto.

Coordenadas xeográficas: 42.887504, -8.589885

O afloramento é un pequeno caos de bloques formado por unha decena aproximada de rochas de diferentes tamaños e formas irregulares que destacan considerablemente sobre o terreo inmediato. Nelas aprécianse evidencias de labores tradicionais de extracción de pedra, procesos que as alteraron considerablemente. As rochas teñen superficies irregulares con presenza de numerosos feldespatos, cuarzos e escasas micas, superficies que, a priori, semellan pouco aptas para gravar. A abondosa presenza de feldespatos fai que a superficie sexa máis sensible a erosión polos efectos da auga producindo unha superficie moi irregular, con pequenas cristas de cristais de cuarzo que asoman entre os erosionados feldespatos. Segundo o mapa xeolóxico do IGN son granitoides migmátiticos.

Petróglifo do Rego de Porto Marelo 2. Detalle da combinación circular de maiores dimensións con iluminación artificial.

Na superficie superior da rocha máis elevada (que acada unha altura de máis de 2 metros) é onde se conservan os gravados. É unha superficie de forma convexa que no seu extremo ten unha pía natural endorreica (gnamma) de forma irregular e cun desaugue de posible orixe antrópica. A superficie ten unhas dimensións aproximadas de 260 cm no eixo N/S e 320 cm no E/O. Os gravados localízanse na zona central, a máis elevada e, na zona inclinada que mira cara o norte, a máis regular. A irregularidade desta superficie dificulta a visualización e identificación dos motivos que describimos a continuación:

Petróglifo do Rego do Porto Marelo 2. Reconstrucción fotogramétrica e tratamento con Xshade con indicación dos motivos principais

A simple vista, destaca unha combinación circular (A) de grandes dimensións. Ten 50 cm de diámetro e está formada por 6 círculos concéntricos, coviña central e ata 3 radios de saída, un deles prolóngase ata o motivo rectangular. Esta combinación presenta sucos menos profundos que os dos restantes motivos do panel. Pese as irregularidades da superficie onde se inscribe esta combinación presenta unha coidada xeometría. Unha segunda combinación circular (B) está formada por dous círculos concéntricos, o exterior moi irregular, e con coviña central. Ten un diámetro de 20 cm. Acaroada a esta unha segunda posible combinación de dous círculos e coviña central (C). Un motivo rectangular (D) cun dos seus extremos absidal e co seu interior dividido por 5 sucos paralelos. Está elaborado con sucos profundos e ocupa unha posición central na composición. Unha cazoleta (E) de 12 cm de diámetro e 3,5 cm de profundidade completa o grupo de motivos máis visibles xunto a outras coviñas distribuídas pola superficie sen orde aparente.

Petróglifo do Rego de Porto Marelo 2, imaxe do conxunto con iluminación artificial

Co emprego da fotografía con iluminación artificial e a fotogrametría logramos a identificación de trazos doutros posibles motivos máis dificilmente identificables.

Son varias as características de especial interese desta nova estación de arte rupestre:

En primeiro lugar, é de interese a súa localización á beira do rego de Porto Marelo, unha localización que repite o petróglifo do Rego de Porto Marelo 1 no mesmo regato ou o petróglifo do Valado 1 ao carón do veciño rego de Roxos. Tamén comparte con estes o tipo de soporte escollido para gravar, penedas de grandes dimensións facilmente visibles desde a contorna inmediata.

Tamén é de interese esta descuberta porque nos axuda a completar o catálogo de petróglifos do val de Figueiras, o que reduce a diferenza de densidade de xacementos rupestres na comparativa entre o veciño val de Villestro con respecto a este de Figueiras.

En terceiro lugar, interesa polos seus motivos entre os que destaca a combinación circular de grandes dimensións formada por 6 círculos concéntricos que alcanza un diámetro de 50 cm. Elaborada con sucos máis superficiais e estreitos que os demais motivos o que parece indicar que foi elaborada por mans diferentes ás destes.

Petróglifo do Rego do Porto Marelo 2. Detalle do idoliforme con iluminación artificial

E sobre todo polo motivo mellor gravado e que ocupa unha posición central no panel o que denominamos idoliforme, unha figura rectangular cun dos seus extremos lixeiramente absidal. Para figuras similares a esta téñense empregado na literatura especializada distintas denominacións tales como a máis tradicional escaleriformes, ou a de vermiformes e, a de idoliformes para algúns destes motivos que reúnen determinadas características. Coidamos que a súa forma, concretamente o remate absidal dun dos seus extremos, acércana aos coñecidos como ídolos tipo Peña Tu ou, para o ámbito galego, tipo Outeiro do Corno, e que ven a significar unha novidade no catálogo de petróglifos do Concello de Santiago. Unha boa mostra de escaleriformes atopámola no petróglifo de Lesende, no veciño concello de Lousame. Por outra banda, exemplos de “vermiformes” atopámolos no conxunto rupestre do promontorio de Corme en Ponteceso, e dos que xa nos ocupamos noutra ocasións.

Petróglifo do Rego do Porto Marelo 2. Reconstrucción fotogramétrica e tratamento con Meshlab

Os petróglifos do Sixto de Fóra

O Sixto de Fóra 1

Esta nova estación localízase no extremo sur do monte que separa o núcleo de Folgoso do de Codesedas, a uns 300 metros da estación de Porto Marelo 2, no limite entre as terras dedicadas a explotación forestal e as agras e prados que serven de alimento a unha cabana de vacas rubias. Ao seu carón medra un pequeno peteiro de mimosas.

Coordenadas xeográficas: 42.889630, -8.588059

Trátase dun afloramento granítico pouco destacado sobre o terreo que presenta abondosas evidencias de extracción de pedra. En tres das súas superficies conserva gravados consistentes en multitude de coviñas de reducidas dimensións e aparentemente ordenadas en múltiples aliñacións, algunha delas de considerable lonxitude.

Petróglifo do Sixo de Fóra 1, Panel 1 con luz natural

O Sixto de Fóra 2

Localízase a uns 80 metros ao norte da estación 1, no interior dun mesto eucaliptal de eucalipto ventureiro. É unha rocha de dimensións moderadas que se eleva case un metro sobre o terreo. Alterada significativamente pola extracción de pedra semella que o panel conservado é só unha parte reducida dun panel orixinario de maiores dimensións.

Coordenadas xeográficas: 42.890124, -8.588033

Na súa superficie superior conserva dúas combinacións circulares de pequenas dimensións. A situada no extremo leste é facilmente visible grazas a profundidade dos seus sucos que conforman unha coviña e un círculo concéntrico. Ocupando unha posición máis central consérvase un segundo motivo elaborado con sucos menos profundos que dificultan a súa observación. É unha combinación formada por dous círculos concéntricos e unha coviña central. Completan o panel varias coviñas illadas.

Petróglifo do Sixto de Fóra 2. Imaxe con iluminación artificial

Na contorna desta estación son moi numerossa as evidencias de actividade de canteiría para a que aproveitaron a case totalidade dos afloramentos rochosos existentes na zona e que aínda se poden apreciar nas imaxes cartográficas do vo americano de 1956.

A mámoa do Agro de Parabeche

O último ben que localizamos foi grazas aos traballos forestais que fixeron visible a existencia dun túmulo de boas dimensións e aparente boa conservación na contorna do cruceiro de Parabeche.

Coordenadas xeográficas: 42.888765, -8.597517

Ten un diámetro aproximado de 20 metros e un cono de violación cun diámetro de 4 metros. Non se aprecia a existencia de coiraza pétrea pero os restos vexetais triturados resultado dos traballos forestais impiden unha boa observación.

Estado actual da mámoa do Agro de Parabeche

Procedemos a notificar á Dirección Xeral de Patrimonio estes novos xacementos arqueolóxicos solicitándolles a súa catalogación que leve a garantir a súa conservación así como a inclusión de elementos patrimoniais xa notificados con anterioridade e aínda non incluídos.

Mámoa do Agro de Parabeche, reconstrucción fotogramétrica a partir de tecnoloxía LIDAR

Non queremos rematar sen agradecer ao Concello de Santiago a súa pronta resposta ás nosas solicitudes, tanto ao técnico do servizo de Arqueoloxía que se desprazou ata o lugar para interesarse nos xacementos descubertos como ao técnico de Medio Ambiente que tamén se achegou ata o lugar co obxecto de valorar a salubridade do rego de Porto Marelo.

2 pensamentos sobre “Visita arqueolóxica ao val de Figueiras e aos montes de Parabeche. Novos xacementos arqueolóxicos localizados en Compostela. O petróglifo do Rego do Porto Marelo 2, os petróglifos 1 e 2 do Sixto de Fóra e a mámoa do Agro de Parabeche

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.