O Colectivo A Rula achegouse ó CEIP A Igrexa – Calo para visitar un ben curioso e interesante museo, quizais o primeiro Museo da Prehistoria no Concello de Teo. Foi toda una experiencia que queremos compartir e animarvos para que vos acheguedes á escola, seguro que desfrutades tanto coma nós coa súa visita.
Os autores de todas estas pezas foron os nenos, pais e mestres de Educación Infantil (de 5 e 6 anos) que durante varios meses foron reproducindo obxectos, útiles e maquetas de materiais e expresións artísticas da Prehistoria, con especial atención ó patrimonio do noso país e o seu Concello. De feito podemos sinalar con indisimulado orgullo que parte da inspiración chegoulles logo de ler o folleto que O Colectivo A Rula e o Concello de Teo deseñaron o pasado verán con motivo das visitas nocturnas ós petróglifos de Cornide e Regoufe.
Unha gran maqueta do petróglifo de Monte Angueira de Cornide abre toda unha exposición de reproducións de elementos patrimoniais (esculturas e pinturas prehistóricas, dolmens e pedrafitas, petróglifos, cabanas castrexas, etc.) e distintas pezas: útiles líticos, muíños, cerámicas, teares, canastros…
Non obstante, ó noso entender, un dos maiores atractivos deste museo é que son os propios alumnos os que fan de guías da exposición. Quen mellor ca eles para amosarnos as características técnicas e históricas de cada peza así como da súa propia elaboración.
O proxecto finalizará coa edición dun vídeo sobre o museo e agardemos tamén que coa visita a algún dos bens patrimoniais máis relevantes do Concello. O noso colectivo estará encantado de acompañalos neste percorrido.
Non podemos rematar sen felicitar o traballo dos mestres da escola, especialmente o traballo da profesora Anxos María Vázquez, e de todos os pais e nenos que colaboraron na creación deste pequeno gran Museo.
Xa por último, agradecer a Patricia Castelao por informarnos primeiro e logo amosarnos o proxecto. Esta ilusión e paixón que amosa Patricia pola nosa arte máis primixenia e que soubo transmitir ás súas pequenas, dános pulos para seguir traballando na protección, divulgación e revalorización destes excepcionais conxuntos. Parabéns…
Ola, tiven a sorte de ollar ista exposición en directo, é fascinante sobor de todo o interés que amosan os nenos coa explicación que nos dan ensinando o desenrolo do ser humán, noraboa a quenes a dirixiron, que cunda o exemplo. Maribel.
[…] mostra achegádevos por Frei Rosendo Salvado 14-16 en Compostela ou picade nas seguintes ligazóns: https://colectivoarula.wordpress.com/2014/03/26/o-museo-de-prehistoria-do-colexio-de-calo/ http://panconxocolate.blogspot.com.es/2014/02/o-noso-museo-da-prehistoria.html […]