Os montes de interese patrimonial e ambiental: atrancos e tendencias na súa ordenación multifuncional


1) Enfocando ás Terras de Compostela

O monte de Villestro-Ventosa, nos concellos de Ames e Santiago, acolle unha destacable concentración de arte rupestre prehistórica, constituíndo un dos núcleos rupestres das terras de Compostela, xunto a outra área similar no concello de Teo, no Monte Piquiño – Rio Loureiro.

Nos montes con arte rupestre destes concellos non existen apenas repoboacións forestais plantadas e xestionadas axeitadamente, sendo na súa inmensa maioría matogueiras inzadas de eucaliptos descontrolados tras incendios recorrentes. Non existe aquí monte comunal xa que toda a superficie forestal está en mans de pequenos propietarios. A actividade agro-gandeira é residual e practicamente inexistente e os propietarios das pequenas parcelas de monte están maiormente desincentivados, cando non simplemente ausentes, cesantes ou desaparecidos. O territorio caracterízase por un carácter eminentemente rururbano e periurbano no que os ingresos, as actividades económicas e as expectativas cidadáns están moi afastadas dunha xestión eficaz e sustentable dos montes, vivindo na práctica de costas a eles.

Cando ardeu a Devesa da Rula no ano 2016, afectando a varios gravados, denunciamos o seu abandono e solicitamos amparo ás distintas administracións sen obter resultado ningún (quen o diría?).

Os Cortellos 4 – Villestro – Compostela. Petróglifos e eucaliptos

Ninguén dos distintos departamentos e servizos consultados asumiu responsabilidades no asunto, chegando a Dirección Xeral de Montes a alegar que non se trataba dun “monte” senón de parcelas separadas pertencentes a diferentes propietarios individuais. Medio ambiente tampouco se sentiu aludida, pois a zona non queda baixo amparo de figura de protección ningunha (parque, rede natura ou similar). Pola súa parte Patrimonio atende exclusivamente ás pedras, sen preocuparse da súa contorna inmediata. Por último, os concellos semella que non teñen competencias nin capacidades neste ámbito.

En definitiva, ninguén asume responsabilidades e parece non existiren alternativas para afrontar esta problemática.

Con posterioridade, asumindo as demandas e traballo do noso colectivo, no ano 2018 os concellos de Ames, Santiago e Teo impulsaron xunto coa Deputación da Coruña o proxecto Compostela Rupestre. Cun orzamento de ata 500.000 € anuais durante dous períodos lexislativos preténdese recuperar, conservar e divulgar a arte rupestre da comarca de Compostela. Tras 4 anos as inversións e resultados realizados están aínda baixo mínimos, centrados polo de agora en obxectivos maiormente teóricos ou virtuais, e limitando a acción directa no mellor dos casos á contorna inmediata das “pedras”. Á falta de resultados finais, ata o de agora cremos que está a seguirse un enfoque que podería cualificarse como “arqueolóxico-turístico”, cun evidente risco de renuncia a incidir con mínima efectividade sobre estes espazos de xeito integral.

Sabedores de que o reto é considerable cremos necesaria a revisión de toda unha serie de condicionantes primarios que deben formar parte dunha reflexión inicial pausada, necesaria para poder asentar unhas bases sólidas para o futuro.

2) Subsistencia e ruína ecolóxica dos montes

Na mentalidade galega o monte, por definición, é “aquelo que está a monte”, ou sexa a parte do territorio non sometida a un manexo directo, interpretándose por tanto que está abandonado.

Na nosa sociedade tradicional, o monte cumpría unha función de complementariedade do sistema agrario: pasto para a gandaría extensiva, a oportunidade de colleitas ocasionais de cereais nas estivadas (para os labregos máis desposuídos), e, sobre todo, subministrando os estrumes imprescindibles para a fertilidade dos labradíos, para o que se precisaba dispor da biomasa de dúas a cinco veces da superficie cultivada. É este un dos motivos polos que, historicamente en Galicia, a superficie agraria útil nunca sobrepasou porcentaxes moi superiores ao 30%.

Fronte a idea habitual de que “antes non había incendios” o monte neste sistema tradicional manexábase fundamentalmente por medio do lume, pois xunto coas rozas, sementeiras e pastoreos, este gran espazo territorial só podía controlarse axeitadamente co seu emprego. Mercede a súa vizosa produtividade as matogueiras sementábanse e abandonábanse para logo medrar “a monte” en curtos ciclos de menos de dez anos, o que impedía o crecemento dos bosques.

O crecemento demográfico, que en Galicia supuxo triplicar a poboación entre finais do século XVI e finais do XIX, sostívose pola expansión dos cultivos e a mellora da produtividade agraria, como consecuencia da adopción dos cultivos do millo e a pataca. Unha vez acadados os límites de capacidade de carga humana do ecosistema este boom demográfico desembocou nunha “crise malthusiana”, que aquí non chegou ao dramatismo da “Gran fame irlandesa” de mediados do século XIX, grazas á maior variedade do policultivo galego, cunha menor dependencia exclusiva na pataca. Porén, desencadeáronse vagas de fame e calamidades, denunciadas e retratadas na literatura por autores como Rosalía e Valle-Inclán.

De non ser polas emigracións e a revolución industrial a poboación tería quedado “ecoloxicamente cercada”, no final do ciclo de expansión, intensificación e rendementos decrecentes, que desemboca irremediablemente en dúas alternativas: colapso ou a substitución no sistema de produción.

A natureza fragosa de Galicia foi recollida por numerosas testemuñas. Paulo Orosio (c. 383- c. 420) definíaa como “montibus silvisque”, e aínda no século XII o Codex Calixtinus describíaa:

“pasada a terra de León e os portos do monte Irago e monte Cebreiro atópase a terra dos galegos. Abunda en bosques, é agradable polos seus ríos, os seus prados e os seus riquísimos pomares, as súas boas froitas e as súas clarísimas fontes…”.

Os bosques nativos que xa sufriran o impacto antrópico da neolitización, maiormente nas partes altas das serras, mantiveron a súa preponderancia ata aproximadamente o século IX (nos inicios da era Compostelana), ocupando máis da metade do territorio. De aí en adiante os rexistros polínicos reflicten un predominio do pole de especies propias de espazos abertos (matogueiras, pastos e cereais), paralelamente á crecente adecuación do terreo en socalcos e bancais como resposta á expansión dos cultivos e a conseguinte necesidade de control da erosión.

No século XVI os relatos de viaxes amosan, aínda, a presenza de áreas ben provistas de arborado (o licenciado Molina, Fernando Colón, etc), pero na Idade Moderna xa se fala de comarcas onde o monte pelado é dominante, o que explica a profusión de medidas de protección de determinadas especies e paraxes. No XVII a deforestación e peches de anacos de monte para ampliar a superficie das explotacións, en especial no litoral e vales prelitorais, reduciu os compoñentes silvo-pastorais da paisaxe. A incesante demanda de madeiras (entre outras cousas para a construción naval), xunto ao incremento demográfico, conduciron. na segunda metade do século XVIII. a que o monte deixara de estar arborizado. O crego J.A. Posse plasmou nesa época o contraste entre a súa terra galega e León:

“En lugar de que en mi país los montes son calvos, sin árboles, éste abundaba de robles, manzanos, perales y cerezos silvestres, de matas espesas, de avellanos; abunda de torcaces y aves monteses de todo género; jabalíes, lobos, osos, corzos”.

E a  principios do XVIII o Marqués de Sargadelos denunciaba que por todas partes houbera “valles talados y montañas decepadas”, concluíndo de isto a ruína dos portos cantábricos debido á erosión dos solos que “atoraban las rías”. Situación que concorda co acontecido en tódolos portos históricos do fondo das rías galegas, como Viveiro, Noia, Pontevedra, etc.

A crecente e constante demanda de terras e recursos desembocou no mínimo da ocupación dos bosques a comezos do século XX. Previamente, no século anterior, extinguiríase a gran fauna bioindicadora de bosques autóctonos galegos, desaparecendo os cervos, os últimos osos da Dorsal galega e outros grandes mamíferos como a cabra montesa no Xurés.

A mediados do século XX xa non quedaba practicamente nada das ricaces comunidades animais e vexetais dos antigos bosques galegos, quedando substituídas pola paisaxe que lembran os nosos maiores, unha vexetación arbustiva de toxeiras e breixos que era controlada mediante rozas e pequenos lumes recorrentes.

Unha característica propia do noroeste peninsular é que o abandono do sistema agrario tradicional sucedeu máis tarde que no resto da Europa atlántica. Co colapso deste sistema nos anos 60 do século pasado os montes pasaron a cumprir unha función case que exclusiva como produtora de madeiras de especies pirófitas e invasoras, fundamentalmente pinos e eucaliptos. Como é ben sabido, este proceso de abandono e expulsión dos usos e actividades tradicionais nos montes foi impulsado con métodos coercitivos durante o franquismo.

3) A responsabilidade forestal

Co cambio de milenio ata hoxe foi consumándose outra nova fase, aínda en curso, de degradación ecolóxica da paisaxe e o territorio galego. Os bosques nativos e moitas terras agrarias afrontan agora unha nova expansión e intensificación da eucaliptización produto tanto da masiva reforestación deste monocultivo, coa introdución de novas especies de eucaliptos, como do seu indiscutible carácter invasor.

Como poden explicarse os datos dos inventarios forestais que indican que cando menos un terzo da superficie ocupada polos eucaliptais aparece en formacións mixtas con outras especies?

Non existe repoboación forestal de eucalipto que non sexa planificada como monocultivo polo que a súa aparición fora de masas xestionadas para a produción de madeira demostra o seu carácter invasor. Por lóxica isto conduce a unha pregunta pertinente: a quen debería atribuírse a responsabilidade de indemnización polos gastos derivados da custosa necesidade de deseucaliptizar os montes inzados de eucaliptos ventureiros? Á industria, ao goberno ou aos propietarios das terras abandonadas? En calquera caso, está ben probado que ademais de prosperar cos incendios os eucaliptos reducen a dispoñibilidade hídrica e afectan á biodiversidade das terras onde se instalan.

Dolmen de Zarramacedo en Bando. Compostela. É o único dolmen coñecido no concello de Santiago. Nesta parcela realízanse labores de corta e replantación de eucalipto sen ningún tipo de control, a última no ano 2014

Sen afondar polo miúdo na nefasta política forestal galega compre lembrar que máis de dous terzos do noso territorio (os nosos montes) están fundamentalmente orientados á produción de madeira barata, aportando só o 0,5% do P.I.B. Galego, ou sexa 300 millóns de €. Aínda que producimos o 51% do volume de madeira do estado, isto só aporta o 35% do valor total da madeira cortada no total español, pois segundo o anuario de estatística forestal do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), o valor total das cortas de madeira en España no ano 2018 estímase en 852,8 millóns de euros, o que evidencia o baixo prezo da madeira producida en Galicia. Esta especialización en madeira barata, fundamentalmente piñeiro e eucalipto, responde á elevada produtividade dos montes da Cornixa Cantábrica. Aquí con taxas de 12 a 24 metros cúbicos/hectárea/ano, sen parangón no continente europeo, e o 15% da superficie arborizada, prodúcese o 70% da madeira española.

Deste xeito, o vizoso e produtivo carácter de estes ecosistemas oriéntase normativa e case exclusivamente a este tipo de produción.

Desafortunadamente, o feito é que o modelo forestal vixente apenas considera a produción de madeiras de calidade con árbores autóctonas, nin suficientemente outros tipos de aproveitamentos non madeirables, como os cogomelos, a gandería extensiva, etc., Nin moito menos a multifuncionalidade dos montes, que implicaría atender tamén ás funcións ecolóxicas e sociais, ademais das produtivas. Entre elas estaría a protección do patrimonio arqueolóxico e cultural, xunto co lecer cidadán e a calidade de vida, paralelamente coa conservación da biodiversidade, a protección do ciclo hidrolóxico (coidando das brañas, regatos e cabeceiras das cuncas hidrográficas) a prevención dos incendios e a loita contra o cambio climático.

Non obstante, o custe do noso dispositivo autonómico de loita contra o lume ascende á dous terzos do valor da madeira cortada anualmente en Galicia, con 200 millóns de € anuais, que en definitiva serven para manter a viabilidade dun modelo forestal notoriamente disfuncional.

A combinación da maior produtividade forestal de Europa xunto á existencia dunha seca estival de entre un e tres meses (establecida nun gradiente norte-sur) produce a acumulación de biocombustibles durante o ano, que logo seca estacionalmente, para arder ciclicamente cada 6 ou 7 anos ciclicamente. Non asumir este cóctel explosivo sen parangón noutras terras, atlánticas, nórdicas ou mediterráneas, resulta irresponsable.

Pedra da Nave de Mourigade – Ames. Petróglifos, agro e monte

Para cando entón a heteroxeneización e diversificación da paisaxe intercalando, mantendo e respectando formacións pouco incendiables de bosques autóctonos, brañas, regatos e pasteiros? Pero polo visto aquí todo é susceptible de eucaliptización.

A externalización dos custes ambientais e sociais do modelo forestal vixente non é o único factor que incide na problemática dos nosos montes. O monte galego presenta, ademais, outros graves problemas de raíz histórica. A estrutura da propiedade é un factor ben coñecido que repercute non só na capacidade de produción senón tamén nas posibilidades de ordenación multifuncional dos montes. En realidade apenas existen datos e estudos específicos sobre isto. Se cadra porque nas últimas décadas interesara esta situación que, en definitiva, contribuíu a manter a situación e as perspectivas inalterables. Como podería explicarse se non tan pouco interese institucional?

4) O inaxeitado marco vixente

Os datos dispoñibles informan que en Galicia o 68% da superficie dos montes pertence a aproximadamente dous terzos de millón de propietarios individuais, posuidores de entre dúas e unha hectárea e media repartidas en pequenas parcelas dun tamaño medio de 2.300 m2, superficie completamente insuficiente para unha explotación forestal racional (danse casos de parcelas menores a 2.000 m2 nos que o propietario chega a ter que pagar para que lle corten as árbores).

Ademais, estímase que ata un 20 ao 30% de propietarios son absentistas ou “desaparecidos en combate”, sen poder coñecerse a propiedade real. O resto da superficie forestal repártese entre comunidades de montes veciñais en man común, que ocupan un 30%, xunto a un insignificante 2% de montes públicos sobre a superficie total.

Neste panorama, bótanse en falta estudos pormenorizados por comarcas, concellos e parroquias, que permitan coñecer a situación local, diferenciando aos propietarios habitantes de zonas urbanas dos rurais, aos que realizan actividades agrarias dos que non, e incluso saber das súas capacidades, perspectivas e intencións produtivas, de conaservacióm ou asociativas.

A solución non pasa por acometer masivas campañas de concentración parcelaria nos montes galegos, xa que este caro e radical instrumento, con nidias repercusións ambientais, resérvase prioritariamente para promover explotacións rendibles nas terras agrarias, condición necesaria que os montes non cumpren. Antes ben, a alternativa pasaría por facilitar a colaboración e asociación, paralelamente ao desenvolvemento dun rexistro efectivo de propietarios.

Ambos obxectivos son practicamente inabordables baixo a normativa actual. Neste senso as vixentes Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) demostráronse claramente desapropiadas para a maioría dos casos, debido ao seu carácter societario mercantil. Isto maniféstase no feito de que, tras máis dunha década desde a súa creación, estas sociedades abranguen menos do 1% da superficie do monte galego. Por outra banda a recente exixencia, derivada do artigo 77 da Lei 7/2012, que obriga aos propietarios de montes menores de 15 ha (en couto redondo), a adherirse a un determinado tipo de modelo silvícola para poder realizar aproveitamentos comerciais no seu monte (en vigor desde o inicios deste ano), poderá ir creando co tempo un rexistro efectivo de ditos propietarios, aínda que non producirá efectos directos sobre as parcelas abandonadas (as maiores de 15 ha requiriran da elaboración de plans de ordenación forestal a partires de 2028) nin obrigará a transparencia ao comezo do aproveitamento outorgando, de feito, décadas de opacidade.

A normativa actual carece incluso de instrumentos operativos que faciliten xestionar axeitadamente as exixencias impostas polas faixas de control de biomasa e exclusión de pirófitas na interface urbano-forestal, vías e outras infraestruturas. Deste xeito, os propietarios e administracións locais atópanse coa responsabilidade traspasada, sen dispoñer de ferramentas e alternativas efectivas de xestión. Menos aínda se afonda na necesidade de protexer e garantir a integridade do patrimonio histórico e arqueolóxico dos montes, que requiriría tamén do establecemento de faixas similares para a protección de petróglifos, mámoas, castros e outros elementos. Con todo resulta imposible conservarse axeitadamente estas “pedras”, se non se conserva e xestiona a contorna natural onde se atopan, particularmente naqueles lugares de especial valor, concentración e/ou dimensións, onde estas “faixas de protección” non abondan para preservar coherentemente estas paisaxes culturais.

Localización do petróglifo de Areosa. Continuidade de plantacións de eucalipto no entorno de Montouto – Teo

Noutro senso, as novas normativas transversais derivadas de instrumentos como a nova Lei da paisaxe ou a vindeira de recuperación de terras agrarias e forestais semellan insuficientes. Lamentablemente, a estratexia galega da paisaxe (coas súas directrices, normativas e planificación) non considera específicamente este tipo de espazos que conxugan o interese patrimonial, ambiental e social (pese a que no seu día participamos en mais dunha convocatoria da fase do “pretendido” debate e participación pública establecidos no desenvolvemento da propia lei (outra sorpresa?). En canto á recuperación de terras está por ver a súa concreción final, aínda que polos antecedentes non poden albergarse moitas esperanzas, cun risco evidente de obviar ou deturpar as necesidades de ordenación multifuncional dos montes.

Vistas as nulas ou escasas posibilidades de abordar a multifuncionalidade que requirirían os montes de interese ambiental e/ou patrimonial resulta patente o atranco da súa non consideración como bens públicos ou comunais. Os montes veciñais en man común representarían en Galicia unha das escasas oportunidades de ordenación multifuncional. Circunstancia que comezou xa a materializarse nalgunhas comunidades comprometidas, tendencia que foi impulsada tras a vaga de lumes de 2017 con algúns exemplos sobranceiros na provincia de Pontevedra, particularmente nas áreas mais poboadas. Convén entón reflexionar para coñecer un pouco polo miúdo as orixes da propiedade nos montes galegos. A continuación. A continuación centrarémonos nisto nos tres seguintes apartados.

5) As raíces inmemoriais do procomún

Procomún é un concepto derivado de “proveito” e “común”, sinónimo de “ben comunal”, que atribúe a propiedade dun lugar as persoas que o habitan. Os montes veciñais en man común derivan dun tipo de propiedade “xermánica” e están presentes aínda en Galicia en 2.835 comunidades cunha extensión media de 237,5 ha. Por superficie estas comunidades distribúense cun 6,5% na provincia da Coruña, 31,7% na de Lugo, 41,8% Ourense e 20,0 % Pontevedra. Este modelo de titularidade indivisible, inalienable, imprescritible e inembargable resulta característico do noroeste peninsular, aínda que con diferenzas debidas á diverxencia dos procesos históricos, a propiedade comunal dos montes tamén está estendida por outras áreas xeográficas.

Para os romanos a propiedade derivaba da ocupación ou “tenza” das cousas, mediante o “usu fructus”, ou sexa o dereito de usalas e desfrutalas, que non equivalía exactamente a un dereito de propiedade sobre a súa “esencia”. Así, os membros dunha familia tiñan dereito a gozar da propiedade familiar, pero estaban obrigados, mesmo o Pater familias, de mantela para as futuras xeracións. Isto constituía o “patrimonio”, termo que provén de “patri” (pai) e “monium” (recibido), co significado do “recibido por liña paterna”. Segundo o tipo da propiedade os romanos distinguían entre as cousas sagradas, “res sacrae” (de aí os “loca sacra”, ou lugares sagrados propiedade dos deuses); as cousas públicas, “res publica”, pertencentes ao estado ou á “civitas” (a cidadanía); as cousas comúns ”res communis”, non susceptibles de apropiación individual porque que o seu uso pertence a todos; e finalmente as cousas privadas dos individuos “en familia”. Para aquelo non posuído por ninguén falábase de “res nullius”: as augas correntes, os animais salvaxes, os peixes no mar, etc., diferenciándose das cousas que foran abandonadas polos seus donos: “res derelicta”, aínda que ámbalas dúas categorías podían ser apropiadas sen máis requisito que a vontade e e a posesión.

A aldea de Loureiro en Teo rodeada de eucaliptos

En España na Alta Idade Media a propiedade común das terras foi establecida sobre as bases do dereito xermánico. No feudalismo, no que a terra era propiedade da realeza, os bens comunais eran concedidos polo señorío para a súa explotación a través dos feudos, o contrato de vasalaxe que outorgaba a terra aos vasallos. No século XIII a codificación do común cristalizou nas Sete partidas do rei Afonso X o Sabio, que clasificaba diferentes categorías: as cousas que comunalmente pertencen a tódalas criaturas do mundo (o ar, as augas de chuvia, e o mar e a súa ribeira); as cousas que pertencen a tódolos homes comunalmente (ríos, camiños públicos, portos); e as cousas que pertencen comunalmente a unha cidade ou vila (fontes de auga, prazas onde se fan os mercados, lugares de reunións de concellos, areais dos ríos…, e os:

«montes et las dehesas et todos los otros logares semejantes destos que son establecidos para pro comunal de cada una cibtat, o villa, o castielo o otro logar»

6) O desartellamento do comunal

Tras a progresiva desaparición do feudalismo os bens comunais quedaron regulados por foros, quedando unha parte en propiedade exclusiva dos antigos señores e o resto como patrimonio común da poboación. Posteriormente desenvolveuse un proceso de desmantelamento que os levou á privatización, provocando que en Galicia se pasara da existencia de practicamente un 100% de montes veciñais en 1800 ata o 30 % actual. Este proceso, impulsado coa instauración do liberalismo e a xeneralización do sistema capitalista en España, comparte similitudes co acontecido nas illas Británicas ata o século XVII coas “enclosure acts”, ou sexa actas de cerramento que significaron a abolición do sistema de campos abertos e o desposuimento dos aldeáns que accedían ao uso da terra subsistindo grazas aos “dereitos consuetudinarios” sobre as terras comúns. Neste proceso coñecido como “gentrificación” a aristocracia terratenente (“gentry”) arrebatou ás comunidades locais os seus escasos recursos a fin de implantar novos modos de produción mediante a mercantilización, o que máis adiante favoreceu a mecanización tras a revolución industrial.

Mámoa de Agro de Calvos en Teo alterada por traballos forestais realizados sen tela en conta en 2020

En Galicia o desmantelamento dos comúns foi un proceso de ruptura do comunal no que as dúas maiores forzas impulsoras foron a administración e o sistema de mercado, que buscaban o aproveitamento económico dos recursos pasando por alto a función dos montes no sistema agrario tradicional. A liberalización e privatización dos montes foi artellada polas desamortizacións do XIX, baixo o paradigma da instauración do estado liberal no que a administración (sempre necesitada de recadación) consideraba estes montes como susceptibles de ser vendidos, de xeito que entendéndoos como públicos (ou sexa, pertencentes ao Estado) facilitaba a posibilidade da intervención administrativa.

A desamortización formou parte desta reforma agraria liberal vinculada a supresión dos señoríos, do “diezmo” eclesiástico, do paso das augas ó dominio público, e parcialmente do libre uso da propiedade. Porén, non cumpriu co obxectivo de transformar a natureza da propiedade e os foros sobreviviron aos procesos de desamortización eclesiástica.

Paralelamente, da segunda metade do século XIX en adiante, a consolidación do municipalismo implantado polo estado liberal fixo derivar o proceso cara dúas direccións diverxentes e paralelas. Por unha banda un modelo “castelán”, no que parte destes montes quedaron absorbidos no patrimonio municipal orixinando aos actuais montes comunais municipais, e pola outra un modelo galego diferente. Aquí a falta de identificación coa nova estrutura municipal liberal percibida como allea pola dispersa poboación rural impediu, na maioría dos casos, que os concellos chegaran a controlar estes montes, prevalecendo polo contrario o vínculo veciñal parroquial.

7) A privatización dos montes

A individualización da propiedade veciñal foi un longo proceso que, primeiramente, consumou a desnaturalización xurídica dos montes veciñais en 1848, e logo desencadeou unha privatización auspiciada pola lei xeral de desamortización de 1855, que afectaba a tódolos montes públicos e por conseguinte tamén aos legalmente inexistentes. Con todo o fracaso en Galicia desta estratexia reflectiuse no feito de que os catálogos de montes imprescindibles para as vendas indican que a administración só chegou a coñecer unha fracción da súa totalidade (304.980 ha, cando en realidade eran uns 2 millóns), e que tan so o 1% da superficie chegara a venderse. Isto non só foi consecuencia da ineficacia administrativa senón tamén ao desinterese dos posibles compradores por unha terras marxinais de escasa produtividade agraria (agás aquelas poucas arboradas, que podían cortarse para o retorno do capital), e aínda moi por riba de todo á oposición unánime da sociedade galega, incluídos concellos e deputacións.

En 1862 un informe da Deputación de Lugo afirmaba en defensa dos labregos:

¿Es esta la ocasión oportuna para desposeer al primero de la única propiedad que le cupo en suerte, de esa propiedad consagrada, a la vez, por el respeto de todos los gobiernos, por el asentimiento de cien generaciones, y por el transcurso de los siglos?… No se harán nuestros labradores propietarios … sino proletarios, como ha sucedido en Inglaterra …

Pois tal como explican Balboa & Artiaga:

“Os poderes locais galegos, representantes maioritariamente dos sectores rentistas, fan causa común coas comunidades rurais na defensa dos montes; para eles significaba a continuidade do sistema que permitía detraer en forma de renda parte da produción agraria. Para os campesiños, simplemente supoñía defender a súa propia reprodución”.

As vendas foron por tanto ben escasas e, incluso, as que se levaron a cabo atopáronse coa resistencia das comunidades que impediron en moitas ocasións que os compradores exercesen a posesión efectiva das leiras adquiridas. Deste xeito, a única posibilidade viable foi a individualización do desfrute e, ao cabo, da propiedade do monte veciñal. A individualización comezou a xeneralizarse como alternativa tras a elaboración do Catálogo de 1862 que impoñía novas condicións para que un monte fora exceptuado da venda. Así, a partir dese momento aceleráronse os acoutamentos individuais. As reparticións estendéronse desde finais do século XIX e xa durante as tres primeiras décadas do XX consumouse a desaparición da meirande parte das terras colectivas, proceso que foi paralelo á supresión dos foros, atendendo ás demandas históricas do campesiñado galego. En definitiva, a fin de garantir a continuidade do sistema de agrario tradicional, dentro do posible, os labregos fixéronse coa propiedade de múltiples pequenas parcelas dos seus montes inmemoriais. Nesta estratexia de defensa, mantívose o acceso de cadaquén aos diferentes tipos de zonas de monte subministradores de estrumes, pasteiros, e tódolos tipos de vocacións e recursos, algo que por definición só pode facerse dispoñendo de diversas pequenas leiras espalladas polo mesmo monte.

Eucaliptos ventureiros na Devesa da Rula , Compostela, 2019

O resto é historia máis ou menos coñecida: a intervención do estado franquista, o colapso e estertores do sistema agrario tradicional (ata a década dos 60 do pasado século), o posterior abandono masivo do rural, coa eucaliptización aínda en curso. Como dixo unha vez un reputado arqueólogo galego: ”asistimos ao final da prehistoria”.

Por múltiples razóns, algunhas explicadas previamente e outras que non teñen aquí cabida, a alternativa ao final do sistema milenario de aproveitamento dos montes non debería recaer no monocultivo de especies pirófitas e invasoras. Nin tampouco pretenderse a práctica agrícola en terreos non aptos ou pensar que resulta viable económica e ecoloxicamente “limpar todo o monte” controlando a biomasa con rozas xeneralizadas. A medio e longo prazo a única alternativa sostible é a multifuncionalidade, que require da ordenación dos montes e, por conseguinte, resolver previamente o problema da estrutura da propiedade.

8) Hai outros mundos, pero non aquí

Lamentablemente, catro décadas de democracia apenas serviron para avanzar na ordenación multifuncional e a conservación dos montes, máis ben ao contrario. Polo tanto deberíase ollar por riba das estreitas miras e fronteiras actuais por ver de atopar algúns exemplos inspiradores. Neste sentido unha pregunta elemental sería: como adaptar, reformular ou xestionar unha estrutura da propiedade dos montes herdada dunha lóxica e funcionalidade obsoleta que só resposta a necesidades xa inexistentes e dificulta abordar á problemática actual, Prevención de megaincendios de quinta e sexta xeneración, cambio climático e crise ambiental planetaria incluídos xa que vai nelo a nosa supervivencia?

Aínda que semelle o contrario e pese as nosas propias particularidades, na realidade, non temos problemas tan diferentes aos que xa outros veciños máis avanzados afrontaron antes que nós. Afondando en como resolveron o dobre reto da xestión do territorio tras o abandono do sistema de vida tradicional e a instauración dunha silvicultura racional poden atoparse situacións que nos resulten máis ou menos familiares. Aínda que con condicións ambientais e sociais diferentes, países menos montañosos, con menor seca estival, maior superficie agraria, maior industrialización, diferente modelo de asentamento poboacional, etc., tiveron que asumir o mesmo problema básico. Por cuestións de espazo revisaremos aquí brevemente só dous exemplos: os modelos sueco e o francés.

O chamado modelo sueco de Silvicultura sustentable partiu, a finais do século XIX, dun estado de extrema degradación das áreas forestais. En 1903 promulgouse a que se considera unha das primeiras lei modernas de “forest mangement” que obrigaba a replantar o que se cortaba estipulando a súa porcentaxe. Instaurouse tamén unha administración forestal efectiva no cumprimento das regulacións, inventariado e asesoramento. O obxectivo a longo prazo foi dispoñer de amplos bosques con árbores de tódalas clases de idade en quendas de rotación de ata 100 anos. Posteriormente, nos pasados anos 70, este modelo produtivista foi cuestionado polas reclamacións ambientais da sociedade civil, orientándose a normativa dos 90 en adiante cara unha planificación máis multifuncional. A superficie forestal sueca cobre actualmente o 70% do territorio e conta cuns 300.000 propietarios privados individuais , que posúen o 50% da mesma, repartíndose o resto entre un 25% propiedade de empresas e outro 25% publico. A tódolos propietarios destes espazos requíreselles a planificación e formación para a posesión das terras e a súa explotación e xunto coa obriga de reforestar o cortado considerando tamén aspectos como o lecer, o turismo, a preservación dos bens patrimoniais existentes e a conservación ambiental. Con todo, nesta potencia mundial en produción forestal, a sociedade civil segue a demandar máis biodiversidade e bosques protectores cuestionando a preponderancia produtiva que ameaza a conservación do bosque boreal. Como vemos, aparte dun clima moito mais severo que impide o cultivo de especies exóticas invasoras como o eucalipto e dilata as quendas, outra gran diferencia é a maior dimensión das propiedades, como mínimo dunha orde 10 ou máis veces superior.

Val de Figueiras desde Os Cortellos, Villestro. O eucalipto xa case é a única especie arbórea

Nunha situación máis achegada a nosa e cun punto de partida aínda máis semellante o modelo francés resulta interesante na medida en que os problemas e a estrutura da propiedade da terra resultan máis similares. A maior diferenza reside en que alí a transformación cara unha sociedade urbana e industrializada comezou moitas décadas antes. En Francia, xunto a un sector agro-alimentario considerado un dos mais robustos do mundo, o forestal oriéntase pola súa propia conta dun xeito máis estruturado que transversal que o noso.

Aínda que tamén aquí existan demandas ecoloxistas, repararemos unicamente nun par de diferenzas significativas. Primeiramente, a existencia do Centro Nacional da Propiedade Forestal (CNPF), un organismo público exclusivamente dedicado a xestionar o 74% de bosques e montes da Francia metropolitana ,que están en mans privadas con preto de 11 millóns de hectáreas sobre un total de 15 millóns en toda Francia. Contabilízanse neles 3,5 millóns de propietarios privados, repartidos nun 96% de persoas físicas, dous terzos dos cales posúen menos dunha hectárea. A propiedade das terras derívase nas súas 3/4 partes de herdanzas, das que só o 12% son agricultores en activo. As funcións principais deste organismo son tres: 1) orientar e planificar o manexo dos bosques privados, 2) asesorar e capacitar para elo e 3) Agrupar a propiedade privada para o desenvolvemento de proxectos de servizos, mobilización de montes, agrupación por sitios de talla, mancomunar custes, etc.

Como mostra do marco legal, o Art. L112-1 du Code Forestier establece que:

“Os montes, bosques e árbores colócanse baixo a protección da nación, sen prexuízo dos títulos, dereitos e usos colectivos e individuais. A protección e valorización dos bosques e montes, así como a reforestación no marco da xestión sostible, son recoñecidas como de interese xeral … “.

E a lei de orientación forestal de 2001 consagra a multifuncionalidade establecendo que:

“a xestión sostible dos montes e bosques baséase en tres compoñentes interdependentes: a dimensión económica, ambiental e social …./… Ademais, …a integración destes temas na xestión de bosques e montes deberá considerarse a diferentes escalas, espaciais e temporal, tomándose en conta con igual importancia en asuntos de ordenamento territorial”

9) Conservación e auténticos conservadores

Con calquera matización ou atranco que poda sinalarse nos exemplos anteriores resulta evidente que a normativa e xestión dos montes galegos está moi lonxe de corresponderse cao de países máis avanzados. O mesmo acontece no que a estrita política de conservación se refire. O territorio declarado protexido apenas chega ao 12% da superficie galega, incluindo a Rede galega de espazos protexidos (integrado por parques naturais, paisaxes protexidas e outras figuras de protección) xunto coas zonas pertencentes á Rede europea natura 2000 (LICs e ZEPAs). Esta porcentaxe déixanos moi por baixo do 18% da superficie total española, e convértenos na comunidade autónoma con menor porcentaxe de territorio protexido. Respecto de Francia (24%), Alemaña (31%) e Reino unido (36%) a comparación resulta aínda mais desfavorable.

Polo demais, nin sequera podemos dicir que a efectividade real das políticas de protección específicas ou sectoriais sexa algo comparable con outras latitudes, como resulta público e notorio nas continuas ameazas, agresións e deterioro dos enclaves supostamente protexidos. Abonda comprobar as eucaliptizacións, os parques eólicos e outras intervencións planificadas, toleradas, ou executadas acotío. Aquí o listado sería tan interminable como desmoralizador. Comezando pola ineficacia da planificación, control e protección das áreas de respecto do patrimonio arqueolóxico podería citarse casos recentes como a Serra do Iribio (zona oseira, Camiño de Santiago, candidata a reserva da biosfera Ribeira Sacra-O Courel, e futuro parque natural da montaña lucense Ancares-Cebreiro-Courel), ou os Penedos de Pasarela e Traba, onde se proxecta un parque eólico nunha zona declarada paisaxe protexida.

Visto o desleixo das administracións estatal e a autonómica, as locais tamén levan a súa parte de responsabilidade. Máis alá dos plans xerais de ordenación municipal (PXOM), a figura existente dos Espazos naturais de interese local (ENIL) resultaría axeitada para a consolidación efectiva dunha auténtica ordenación territorial. Os ENILs, malia non estar considerados por lei como integrantes da “Rede galega de espazos protexidos” (outra eiva máis derivada dunha estratexia de traspaso de responsabilidades), teñen que ser promovidos polos concellos, aprobados pola Xunta de Galicia e contar cuns mínimos requisitos e planificacións de declaración e xestión. Non obstante, a día de hoxe en Galicia, os ENILs existentes non chegan á decena cando, en realidade, unha estratexia racional de ordenación territorial debería aspirar a un mínimo dun 10 a un 20 % deste tipo de espazos en calquera concello ou incluso parroquia.

Petróglifos de Gargamala tras o lume de 2018

Resta por comprobar a capacidade de compromiso e participación cidadán. As iniciativas de custodia do territorio representan outra alternativa, malia que en Galicia son aínda proxectos incipientes e minoritarios, salvando os sobranceiros casos de pioneiros como “Ridimoas” en Ourense e outros máis novos como a “Agrupación Galega de Entidades de Custodia do Territorio”. Este tipo de iniciativas están moito máis desenvolvidas noutros territorios, como por exemplo comunidades autónomas como Cataluña ou Andalucía. A parte do maior dinamismo social noutras comunidades estes dous casos exemplifican tamén a confluencia e sinerxías que poden establecerse entre a cidadanía e as administracións. En Andalucía, que conta coa maior extensión estatal de superficie baixo custodia do territorio, o maior impulsor é a propia Junta de Andalucía, que aquí conta coa vantaxe comparativa da existencia de grandes propietarios cos que consorciarse. En Cataluña pola súa parte, moitos concellos sosteñen iniciativas de custodia aproveitando que alí a propiedade dos montes é preferentemente municipal.

Outros países como o Reino Unido resultan paradigmáticos. Alí, aínda que existan moitas outras organizacións ambientalistas ou culturais implicadas nisto, abonda reparar no “National Trust” (National Trust for Places of Historic Interest or Natural Beauty) como referencia abraiante. Fundado en 1895, esta ONG promove a preservación e acceso público a sitios de carácter histórico, arquitectónico e natural en Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte (en 1931 fundouse a organización paralela National Trust for Scotland.) Con 5,6 millóns de socios, 65.000 traballadores voluntarios e 4,8 millóns de horas de traballo anual xestiona máis de 500 enclaves e espazos, constituíndo un dos maiores propietarios de terras do Reino Unido, con máis de 248.000 hectáreas de terra e 1.255 km de costa (datos de 2019).

Aplicada aos montes galegos a estratexia da custodia do territorio podería ou debería ir máis alá dunha simple e habitual adquisición ou alugueiro de fincas nos enclaves máis estratéxicos. A constitución dun modelo de “Asociación cidadán de xestión do monte” resultaría idónea para favorecer a multifuncionalidade. Con diferentes tipos de membros individuais (propietarios e non propietarios) e colectivos (outras asociacións, institucións públicas e privadas, empresas, patrocinadores…), unha asociación deste tipo podería mediar entre propietarios e administración, xestionando paralelamente diferentes tipos de situacións segundo os casos e circunstancias (unha xestión máis directa nas zonas estratéxicas de conservación combinada co mero consorcio nas reservadas para produción). Semellante a como fai en Galicia a industria papeleira que consorcia con propietarios privados a posta en explotación de eucaliptais asumindo as inversións e o manexo a cambio dunha porcentaxe dos beneficios. Deste xeito facilitaríase a agrupación de superficies para poder apoiar, tutelar e financiar os traballos precisos, dando como resultado unha mediación efectiva entre propietarios e administracións. Isto, en definitiva, representaría a reconstrución das comunidades de montes veciñais perdidas que proporcionarían uns beneficios lexítimos a tódalas partes: ambientais e sociais á cidadanía habitante en cada concello ou parroquia e económicos e de seguridade xurídica aos propietarios.

10) Abrindo unha porta de exemplo

O feito de estar a día de hoxe tan lonxe de calquera posibilidade factible (por mínima que sexa) de reconciliar o pasado, o presente e o futuro dos nosos montes non implica abdicar da procura de ferramentas de xestión operativas. Nisto, como en calquera outro asunto importante, o principal trunfo dun sistema que esnaquiza a terra, compromete a supervivencia, e deturpa as identidades é facer pensar que non existen alternativas.

Ata aquí pretendeuse expoñer minimamente o marco de referencia dos principais procesos históricos, ecolóxicos e socio-económicos que conflúen na problemática dos nosos montes. Contribuír a remediar en parte a ruína do noso patrimonio natural e cultural pasa primeiramente pola reflexión e o coñecemento. As opcións de cadaquén na súa xestión poden ser holísticas e comprometidas ou ben basearse na ignorancia, o descoñecemento, o fatalismo, o desinterese, a irresponsabilidade, a hipocrisía ou a cobiza.

Queremos aportar en positivo e por iso compartimos finalmente un exemplo de ordenación multifuncional nun monte de carácter peri-rur-urbano de interese patrimonial na comarca de Compostela. O Monte de Villestro- Ventosa, no límite municipal entre Santiago e Ames, por onde pasa o camiño de Santiago a Fisterra, pletórico dunha das mellores mostras de arte rupestre galaica por estas terras. Este exemplo, que podería tamén ser aplicado noutros moitos lugares, é provisional. Precisaríanse estudos e planificacións máis pormenorizadas para a ordenación e planificación axeitada de espazos coma este, en función da existencia dos elementos arqueolóxicos, a conexión ecolóxica e a produtividade segundo a calidade dos solos e a cuberta vexetal existente.

Neste exemplo resérvase un 55% da superficie do espazo para a produción de madeira, con castiñeiros nas mellores zonas e unha mestura de pino do país e bidueiro nos sitios con condicións máis limitantes. As áreas de interese natural con mellores solos dedícanse á restauración ecolóxica de devesas con diferentes especies autóctonas (carballos, castiñeiros, pradairos, cerdeiras, etc.). Nas patrimoniais, polo xeral con solos que presentan limitacións, restrinxiríase a diversidade de especies ás máis tolerantes (como son os carballos e bidueiros). A súa vez o obxectivo de manter estes espazos abertos para a protección dos elementos arqueolóxicos aprovéitase para a plantación de árbores e arbustos produtores de froitos silvestres (como son espiños brancos, acivros e outros) a fin de favorecer a fauna silvestre.

A Penichaira superior dedicaríase a corredor ecolóxico de conexión de tódalas áreas de conservación natural e patrimonial, circunstancia que se aproveita para o establecemento dun itinerario de conexión de todo o espazo onde desfrutar das magníficas vistas e miradoiros dispoñibles. Aquí as especies son elixidas en función de criterios paisaxísticos e de promoción da fauna silvestre.

Finalmente, na conexión entre as dúas vertentes do monte, no límite entre os dous concellos, proponse a modo de exemplo unha intervención paisaxística que articule todo o espazo, que en todo caso podería ser calquera outra alternativa. Para elo, e aproveitando a particular estrutura vertical de faias e sequoias, deséñase unha catedral arbórea orientada cara o Pico Sagro, que aquí coincide co solsticio de inverno. Trátase da paganización dunha simboloxía que evoca un templo natural nunha tentativa de reconexión coa antiga sacralidade que se oculta nos petróglifos de Ventosa e Villestro.

Porque, cal outra sería a razón da existencia de toda esta concentración de arte rupestre, con representacións abstractas de posibles divindades femininas? A beira do camiño de Santiago a Fisterra, con vistas ao pazo da Raiña Lupa no cumio do Pico Sagro, a señora e soberana do territorio nas Terras de Compostela…

11) Afondando

11.1) Bibliografía

BALBOA LÓPEZ X.L. & ARTIAGA REGO M.A. 1992. “La individualización de la propiedad colectiva: aproximación e interpretación del proceso en los montes vecinales de Galicia”. Agricultura y sociedad, Nº 65. ISSN: 0211-8394. pp 101-120

BELAND LINDAHL, KARIN & STÉNS, ANNA & SANDSTRÖM, CAMILLA & JOHANSSON, JOHANNA & LIDSKOG, ROLF & RANIUS, THOMAS & ROBERGE, JEAN-MICHEL. 2015. “The Swedish forestry model: More of everything?”. Forest Policy and Economics. 77. 10.1016/j.forpol.2015.10.012.

CORBELLE RICO E. & CRECENTE MASEDA R. 2009. “Evolución histórica de la Superficie Agrícola Utilizada en Galicia (1962-2006). Integración de fuentes estadísticas y cartográfica”. Economía Agraria y Recursos Naturales. ISSN: 1578-0732. Vol. 9, 2. pp. 183-192

GARCÍA QUIROGA F. 2013. “Desde la desarticulación al presente de los montes vecinales en mano común en Galicia”. Teknokultura, Vol. 10, Nº. 1 ISSN-e: 1549-2230, pp155-176

GRUPO DE MONTES VECINALES EN MANO COMÚN DEL INSTITUTO UNIVERSITARIO DE ESTUDOS E DESENVOLVEMENTO DE GALICIA (IDEGA). 2013. “La política forestal gallega en los montes vecinales en mano común”. Ambienta: La revista del Ministerio de Medio Ambiente. ISSN: 1577-9491, Nº. 104, pp 114-125

HARRIS M. 2011. “Caníbales y reyes”. Alianza editorial. ISBN: 9788420674315. 368 pp

MANUEL VALDÉS C.M. & GIL SÁNCHEZ, L. 2002. “La transformación histórica del paisaje forestal en Galicia”. Ed. Icona (Organismo autonomo parques nacionales. ISBN: 788480144308. 473 pp.

MARTÍNEZ-CORTIZAS A. & COSTA-CASAIS M. 2016.“A paisaxe: síntese da historia ambiental e cultural “. (Capítulo 2, Atlas arqueolóxico da paisaxe galega). Ed. Xerais. ISBN: 9788491210481 336 pp.

O´FLANAGAN P. 1995. “Xeografia histórica de Galicia”. Ed. Xerais. ISBN: 9788475079691. 220 pp.

PIÑEIRO MACÍAS J. 2013. “Las últimas noticias de los osos galaico-portugueses. Argutorio: revista de la Asociación Cultural “Monte Irago”, ISSN: 1575-801X, Año 16, Nº. 30, pp 25-32

11.2) Ligazóns forestais

CENTRE NATIONAL DE LA PROPRIÉTÉ FORESTIÈRE (CNPF):

https://www.cnpf.fr/

https://www.foretpriveefrancaise.com/n/observatoire-de-la-foret-privee/n:29

CONFEMADERA GALICIA (CONFEDERACIÓN GALLEGA DE EMPRESARIOS DE LA MADERA. 2015. “Informe resultados Confemadera Galicia –Universidade de Vigo”

http://maderasdegalicia.com/wp-content/uploads/2018/11/Informe-de-resultados-Confemadera-Galicia-2015-1.pdf

MINISTERIO DE AGRICULTURA, PESCA Y ALIMENTACIÓN. 2018. <“Anuario de Estadística Forestal”

https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/estadisticas/forestal_anuario_2018.aspx

11.3) Ligazóns custodia

HERITAGE PROTECTION GUIDE:

https://historicengland.org.uk/advice/hpg/

THE NATIONAL TRUST:

https://historicengland.org.uk/advice/hpg/publicandheritagebodies/NT/

PLATAFORMA CUSTODIA DEL TERRITORIO (Ministerio transición ecológica y reto demográfico):

https://custodia-territorio.es/

REDE GALEGA DE CUSTODIA DO TERRITORIO:

https://www.custodiadoterritorio.org/agect

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.