Hai pouco máis dun mes mostrábamos a nosa preocupación ante as primeiras novas que chegaban dende o goberno teense en relación á posible construción dun parque eólico na área do Monte Piquiño.

En 2012 xa loitamos para evitar a construción dun proxecto promovido pola empresa Beltaine que tentaba realizar un parque eólico nos concellos de Teo e Padrón. Daquela, a oposición municipal, o traballo dos técnicos municipais e o rexeitamento de boa parte do tecido asociativo, favorecidos por diversas circunstancias conxunturais, lograron frear aquel proxecto irracional. Isto permitiu que hoxe o Plan Director do Proxecto de Compostela Rupestre planee deseñar neste mítico espazo do Monte Piquiño un dos parques arqueolóxicos que serán piares vertebrais deste ambicioso proxecto cultural e turístico.
Hai só uns días tivemos coñecemento de que os nosos peores presaxios ficaron curtos. Nunca chegaríamos a imaxinar o que a empresa “Green Capital Development 117, S.L” pretende acometer en Teo. Esta entidade está a tramitar ante a área de Industria e Enerxía da Delegación de Goberno da Coruña un proxecto que afecta a cinco parroquias teenses e ó monte da Pena das Cruces / Pena Angueira na parroquia padronesa de Santa María das Cruces.
Lembrade que no seu día “Beltaine” proxectaba un parque cunha potencia de 27 (N)MW, agora pretenden obter xusto o dobre, é dicir, 54 (N)MW. Son tamén 9 aeroxeneradores, mais multiplicarán o seu tamaño para acadar esa potencia.
Se antes o proxecto afectaba esencialmente a dúas parroquias agora afecta a medio concello. Concretamente ás parroquias do S e O do municipio, entre a Maía e a Ribeira do Ulla. As novas normativas que afectan ao sector e os tamaños destes monstros da enxeñaría eólica obrigaron á empresa a espallar no territorio este proxecto que transformará os nosos montes nun gran parque industrial. Á marxe do citado muíño en Padrón, figuran 2 en Lampai, 1 en Rarís, 3 en Luou e 2 en Reis.

Alén diso, cómpre ter en conta ao resto de infraestruturas asociadas ao parque, como as súas liñas da evacuación, que afectarán, asemade, á parroquia de Calo.
Estamos a falar das principais áreas naturais, históricas, patrimoniais e turísticas do noso concello. Para que teñades unha referencia, a propia poligonal do parque inclúe 68 bens patrimoniais catalogados (petróglifos, mámoas, fortificacións altomedievais, eiras dos mouros, cruceiros, conxuntos e vivendas tradicionais, hórreos, pontellas, muíños..), á marxe dos que fican sen catalogar e os que poidan aparecer baixo o mato. Só con referir este dato en ningún país minimamente civilizado a ninguén se lle ocorrería propor instalar un proxecto destas características neste espazo. Mesmo dirán que é compatible coa súa valorización social.

A “Eira dos Mouros” do Monte Piquiño daba nome á revista escolar do CEIP da Ramallosa (1998). Seguimos a defender os mesmos valores daquela rapazada teense?. Farán o propio os nosos gobernantes?
Como podedes apreciar no plano que achegamos, sitúan os muíños xusto no bordo das áreas arqueolóxicas que recolle o Plan Básico Autonómico da Xunta de Galiza (PBA), mais as gabias que conectan os diferentes muíños non só atravesan estas áreas afectando gravemente a moitos dos bens arqueolóxicos, senón que tamén aproveitarían o trazado de camiños históricos, destruíndoos para sempre, e que hoxe forman parte de rutas homologadas como a GR-94 (Andaina Rural de Galicia) ou a PRG 238 (Ruta dos petróglifos de Teo), incluso da propia ruta xacobea do Camiño Portugués e do Mar de Arousa. Mesmo algunha das gabias atravesarían as propias aldeas coma no caso de Rial do Mato (Rarís).
Tamén cómpre incluír a maiores os bens afectados pola liña de evacuación do parque, un tendido aéreo coas súas torres, que marcan os diferentes cambios de trazado, e que pasa á rentes de bens culturais tan relevantes como o Pazo do Faramello, o Castro Lupario, o petróglifo do Faramello e a pontella de Paradela, á parte do efecto visual que suporía para o camiño portugués (que o atravesa) ou lugares tan emblemáticos como a carballeira de Francos.

Non tivemos acceso ó estudo de impacto ambiental, polo que descoñecemos datos aproximados sobre a desfeita na fauna e flora da zona, pero a perda da biodiversidade será significativa. Dende os espectaculares miradoiros naturais da Grela (Lampai) e Cabanelas (Reis) albiscaremos un Teo moi diferente.

Malia todo, a maior incidencia será para a veciñanza de aldeas como Veitureira, A Grela, Rial do Mato, Loureiro, Regoufe, Coira….Todas elas a pouco máis de cincocentos metros deses xigantescos viraventos. Aldeas desa “Galiza profunda” que defendemos cando nos convén e ficamos mudos cando máis precisan da nosa axuda e solidariedade.
Este novo escenario abrirá unha fenda estrutural que irá medrando paulatinamente, pronto esqueceremos como eran os montes que coidaron os nosos avós, escenarios míticos das nosas tradicións e aqueles sitios que nos conectan con noso pasado como os petróglifos e mámoas do Piquiño.
A perda progresiva do benestar destes veciños/as acentuará o despoboamento duns territorios que lamentablemente xa sofren o esquecemento dos nosos gobernantes. Non vos deixedes enganar por falsas enerxías verdes, o futuro é negro para estas aldeas teenses. Os eólicos non son tan inocuos como os pintan e implicarán enormes impactos negativos ao medio.
Enerxías renovables si pero non así
Cómpre unha profunda revisión do actual plan sectorial da Xunta que vulnera os dereitos fundamentais destas comunidades rurais. Realmente pensades que os parques eólicos mitigaron o esmorecemento progresivo do rural?
Contribuíron a xerar emprego?
Axudaron a baixar o prezo da electricidade?
Estas megaestruturas non mellorarán a vida cotiá da veciñanza.
Hai ducias de argumentos para facer fronte ao proxecto, e xa estamos a traballar para facer as oportunas alegacións, mais todo depende das sinerxías que logremos para facer fronte a unha empresa como Green Capital. As empresas eólicas con intereses comúns na mesma área xeográfica tamén xeran alianzas e chegan a acordos para deseñar proxectos en común, este é un bo exemplo, como evidencia o emprego da mesma liña de evacuación que usarán tamén outros parques.
A pasada semana, atendendo á convocatoria da asociación veciñal de Lampai, mantivemos unha primeira xuntanza con outros colectivos e asociacións teenses preocupados pola situación e para ver o xeito de facerlle fronte conxuntamente. A principal conclusión foi o descoñecemento xeral da cidadanía do impacto e consecuencias que tería este proxecto. Agardamos que esta primeira achega no blog sirva para ter unha primeira visión da súa magnitude e das implicacións futuras deste parque eólico proxectado por Green Capital.

Por outra banda, somos coñecedores da oposición do grupo municipal do BNG que, a través de varios actos públicos na Ramallosa e Lampai, deixaron claro non só o rexeitamento ao proxecto teense senón tamén ao actual plan sectorial da Xunta.
É esencial votar abaixo o citado plan para evitar no futuro proxectos como o actual. Esperamos que o resto de formacións políticas teenses tamén manifesten o seu rexeitamento, pois sería un avance significativo cara a meta de defender conxuntamente o noso territorio.
Arestora a poboación de Teo loita para evitar que a antiga canteira sexa un vertedoiro, agora debe pelexar do mesmo xeito para facer fronte á invasión dos eólicos que se apropiarán dos nosos montes e hipotecarán o noso futuro.
Ímosllo permitir?
Depende de nós.
Só así poderemos ver os parrulos na lagoa da canteira ou a rapazada brincando entre os penedos do Piquiño.