O petróglifo de Labanquiños en Ames 74 anos despois


Cando o ano pasado publicamos o libro – catálogo dos fondos do Arquivo gráfico de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, agardabamos que puidera abrir novas liñas de investigación e, incluso, facilitar importantes pistas para a recuperación dalgunha das estacións de arte rupestre estudadas por este grande persoeiro da arqueoloxía galega, estacións que, a día de hoxe, seguen en paradoiro descoñecido. O enorme esforzo que supuxo para a nosa pequena entidade sacar adiante este proxecto de recuperación do seu legado comeza a dar os resultados desexados.

Grazas ás antigas fotografías do libro o historiador da arte e grande investigador dos petróglifos das comarcas de Compostela e o Barbanza Xoán Guitián Rivera identificou os antigos gravados estudados por Sobrino Lorenzo Ruza cunha estación que hai máis dunha década localizara despois de producirse un incendio nos Montes de Tapia. Daquela, diferentes circunstancias persoais impedíronlle regresar á zona e proseguir co seu estudo. Non obstante, agora, ó ver as fotos de Sobrino Lorenzo púxose en contacto con nós e facilitounos non só os datos que recompilara do seu arquivo persoal senón que, ademais, se ofreceu a guiarnos ata a zona, coñecida como os Chaos do Norte, preto da estrada que dende a igrexa de San Cristovo de Tapia ascende cara ó Chan do Monte e conduce a diferentes aldeas da parroquia de Santa María de Ameixenda.

Petróglifo de Labanquiños. Ramón sobrino Lorenzo Ruza

Na actualidade, a zona está abandonada e cuberta pola vexetación, con toxos de máis de dous metros de altura e eucaliptos ventureiros espallados por toda a parcela, xa que dende o incendio que lle permitira a Xoán localizar os gravados non houbo ningún tipo de actuación ou actividade forestal nesta parte dos Montes de Tapia.

Non sen dificultade, logramos abrir un pequeno carreiro dende a estrada ata a peneda para, finalmente, volver observar os gravados que descubrira hai máis de oitenta anos Oscar Lojo Batalla – Sampedro, que posteriormente, no ano 1948, visitara e estudara o arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1948) e que dende entón só vira de novo o noso guía.

Vista aérea da estación, a carón da estrada

Podedes imaxinar a emoción ó ollar in situ esas gravuras e poder comparar o seu estado de conservación coas antigas fotografías de Sobrino. Só por iso as moitas horas investidas no labor de clasificación, organización e divulgación do Arquivo da familia Nuñez Sobrino xa mereceron a pena, acadamos un dos grandes obxectivos do libro.

Os “ruleiros” participantes nesta xeira por Tapia recordaremos no futuro esta xornada que compartimos con Xoán e co profesor Fernando Alonso Romero, outro vello “roqueiro” que non quixo perderse a visita e redescuberta desta xoia rupestre de Ames.

Labanquiños na Historia. Óscar Lojo – Batalla

Os petróglifos de Labanquiños foron descubertos por un dos persoeiros da historia amesá, Oscar Lojo – Batalla Sampedro (1873 – 1963), sobriño de Casto Sampedro Folgar, o primeiro presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Naceu nunha casa da aldea de Vilouta (parroquia de San Cristovo de Tapia – Ames) onde o seu pai, o médico Batalla, atendía á veciñanza. Emigrou moi novo a Bos Aires onde traballou en varias actividades comerciais para regresar a Galiza na década de 1920, para facerse cargo e xestionar a herdanza familiar. Nomeado alcalde de Ames o 16 de setembro de 1930 mantivo o seu cargo durante a Segunda República ata a súa destitución polo réxime franquista o 11 de xullo de 1936, segundo recollen os libros das actas plenarias que custodia o Arquivo Municipal de Ames.

Durante o seu goberno realizou melloras nas infraestruturas municipais e no sistema educativo. Arranxou e abriu novas estradas, fundou varias escolas, mesmo costeou do seu peto a de Tapia, e participou activamente promovendo a creación en Barouta dunha feira de gando e produtos agrícolas de proximidade. Foi un alcalde moi querido polo pobo, segundo conta Maximino Viaño García (cronista oficial de Ames), moi próximo á cidadanía e sempre disposto a facer favores,

“Ía camiñando ó concello e a ida recollía os encargos que lle facían os veciños. Cando viña de volta repartíalles as resolucións”.

Isto pode explicar que sexa un dos poucos alcaldes republicanos que foi homenaxeado aínda en tempos franquistas. As actas municipais do 23/12/1964 e 26/09/1969 dan conta do expediente da súa homenaxe así como da constitución da “Comisión para o desenvolvemento dos actos e o seu patrocinio”.

Imaxe da inauguración do busto en homenaxe a Óscar Lojo Batalla no ano 1969

Durante o acto de homenaxe inaugurouse o monumento erixido na súa honra ó carón da escola de Tapia que el mesmo sufragou. O busto é obra do escultor Andrés Barbazán, o último grande escultor da Barcala, que tiña o seu obradoiro en Logrosa. Neste acto participaron o propio Maximino Viaño, que realizou un emotivo discurso ó homenaxeado, a súa sobriña a poeta Lili Batalla, o alcalde Lorenzo Puente en representación municipal e o alcumado “cura poeta”, Casimiro Cubela, entre outras personalidades e veciños/as que coñeceron ó seu querido veciño de Vilouta. Xa en maio de 2014, o grupo político municipal “Ames Novo” celebrou, ó carón do busto de don Óscar, unha homenaxe á corporación republicana, que presidiu ata o seu cesamento en xullo de 1936.

Busto adicado a Óscar Lojo Batalla en Tapia

Óscar Lojo tamén colaborou con Cruz Gallástegui na Misión Biolóxica de Salcedo e foi moi afeccionado á arqueoloxía. Non só descubriu os grandes petróglifos amesáns senón tamén realizou importantes achados de lápidas e sartegos en Troitosende e na contorna da capela da Magdalena.

En 1908, no lugar da Eira de Vilacoba (Troitosende, A Baña), atopou unha interesante estela anepigráfica descontextualizada de 1,42 m de altura e 0,40 m de ancho. Presenta gravados só por unha das súas caras. O extremo superior ten forma discoide cunha cabeza inscrita en dous círculos concéntricos e unha representación moi basta dos ollos, nariz e boca. A parte central e inferior está decorada a base de formas xeométricas: aspas, triángulos e barras horizontais.

Estela de Troitosende (M. Boga).

A estela foi estudada por numerosos investigadores, españois e extranxeiros, que achegaron diferentes interpretacións: Cabré (1915), Frankowski (1920), Octobon (1931), H.Breuil (1935), Filgueira Valverde & Dors (1955), Anati (1968), Cuevillas (1973), J.Arnal (1976), Landau (1977), Jordá (1978), Vázquez Varela (1980), Rodríguez Álvarez (1981), Pereira Menaut & Caamaño García (1993), Alonso Braña (1996), Maya González & Ramón Álvarez (2001), Bueno Ramírez (2009), etc. Inicialmente adscribiuse a un período comprendido entre o Neolítico e a Idade do Ferro, pero a interpretación cronolóxica muda a partir das consideracións publicadas por Vázquez Varela en 1980, que a adscribe á época romana.

Na actualidade, existe un certo consenso e a maioría dos estudosos dátana entorno ó s. IV, polas súas similitudes con outras lápidas / estelas semellantes como as de Mixós (Monterrei), Ouzande (A Estrada), Seira (Rois), As Coroas de Reigosa (A Pastoriza), Tines (Vimianzo) ou Tarañes (Asturias), que tamén presentan as características aspas como elemento decorativo. Esta peza e outros achados cedeunos ó Museo de Pontevedra onde se custodian na actualidade. En 1979 localizouse unha segunda estela romana no lugar de Vilacoba tamén en Troitosende (Caamaño Gesto, 1981).

As xeiras arqueolóxicas de Ramón Sobrino Lorenzo

Sobrino Lorenzo enumera as descubertas rupestres da comarca realizadas por Óscar Lojo nunha das “papeletas” publicadas no Noticiario Arqueológico Hispánico (1952):

“Laxe Negra, el de Laxe de Monte de Pedras (frente al castro de Ventosa), el de Liñaredo, el de los montes de Tapia (Labanquiños) y el de Penedo do Toutón en Monte Pedroso (actualmente Correxíns en Figueiras), cerca de Santiago, fueron todos ellos descubiertos por D. Oscar Lojo Batalla, quien nos acompañó y nos dio las referencias para su localización”.

Estoxo das fotografías de Labanquiños de RSLR

Tamén coñecemos, polas súas axendas persoais, a data exacta desa primeira visita a Labanquiños con don Óscar, concretamente o 15 de setembro de 1948:

Vamos a las 2 de la tarde a comer a Tapia con D.Óscar Lojo Batalla. Después con él a Labanquiños (monte de Tapia) y Liñaredo (monte de Ames), a ver dos petroglifos.”

Polas súas anotacións no estoxo das fotografías sabemos que tamén estivo presente o naturalista e profesor da USC Gustavo Varela – Radío Gutiérrez de Caviedes (1908-2003), veciño de Lens, o outro colaborador habitual do arqueólogo por terras amesás.  Foi unha longa xeira de 25 quilómetros polos montes de Tapia e Cortegada nos que tamén visitaron os petróglifos de Liñaredo que, por desgraza, aínda seguen en paradoiro descoñecido.

Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza no petróglifo de Labanquiños

Durante a xornada Sobrino tomou 4 fotografías de Labanquiños e realizou dous bosquexos a lapis que finalizou posteriormente no seu gabinete. Recollemos estes pequenos pormenores daquela expedición pois reflicten moi ben como eran aqueles traballos de rexistro arqueolóxico do investigador pontevedrés e amosan a súa paixón pola nosa arte rupestre.

Daquela non había estradas, sinala Maximino Viaño, empregaron o “camiño da vila” de Tapia ao Mercuto (Ameixenda) “que arranxaron os propios veciños”.

Deseño de RSLR do petróglifo de Labanquiños
Anotación de RSLR

Localización do petróglifo

Plano de localización do petróglifo de Labanquiños
Plano de localización. Pormenor do mapa arqueoloxico da comarca de Santiago elaborado por RSLR. 1953

Concello: Ames

Parroquia: San Cristovo de Tapia

Lugar: Mámoa / Vilouta

Sitio: Chaos do Monte / Labanquiños / Lavanquiños

Coordenadas Xeográficas: 42°55’30.71″N – 8°38’39.99″W

Proxección UTM: 29 T 529127 4752786 (Datum: WGS 84)

R.C.: 15002A513001480000BK

Acceso: Dende a igrexa parroquial de San Cristovo de Tapia subimos uns 900 metros pola estrada que conduce a Ameixenda e Cortegada. O petróglifo atópase preto dun cruce cunha pista forestal e a só 15 metros á esquerda da estrada.

Referencia código Patrimonio: Petróglifo sen Catalogar. Os bens arqueolóxicos máis próximos son as catro mámoas que compoñen a necrópole megalítica das Madorras a uns 750 m ó leste,  pertencentes xa á parroquia da Ameixenda.

Descrición dos gravados

Petróglifo situado nun afloramento granítico de bo porte (540 x 340 x 160 cm) con tres paneis con gravados.  

Vista cenital da estación con indicación dos paneis e as súas dimensións

Panel 1

Na parte central e máis elevada da rocha figura o panel 1, o panel principal, con dúas combinacións de círculos concéntricos. A combinación (A) mellor conservada, de 40 cm de diámetro, presenta 5 aneis, os dous últimos incompletos, con dous sucos de saída que parten da coviña central, un cara o N e outro ó SE. A 60 cm ó SO hai unha segunda combinación (B) moito máis erosionada, de 42 cm, que conta con 6 aneis e dous sucos de saída, ambos finalizan nunha coviña (C), rodeada por un anel duns 8 cm, situados no bordo inferior da laxe, ó SE.

Do último círculo da combinación A sae un suco cara a un pequeno círculo con coviña no seu interior (D).

Panel 1. Fotogrametría

No mesmo borde inferior da superficie próxima ó motivo C consérvase un círculo con coviñas no seu interior (E), alterado por unha fisura da rocha. Un círculo con coviñas similar (F) tamén se localiza no bordo inferior da superficie, por debaixo dos alfabetiformes.

Fotogrametría do panel 1 con indicación dos motivos

Na parte oeste do panel constan tres alfabetiformes separados con puntos, realizados a cicel, “A.B.R.”, imaxinamos que se trata das iniciais dalgún veciño que hai unhas cantas décadas quixo deixar a súa pegada ó carón das gravuras prehistóricas. Tamén observamos restos doutras posibles iniciais case imperceptibles por encima. Por debaixo distinguimos as letras 1 P S E.

Alfabetiformes do panel 1. Fotografía con iluminación artificial

Panel 2

Nun chanzo inferior a rentes do chan e aproveitando unha superficie case plana (230 x 195 cm) figuran preto de 40 coviñas e cazoletas de diferentes tamaños, as máis grandes de 12 cm de diámetro por catro de profundidade e as máis pequenas de apenas 3 cm x 0,5 cm. A maioría concéntranse agrupadas na parte superior do panel (zona N – NW) e algúns destes furados están unidos entre si por sucos. Al menos unha das coviñas presenta un anel moi erosionado ó seu redor.

Alén desta agrupación de coviñas, podemos ollar un par de coviñas illadas no extremo oriental da rocha, separadas do grupo anterior por unha fenda que divide o panel en dúas partes, esta segunda parte a menor altura.

Panel 3

Finalmente, no canto superior do afloramento granítico, cara o N, consérvanse moi deteriorado un círculo con coviñas no seu interior (A) que se acomoda á forma dunha protuberancia da rocha, Ó seu carón dous círculos concéntricos de formas irregulares (B). Un suco semella conformar un círculo incompleto (D). Unha última combinación circular de cando menos dous círculos concéntricos consérvase moi deteriorada. Todos estes motivos son practicamente imperceptibles con luz diúrna. Próximos a estes motivos observamos uns rebaixes na superficie de posible orixe antrópica.

Fotogrametría do panel 3 con indicación dos motivos

Recuperación dunha alfaia rupestre

Como acontecera co petróglifo do Monte das Pedras ou Monte Castelo o arquivo de R. Sobrino Lorenzo – Ruza, facilitounos a recuperación doutra das grandes xoias rupestres do municipio de Ames. Neste sentido, co obxecto de evitar que volva a caer no esquecemento, remitimos solicitude as autoridades competentes para que procedan a súa urxente catalogación e así evitar calquera posible dano asociado ás actividades forestais ou ós incendios forestais que periodicamente afectan a esta zona.

Asemade, solicitamos a súa inclusión no Plan Director de Compostela Rupestre, a súa limpeza e a súa posterior valorización e socialización. Unha vez recibidos eses coidados agardamos que este singular ben cultural sexa un novo recurso turístico de grande valor.

Como sinala o artigo 7 da Carta internacional para a xestión do patrimonio arqueolóxico do ICOMOS (1990):

“a difusión do patrimonio arqueolóxico é o medio máis eficaz para acadar a súa protección e conservación”.

Ao mesmo tempo, deberiamos engadir que non podemos valorar o que descoñecemos. Neste sentido, A Rula seguirá loitando pola recuperación deste legado cultural único que R. Sobrino Lorenzo – Ruza dignificou no seu tempo e que o desleixo posterior ocultou. Recuperados Monte Castelo e Labanquiños, quedan agora Liñaredo (Ames) e o Agro da Cacharroa (Teo), por localizar na nosa comarca, seguiremos na súa procura. 

Xoán Guitián e Fernando Alonso no petróglifo de Labanquiños

Agradecementos

Queremos agradecer novamente a Xoán Guitián a súa inestimable colaboración, que nos permitiu dar con este xacemento arqueolóxico tan especial. Ó noso estimado compañeiro de aventuras, Fernando Alonso Romero, por achegarnos a súa sabia visión e interpretación deste e doutros bens culturais do noso país, as súas ensinanzas sempre alumean o camiño da Rula. A Maximino Viaño, por contarnos como era don Óscar Lojo e por promover a recuperación da súa figura. Agradecerlle tamén as súas inestimables colaboracións na procura destes bens esquecidos das terras da Maia. Finalmente, grazas ós socios do noso Colectivo por manter vivas as ansias por coñecer esta e outras historias relacionadas co noso patrimonio cultural.

Maximino Viaño nunha das procuras do petróglifo de Labanquiños co Colectivo A Rula en 2016

Bibliografía

Alonso Braña, Juan José, Contribución al estudio del fenómeno tumular y megalítico en el Bajo Tambre. Tese de Licenciatura. USC. 1996

Boga, M. “Estatua-menhir de Troitosende. A Baña, A Coruña”.  O blog do megalitismo de Galicia: antas-dolmenes, pedrafitas-menhires e círculos de pedra.(2012)

Cabré, J. Losas funerarias de ¿túmulos? de Troitosende, Baña, orilla del río Tambre (La Coruña): Dos semi – esculturas humanas, existentes en el Museo Arqueológico de Pontevedra. 1915

Cabré, Juan: “El Arte Rupestre en España”. MNCN. Madrid, 1915

Colectivo A Rula: “A Redescuberta do Monte Castelo. Unha excursión ó ano 1909”. Blog Colectivo A Rula (2015)

Colectivo A Rula: “Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza: memoria e legado dos petroglifos”. Colectivo A Rula. Santiago de Compostela, 2020

Landau, J. “Les representations anthropomorphes megalitiques de la region mediterraneé (3 au 1 millenaire) CNRS, Paris 1977

Maya González, J.L., álvarez Arza, R. “La estatua-pilar de Santa María de Tarañes (Ponga-Asturias) y su relación con la de Troitosende”. Complutum, 12. 2001.

Vázquez Varela, J.M. “La estela de Troitosende: uso y abuso de paralelismos en el Arte Prehistórico” Brigantium, núm 1. p. 83 -91. 1980.

Viaño, Maximino: Faceta humana de Oscar Lojo Batalla -Sampedro y otros (Perfil Facebook).

Viaño, Maximino: “Breve Biografía de Óscar Lojo Batalla – Sampedro”. Praza de Ames, 8 maio de 2014

DOCUMENTACIÓN ARQUIVO

Aquivo Núñez Sobrino, Fondo dixital de Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza

Arquivo Municipal de Ames

Actas Plenarias de 1930 – 1936

Actas Plenarias de 1967 – 1969

(Agradecementos a Guadulpe Rendal Pampín, técnica do Arquivo, pola súa colaboración)

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.