A principios deste mes un comunicado de prensa, asinado polas asociacións Umia Vivo, A Forneiriña, Irmandade illa de Tambo e o Colectivo para a defensa do territorio Anovaterra, recollía unha valoración non moi positiva do acadado, ata o momento, no marco do Proxecto Compostela Rupestre. Somos da opinión de que toda crítica razoada e construtiva é benvida e moi necesaria nestes tempos nos que a exclusión da participación cidadá na xestión dos asuntos públicos é a práctica máis habitual, polo que agradecemos enormemente a implicación destes colectivos no control da xestión das nosas administracións
Neste comunicado sinálase a falta de actuacións encamiñadas a garantir a conservación deste bens tan vulnerables, fundamentalmente a súa sinalización e limpeza e, cualifican o realizado ata o de agora como “catro anos perdidos” e “120.000 euros gastados en burocracia e propaganda” e, en resumo, dunha “política errada da Deputación da Coruña limitada á propaganda virtual”.

Como promotores desta iniciativa e membros do órgano asesor deste proxecto cremos de interese facer pública a nosa valoración do realizado no marco deste proxecto. Pensamos que a principal diferenza entre o recollido no comunicado de prensa e a nosa valoración estriba na diferenza de obxecto analizado, xa que para nós Compostela Rupestre non é algo que se inicia no 2018 senón cando menos 4 anos antes.
A finais do ano 2014 realizamos unha exposición fotográfica do mesmo nome para o Concello de Santiago sobre os petróglifos do concello. Pouco despois, no ano 2015, presentamos un amplo documento no que presentamos unha proposta de traballo conxunto a prol da conservación e promoción da arte rupestre da comarca de Santiago por parte das administracións con competencias na materia. Ese mesmo ano presentamos a nosa proposta aos concellos de Santiago, Ames e Teo, á Dirección Xeral de Patrimonio e á Deputación da Coruña.
Analicemos agora brevemente que é o que se ten feito ata o momento en canto á limpeza e a conservación dos xacementos rupestres na nosa comarca:
Para a nosa sorpresa o primeiro destinatario que promoveu algunha das iniciativas incluídas na nosa proposta foi a Dirección Xeral de Patrimonio que no ano 2016 a través do Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais executou, en colaboración co Concello de Ames, traballos de limpeza, retirada de vexetación e documentación dos petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo. Estes traballos, reforzados con limpezas puntuais posteriores (Concello de Ames en 2018 e 2020), teñen garantido o acceso a estes bens nos últimos anos (No ano 2020 o concello de Ames procedeu á sinalización preventiva dos accesos a ambos petróglifos coa finalidade de evitar a realización de actividades na súa contorna que poñan en perigo estes bens patrimoniais).

A finais do ano 2018 o Concello de Santiago de Compostela executou a primeira limpeza na súa historia realizada sobre a arte rupestre do concello. En total limpáronse un total de 29 paneis gravados así como os seus accesos e contornas. O esforzo para levalo a cabo do por entón concelleiro Jorge Duarte garantiu o acceso a estes bens nestes últimos anos.
Desde o ano 2013 o Concello de Teo ven realizando anualmente a limpeza e mantemento dos accesos e a contorna dun bo número das súas estacións rupestres. No ano 2018 inaugurou a súa exitosa ruta dos petróglifos PR-G 238, un importante avance para a promoción e conservación dos petróglifos da comarca, converténdose na primeira homologada de carácter arqueolóxico da comarca de Compostela. Na última reunión de Compostela Rupestre aprobouse a limpeza e adquisición dos terreos que permitirán continuar coa valorización do patrimonio cultural deste ruta.
En novembro de 2021 a Consellería de Cultura encargou a prospección, estudo e documentación da ruína da Capela de Novais no concello de Val do Dubra que publicaramos dous meses antes.
No que respecta á divulgación son ben coñecidas as rutas que realizamos tódolos anos en colaboración co concello de Teo desde o ano 2013 e nas que xa teñen participado máis dun milleiro de persoas. Algo menos coñecidas son as visitas que realizamos tamén con este concello cos alumnos dos centros escolares e que só a Covid ten limitados nos últimos anos.
Tamén en colaboración co Concello de Ames realizamos varias visitas guiadas aos seus petróglifos (2016, 2018 e 2020), así como co Concello de Santiago realizamos xa hai uns anos visitas ao Castriño de Conxo (2018), a Devesa da Rula co FICRURAL e aos taboleiros de xogo co FICRURAL, o programa Boas Noites 2018 e os centros socioculturais.
Este é un resumo apresurado das principais accións desenvolvidas a prol da arte rupestre da nosa comarca nas que participaron as administracións públicas e que non están recollidas nese documento económico de execución do Proxecto Compostela Rupestre incluído na nota de prensa.
No referente á catalogación das estacións rupestres localizadas nestes anos de funcionamento de Compostela Rupestre só queremos indicar que o corpus de xacementos catalogados acadou a cifra de 150 elemento fronte a media centena inicial.
Todos estes datos que aquí expoñemos non implican que consideremos que a actual situación de conservación e divulgación da arte rupestre da comarca sexa a desexada, a óptima. Cando somos convidados a participar no órgano consultivo incidimos na necesidade de garantir a conservación dos petróglifos realizando unha primeira limpeza xeral da contorna de tódolos xacementos e os seus accesos, o que facilitaría a execución de traballos posteriores, así como a elaboración dun protocolo e un calendario periódico de limpezas. Desde o inicio insistimos na necesidade de promover desde o proxecto unha labor investigadora multidisciplinar con continuidade no tempo co obxectivo de acadar un mellor coñecemento do fenómeno rupestre na nosa comarca.
Recentemente o Consello de Compostela Rupestre informou dunha asignación orzamentaria para a limpeza dos xacementos. Esperamos que a execución destes traballos non se dilaten no tempo e sirvan tamén para establecer as pautas e tempos para un mantemento eficiente dos petróglifos a longo prazo.
En resumo, aínda que compartimos certas inquedanzas sobre o desenvolvido e acadado ata o de agora polo proxecto Compostela Rupestre quixemos expor brevemente que, na nosa opinión, tense avanzado algo máis que o recollido na nota de prensa referida e, queremos confiar en que este ano se acaden algúns dos obxectivos prioritarios que nos marcamos cando no ano 2014 discutimos, acordamos e redactamos unha ambiciosa proposta de traballo chamada Compostela Rupestre.