O petróglifo do Gavis. A primeira estación de arte Atlántica do concello de Val do Dubra e o proxecto do parque eólico de Vilartoxo


O pasado mes de abril os técnicos da empresa Zeta Arqueoloxía, S.L., encargados do Informe de impacto sobre o patrimonio dun dos parques eólicos proxectados no concello de Val do Dubra, o do parque eólico de Vilartoxo, localizaron na parroquia de San Román, no lugar de Xermil, a primeira estación de arte rupestre prehistórica do concello, ademais de dúas mámoas denominadas Fondo do Val 1 e 2.

Petróglifo do Gavis, fotografía con iluminación artificial

A pesar da proximidade do municipio con algúns dos conxuntos rupestres máis destacados da comarca, ata o de agora, só coñecíamos unha estación de gravados rupestres no concello de Val do Dubra, o petróglifo do Castro de Portomouro (GA15088030), un panel formado por motivos de clara adscrición histórica, cruces e coviñas. Recentemente demos conta destes gravados no noso blog, concretamente o pasado mes de setembro.

Os elementos patrimoniais catalogados máis próximos a esta nova estación son as mámoas de Porto Rabeiro 1 (GA15088003) e Porto Rabeiro 2 (GA15088004). A primeira delas presenta un gran cono de violación e na memoria dos veciños consérvase o recordo da existencia, ata non hai moito, de ortostatos da súa cámara dolménica. A mámoa núm. 2 destaca polas súas grandes dimensións e o seu aparente bo estado de conservación. Ambos xacementos están plantados con eucaliptos que non respectan as disposicións legais aplicables á protección destes bens patrimoniais.

Plano de localización do petróglifo do Gavis e as mámoas de Porto Rabeiro 1 e 2

Cara o sur localízanse as necrópoles megalíticas de Bugalleira (GA15088020 e GA15088029) e de Monte da Medorra (GA150070703 e GA150070704) no veciño concello da Baña, así como o xacemento romano de Bugalleira (GA15007007). Ó norte localízase o castro de Paramos (GA15088024).

O petróglifo do Gavis atópase a escasos metros do límite parroquial e no linde co concello da Baña, nun piñeiral de superficie chan sementada por pequenos afloramentos rochosos de xisto pouco destacados sobre o terreo. Coordenadas WGS84 N 42 58.464, W 8 41.255, altitude 358 m, a 500 metros ao suroeste do lugar de Xermil.

O afloramento escollido polo gravador non é o habitual de granito. A escolla dun soporte de xisto probablemente fose motivada pola escaseza no lugar de afloramentos graníticos máis apropiados. A rocha é de pequenas dimensións e superficies moi irregulares. Na súa parte máis longa alcanza os 5,40 metros, sendo o ancho de 2,15 metros e alcanza un alto de 93 cm. Apenas presenta superficies horizontais, a escollida polo gravador está inclinada e orientada ao oeste, e mide 2,15 metros de largo, 95 cm de ancho e 60 cm de alto.

Petróglifo do Gavis, fotografía con luz natural e superficie mollada

Nela consérvase un único motivo, unha combinación circular composta por unha coviña central, 5 círculos concéntricos, o último incompleto, así como un radio sinuoso que cruza o motivo. A superficie gravada segue unha inclinación descendente E-O. A figura ten un diámetro de 60 cm ata o círculo exterior incompleto, e 50 cm ata o último completo.

Plano de localización dos bens patrimoniais e as infraestruturas proxectadas

En resumo, trátase dunha sinxela estación, pero non por iso carente de interese, tendo en conta as súas particularidades, como son o soporte elixido para gravar, así como o de ser o primeiro xacemento rupestre prehistórico coñecido no concello de Val do Dubra, co que se van completando os baleiros do mapa de distribución dos petróglifos da nosa comarca. Outro aspecto de interese e merecente dun estudo en profundidade é a proximidade do gravado ás 4 mámoas.

Petróglifo do Gavis, fotogrametría

O futuro da estación. O parque eólico proxectado

O conxunto de bens arqueolóxicos afectados por este proxecto e recollidos no seu estudo de impacto sobre o patrimonio son os seguintes:

• GA 15088020: Mámoa de Bugalleiras 1
• GA 15007007: Xacemento de Bugalleiras
• GA 15007070: Petróglifo de Pena Furada
• GA 15007071: Petróglifo do Monte da Calexa
• GA 15007003: Mámoa do Monte da Medorra 1
• GA 15007004: Mámoa do Monte da Medorra 2
• GA 15088003: Mámoa do Ponte Rabeiro 1
• GA 15088004: Mámoa do Ponte Rabeiro 2
• GA 15007002: Mámoa de Salgueiráns 1
• GA 15007009: Mámoa de Salgueiráns 2
• GA 15088029: Mámoa de Bugalleiras 2
• GA 15007066: Mámoa de Turrisqueira
• GA 15007015: Castro de Lañas
• Túmulo 01: Mámoa de Fondo de Val 1
• Túmulo 02: Mámoa de Fondo de Val 2
• Petroglifo 01: Petroglifo do Gavis

Plano de situación cos 5 dos bens patrimoniais e as infraestruturas proxectadas

Entre estes bens son 7 os que, segundo o informe, reciben impactos moderados:

Mámoa do Monte da Medorra 1, atravesada por un camiño polo que pasaría a pista de acceso e unha gabia de cableado.

Mámoa do Monte da Medorra 2, xa afectado por unha pista forestal por onde iría a pista de acceso e gabia de cableado.

Mámoa de Porto Rabeiro 1, o acceso e a gabia de cableado irían a 14 metros do elemento patrimonial, por unha pista forestal xa existente.

Mámoa de Porto Rabeiro 2, o acceso e a gabia de cableado irían a 30 metros do elemento patrimonial, por unha pista forestal xa existente.

Petróglifo do Gavis, o acceso e a gabia de cableado irían a uns 27 metros do elemento patrimonial, por unha pista forestal xa existente.

Mámoa do Fondo do Val 1, con estruturas deseñadas a 50 metros do ben.

Mámoa do Fondo do Val 2, con estruturas deseñadas a 50 metros do ben.

Plano de localización das mámoas do Monte da Medorra 1 e 2 e as infraestruturas proxectadas

Na avaliación de impacto dos 5 primeiros bens repítese, semella que a modo de invocación, o seguinte:

“El vial del parque se ha diseñado de tal manera que no ocupa superficies no afectadas previamente en esta zona, y las ampliaciones, al igual que la zanja, se ejecutan hacia el lado opuesto del elemento”.

Afirmacións que non se axustan á realidade xa que na maioría dos casos trátase de impactos directos sobre os bens ou sobre as súas contornas, alteracións irreversibles que en ningún caso deberían ter a valoración de moderados. Por outra parte a existencia de alteracións previas non debe servir, en ningún caso, como elemento xustificante dunha afectación directa sen volta atrás sobre un ben patrimonial.

É evidente que as pistas de acceso e gabias necesarias para dar servizo ao parque requiren uns anchos maiores que o das pistas existentes (como se pode apreciar nas imaxes que acompañan ao informe), e que a execución destas ampliacións implicaría, nalgúns casos, a destrución ou desaparición case total destes bens patrimoniais, polo que semella que en realidade se está a pedir unha autorización para realizar unha destrución controlada.

Confiamos en que a Dirección Xeral de Patrimonio comparta estas opinións e que, como garante da legalidade, emita o informe correspondente que corrixa estas valoracións.

Non queremos rematar esta entrada sen apoiar publicamente os esforzos que están a realizar os veciños e a Asociación Vento Libre de San Román Val do Dubra para que este proxecto eólico non altere irremediablemente o seu territorio. Grazas polo vosa loita e traballo.

2 pensamentos sobre “O petróglifo do Gavis. A primeira estación de arte Atlántica do concello de Val do Dubra e o proxecto do parque eólico de Vilartoxo

  1. En nome da asociación Veciñal, Ambiental, Cultural e por suposto Patrimonial Vento Libre da parroquia de San Román, no concello de Val do Dubra, queremos expresar publicamente o noso agradecemento ao colectivo A Rula por facer este traballo tan importante e imprescindible para o noso patrimonio.
    Agardamos que a Xunta de Galicia non sexa insensible a todo isto e emita unha valoración negativa ao parque eólico de Vilartoxo por parte de Patrimonio, para protexer e por en valor todo aquilo do que somos herdeiras.
    Grazas a todo o colectivo de A Rula e en particular aos que acudistes na nosa axuda.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.