O petróglifo do Roxido. Un novo petróglifo de armas en Compostela


Amplíase o catálogo de estacións rupestres do concello de Santiago coa descuberta dunha nova laxe con gravados localizada no norte do municipio polo veciño Alfonso Conde, ao que lle agradecemos tivese pensado en nós para realizar o seu estudo. Nesta nova estación destaca a presenza da representación dunha alabarda, o que a converte na terceira estación rupestre da comarca con armas coñecida, xunto co Castriño de Conxo descuberta no ano 1935 e a do Outeiro do Corno teense publicada no ano 2004 e descuberta nos anos 50 do pasado século.

O Roxido. Alabarda

Limiar
1935, 1949 e 2023, son tres datas significativas que marcan importantes fitos na investigación da arte rupestre na nosa comarca, froito do labor realizado, inicialmente, pola grande figura da arqueoloxía galega, Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza en solitario e, na actualidade, polo Colectivo A Rula, que moitas décadas despois dá continuidade e rende homenaxe o traballo realizado pola saga dos Sobrino, pioneiros da investigación do Grupo Galaico da Arte Rupestre na comarca e en Galicia.

Son os anos da descuberta dos tres petróglifos con armas na comarca, o Petróglifo do Castriño de Conxo (Santiago de Compostela), o petróglifo do Outeiro do Corno (Teo) e deste novo achado do petróglifo do Roxido na parroquia de Santa Cristina de Fecha (Santiago de Compostela) que arestora presentamos.

Os dous primeiros foron localizados por R. Sobrino Lorenzo, aínda que cómpre subliñar que o petróglifo de Outeiro do Corno na parroquia de Luou (Teo) foi redescuberto e dado a coñecer polos investigadores Xoán e Xurxo Guitián en 2004 cando aínda non se coñecía o rexistro, deseños e fotografías que medio século antes realizara do icónico motivo da laxe das “Brañas de Regoufe” o mestre Sobrino Lorenzo.

Porén, o labor realizado nestes últimos anos polo Colectivo A Rula na organización e divulgación do arquivo de Sobrino Lorenzo – Ruza puxo de manifesto que o arqueólogo pontevedrés e aparellador compostelán, coñecía e visitara o petróglifo, posiblemente na compaña do seu inestimable colaborador teense, Adolfo Calvo.

O Roxido. Reconstrución fotogramétrica

Situación e entorno arqueolóxico

A parroquia de Santa Cristina de Fecha sitúase no extremo NO do concello de Compostela, limitando ao leste coa homónima parroquia de San Xoán de Fecha, cara ao norte con San Mamede de Piñeiro, e ao sur coa parroquia de Santa María de Ameixenda, no concello de Ames. Ao carón da actual estrada AC 406 está o núcleo habitado do Roxido, un pequeno conxunto de casas tradicionais que conservan certo encanto rodeadas de vizosos terreos de labranza. Sitúase ao pé da pendente norte do Monte Espiñeira, elevacións que teñen continuidade cara o suroeste nos montes de Liñaredo e Chan do Monte no veciño concello de Ames.

Plano de situación da estación rupestre

Nunha pradaría inmediata as casas, en dirección noroeste, sitúase un bolo granítico de algo máis de 5 metros de diámetro e case 2 metros de altura, en cuxa superficie se conservan os gravados.

Coordenadas xeográficas 42.943222, -8.615270

Os elementos arqueolóxicos próximos máis destacados son, en dirección norte, a pouco máis dun km, o recinto fortificado de Chan do Castro. En dirección nordés a un km sitúase a mámoa de Chan de Camouzo e a uns 300 metros ao leste desta o conxunto rupestre de Fonte Matanza formado por 6 superficies gravadas e, un pouco máis lonxe, o castro de Fontoade.

Ao oeste, a pouco máis dun km, a necrópole megalítica da Anduriña formada cando menos por 6 mámoas características de finais do neolítico. Na mesma dirección, a 1,8 km, atópase o petróglifo de Monte Grande xa estudado por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza na primeira metade do pasado século.

Petróglifo de Monte Grande

En dirección suroeste, a 1,8 km localízase o petróglifo de Chan do Monte.

Petróglifo de Chan do Monte

En dirección surleste, a un km atópase o xacemento de Volta do Carballo (GA15002012), un interesante depósito metálico de 10 machados de talón e dobre anel e cerámica asociada, na actualidade conservado no coruñés Museo Arqueolóxico de Santo Antón.

Resumindo, localízase esta nova estación nun territorio cunha alta concentración de xacementos catalogados adscribibles a nosa prehistoria recente e, nun espazo equidistante entre os conxuntos rupestres de Liñaredo e o de Fonte Matanzas.

Depósito de machados de bronce do Xacemento de Volta do Carballo. O Mercuto. Ameixenda. Ames

Descrición

Trátase dun afloramento granítico de forma convexa de boas dimensións. Posúe unha ampla superficie horizontal moi regular na súa cima, na que se conservan os gravados e unha zona en pendente onde destaca a presenza dunha alabarda. A laxe está dividida en dúas por unha diáclase que a atravesa en sentido noroeste/sur este. No medio da diáclase hai unha pía de forma triangular irregular. Perpendicular a esta fenda cruza unha estreita vea de seixo que tamén atravesa a pía central e semella servir de referencia ao gravador da alabarda, xa que a realiza ao seu carón. Outras fendas e pías de maiores dimensións e formas irregulares sitúanse na metade sur na superficie inclinada.

Reconstrución fotogramétrica con indicación dos principais motivos

Nunha primeira observación con condicións lumínicas normais observamos un conxunto de coviñas de formas, diámetros e profundidades diferentes que se concentran principalmente na superficie situada ao sur da diáclase central, distribuídas sen unha orde aparente, aínda que en ocasións parece que as coviñas de menores dimensións rodean algunhas das coviñas máis grandes. Ao redor de dúas das coviñas circulares de maiores dimensións (B) consérvanse restos de sucos de posibles círculos concéntricos moi esvaecidos.

Grupo principal de coviñas

Na superficie ao sur da diáclase un pequeno conxunto de 8-9 coviñas (C) acumúlase nunha pía irregular situada ao carón doutra pía máis pequena e un rebaixe triangular. Estas coviñas semellan estar dispostas conformando un círculo, agás unha delas que se sitúa descentrada no interior da figura.

Grupo C de coviñas dispostas en círculo

Do rebaixe de forma triangular parte un longo suco sinuoso (D) que descende pola superficie da rocha ata outra pía alongada situada na esquina suroeste da peneda. As dimensións das coviñas e cazoletas son moi diversas, sendo as dúas maiores as localizadas na cima da peneda con dimensións de 21x 11 cm e 14 x 10 cm. e 5 cm. de profundidade (B). Pola contra as máis pequenas localízanse na agrupación circular con coviñas duns 3 cm de diámetro e apenas 1-2 cm. de profundidade (C).

Empregando a fotogrametría confirmamos o motivo de maior interese. Sitúase na parte norte da superficie, ao carón da pía central, superficie que presenta certa inclinación. Identificamos o motivo como a representación dunha alabarda (A) cunha folla triangular elaborada mediante baleirado e o seu característico mango alongado. A folla mide 27 cm. de largo por 11 cm. de ancho. Unha coviña sitúase ao carón do remate do mango da arma. Nesta parte da superficie aprécianse restos doutros sucos mais están tan esvaecidos que foi imposible a súa identificación.

Alabardas irlandesas. Museo de Dublín

O deseño ou técnica de execución desta alabarda non é novo, aínda que é certo que non figura a característica nervadura central presente noutras representacións noutros petróglifos galegos como Primadorno, Pedra Ancha, Foxa Vella, Coto da Aspra, non sempre é así. Contamos con gravados moi semellantes tanto en Galicia como no Norte de Portugal, gravados tamén coa mesma técnica de baleirado. Representacións que tradicionalmente asociamos a nomeada tipoloxía “carrapatas” presente no rexistro arqueolóxico do noroeste peninsular.

Albarda e puñal. Depósito de Leiro. Lioira -Rianxo. Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón

As superficies máis horizontais do penedo son as empregadas para gravar a maior parte dos motivos (coviñas) a excepción da alabarda así como un par de coviñas ao redor desta. Esta escolla de superficies inclinadas para gravar as armas é a máis habitual na nosa arte rupestre e nela algúns autores teñen interpretado a intención de realizar unha representación aberta, accesible e visible a todos, e a través da escolla de certos motivos, as armas, enxalzar o poder do varón, do guerreiro ou da propia comunidade.

Alabarda. Petróglifo do Monte de San Gonzalo, Barcelos, Portugal

A elección do lugar. Unha análise topoastronómica

Revisada a localización xeográfica do Petróglifo do Roxido compróbase que a súa posición coincide cun aliñamento topoastronómico co veciño cumio do monte Espiñeira, o mais alto e achegado ao petróglifo. Nesta cima alombada, distante a 855 metros, prodúcese o orto do solsticio de verán a 66,4º de acimut e 10,3º de elevación.  

Pese a que para certas opinións con insuficiente información sobre estes asuntos puidera parecer que a constatación dun dato obxectivo coma este non respondería máis ca un simple capricho, resulta máis que razoable ou incluso obrigado considerar tódolos parámetros medibles de calquera novo achado coma este, incluíndo o arqueoastronómico. Así, aínda que evidentemente os datos atopados puideran tratarse unicamente dunha mera coincidencia, tamén é posible que o aliñamento responda a unha intencionalidade implícita dos seus gravadores orixinais.  

A este respecto, en primeiro lugar, compre considerar que a apreciable elevación de 10,3º parece indicar a intencionalidade dunha triangulación axeitada entre a localización do lugar de observación (coordenadas horizontais) e a observación dun determinado fito paisaxístico á elevación requirida, axustándose exactamente á distancia para poder contemplar o sol nesa data e altura precisa. En termos estatísticos isto significaría unhas posibilidades bastante reducidas de que o emprazamento da observación puidera ter sido elixido aleatoriamente sen ter en conta este factor. 

En segundo lugar, este novo aliñamento calendárico dun petróglifo co gravado dunha alabarda ven a coincidir cos datos atopados noutros casos similares de petróglifos de armas en Galicia (BOUZAS SIERRA, 2016). Nos 20 casos revisados no citado estudo (cos mais importantes e publicados ata esa data) comprobouse a existencia de aliñamentos topoastronónicos calendáricos semellantes, coincidindo moi frecuentemente con solsticios ou lunasticios, tal e como acontece por exemplo coa veciña e moi próxima panoplia do Castriño de Conxo respecto do Pico Sacro durante o solsticio de inverno (BOUZAS SIERRA, 2009). 

A modo de conclusión

Dous son os aportes a destacar desta nova estación compostelá. O primeiro ven determinado pola súa localización, a medio camiño entre os conxuntos rupestres do Monte Espiñeira ao nordés e o conxunto dos montes de Liñaredo ao suroeste, enchendo un baleiro produto da falta de investigación que nos permite avanzar no coñecemento das localizacións da nosa arte rupestre na comarca. Con esta nova estación coidamos que debemos empezar a falar do Conxunto Rupestre Montes de Liñaredo – Monte Espiñeira e debe servir para iniciar interesantes novas liñas de investigación que afonden no eido da distribución dos nosos petróglifos.

En segundo lugar e, en parte relacionado co anterior, o outro aporte de importancia desta laxe é o coñecemento dunha nova representación dunha arma, unha alabarda, adscribible a un período concreto da nosa prehistoria, os inicios da Idade do Bronce. A importancia destas representacións de armas é tal que teñen sido empregadas tradicionalmente como base para a proposta cronolóxica dos nosos petróglifos no Bronce Inicial.

Algúns autores sinalaron para estas pezas un carácter simbólico / ideolóxico de xeito exclusivo desbotando un uso práctico. Porén, estudos recentes de arqueoloxía experimental (Ronan O´Flaherty, 2007) revelan a factibilidade dun uso funcional desta arma que integra a típica panoplia da Idade do Bronce xunto cos puñais e espadas, tal e como aparecen representados no petróglifo do Castriño de Conxo. Estudos das trazas de uso destas armas localizadas en contextos arqueolóxicos demostran que foron reafiadas, e polo tanto utilizadas en varias ocasións.

Ademais, a súa consideración como elementos de prestixio polas comunidades gravadoras e a súa evidente vinculación coa violencia coercitiva fai que algúns autores teñan sinalado para os paneis con representacións de armas unha posible función disuasoria ou de advertencia para aqueles viaxeiros alleos á comunidade que se acheguen ao seu territorio.

Podería ter funcionado O Roxido como espazo limítrofe entre as comunidades gravadoras dos montes de Liñaredo e as do Monte Espiñeira? Evidentemente non temos suficientes datos para afirmar nada semellante, xa que só acadamos unha peza máis do fascinante quebracabezas que representa na actualidade a nosa arte rupestre prehistórica, pero iso sí unha peza excepcional.

O estrano momento da notificación da descuberta

O estudo da nosa arte rupestre semella que continúa a ser unha responsabilidade case exclusiva dos cidadáns (tradicionalmente coñecidos na literatura da materia como “afeccionados”), xa que as administracións manteñen unha falta de interese e responsabilidade en algo tan evidentemente necesario como o é o desenvolvemento dun catálogo de xacementos rupestres completo, actualizado e accesible.

Non temos que ir moi lonxe para ver un exemplo do que afirmamos: o caso do veciño conxunto de petróglifos de Fonte Matanzas, catro deles notificados por nós no ano 2019, ou os tamén próximos petróglifos de Fontecova (1, 2 e 3), que seguen sen estar incluídos no visor do Plan Básico Autonómico catro anos despois, pese a tratarse dun instrumento fundamental para o coñecemento preventivo do noso patrimonio que permita garantir a súa conservación.

Como o Joseph K do Proceso, unha e outra vez, damos de fronte coa opacidade das nosas administracións. Descoñecemos que ten pasado coas nosas comunicacións, se foron ignoradas ou tomadas en conta, se o estudo-catalogación se atopa nalgunha fase do procedemento ou simplemente non hai tal procedemento ou, se o houbo, se xa foi pechado con resultado positivo ou negativo. Preguntas sen resposta.

Se atendemos ao que establece a lei, (artigo 26 da lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia) pasados seis meses sen resposta desde as notificacións aplícase o silencio negativo, o que implica o rexeitamento das nosas solicitudes de valoración e catalogación. Mais, tamén, indican a lei e a xurisprudencia que este xeito de actuar das nosas administracións, evitando toda resposta e aplicando por defecto o silencio negativo ás solicitudes dos cidadáns debe ser perseguida, xa que este xeito de actuar vulnera dereitos fundamentais dos cidadáns e limita a súa participación nos asuntos públicos, elemento imprescindible para a calidade democrática do noso sistema. E así indica a lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, no seu artigo 21, a obriga de ditar resolución expresa e a notificala en tódolos procedementos calquera que sexa a súa iniciación.

Pero, ocorre que o facer valer xudicialmente o noso dereito a obter unha resposta expresa as nosas solicitudes, para unha asociación como a nosa, implicaría que descoidásemos os nosos obxectivos de estudo e a divulgación dos petróglifos entre a cidadanía e, por iso é que acabemos conformando co silencio.

Petróglifo de Fonte Matanza 1

A continuación, comunicaremos este novo xacemento xa que como cidadáns seguimos convencidos do noso dereito a participar na xestión dos asuntos públicos e da obriga das administracións a facilitalo, polo que procedemos a solicitar o estudo e a catalogación deste novo xacemento, tanto a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia como ao Concello de Santiago de Compostela, aínda que corramos o risco de sentirnos outra vez como aquel outro personaxe literario, o Coronel de García Márquez

Bibliografía

Unha idea sobre “O petróglifo do Roxido. Un novo petróglifo de armas en Compostela

Deixa unha resposta a Jorge Guitián Cancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.